A lucense Marta Fernández vén de sufrir un aborto na súa décimo terceira semana de embarazo. Tras diversas dificultades lograra quedar embarazada do que sería o seu primeiro fillo ou filla, un embarazo de risco ante o que solicitou unha baixa no seu traballo como enfermeira no 061. Realizou os trámites para exercer ese dereito pero a mutua FREMAP denegoullo. Agora fai público o seu caso porque, di, non é a primeira vez que acontece.
Aínda que, subliña, non pode demostrar que exista unha relación causa-efecto entre a denegación da baixa e o aborto o que si existe é un precedente, o dunha compañeira da base do 061 de Foz, na Mariña, que pasou por unha situación semellante a finais de 2014. E o que tamén existe, explicou este xoves ante os medios, é que o propio 061, dependente da Consellería de Sanidade, "recoñeceu o risco por estar traballando nunha ambulancia" e así o fixo constar nun informe do seu servizo de prevención de riscos laborais.
"Pero no FREMAP dixéronme que non podía ter a baixa ata que estivese embarazada de seis meses e medio" con independencia dos riscos evidenciados polo organismo público. "Recorrín, pero despois chegou un silencio administrativo e xa foi tarde", lamenta.
O 061 "recoñeceu o risco, pero no FREMAP dixéronme que non podía ter a baixa ata que estivese embarazada de seis meses e medio", explica Marta Fernández
Marta Fernández compareceu ante os xornalistas acompañada por dirixentes do PSdeG e das Xuventudes Socialistas en Lugo, para quen esta é unha mostra da "perda de dignidade" que provocan as "políticas antisociais do PP". Para o secretario xeral das XSG, Aitor Bouza, este é "un feito intolerable froito das políticas de odio ás persoas" polas que, indican os socialistas, terá que responder a conselleira de Sanidade no Parlamento. "O PP está en contra do dereito ao aborto, pero despois condena as mulleres que queren ter fillos", censura, mentres esixe que Alberto Núñez Feijóo "tome medidas" por este caso.
O PSdeG anuncia a presentación de iniciativas no Parlmaento para "evitar novos casos coma este"
Nun sentido semellante a secretaria de Igualdade do PSdeG, Eva Martínez, lamenta, na xornada en que o PP saca adiante no Congreso o seu recorte ao dereito ao aborto, que "os que presumen de seren os defensores da familia deneguen baixas médicas a persoas como Marta, que ten todo o noso apoio". Neste escenario, o PSdeG anuncia ademais a presentación dunha iniciativa parlamentaria encamiñada a esixirlle á Xunta "medidas correctoras para evitar novos casos coma este".