En Narón, Fene, Ares e Mugardos, xa poden consumir auga da billa con normalidade, tal como anunciaron responsables da Xunta en rolda de prensa. Na outra cara da moeda está Ferrol que segue co veto, e xa van 3 días. A última analítica levada a cabo deu un valor de trihalometanos de 130, cando deben estar por debaixo de 100.
Nos municipios da ría, os valores das analíticas foron de 87 en Narón, 54 en Fene, 54 en Ares e 86 en Mugardos, todos baixo o límite de 100 e de aí a fin do veto. En Ferrol, as probas realizáronse nunha mostra que saíu dunha billa do propio edificio da Xunta, na praza de España. O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez afirmou que a Xunta só tomou unha mostra por concello e que os técnico de Emafesa, a empresa de augas, tiñan datos moi inferiores de "laboratorios acreditados". Suárez cre que os resultados da Xunta se deberon a que a cata se fixo nunha planta do edificio "de moi pouco uso, e menos en fin de semana, co que a rede de auga non se moveu".
Suárez tivo que ir á rolda de prensa para enterarse dos resultados da Xunta, posto que non llos comunicaron. O rexedor afirmou que Sanidade "incumpliu o compromiso de informar aos concellos antes da rolda". "A explicación é que tiñan mal anotado o meu número, cando xa faláramos en varias ocasións", sentenciou o alcalde. Suárez pediralle previamente á Xunta que activase o plan de emerxencia ao que o vicepresidente Rueda lle contestou que "non se trata de activar plans así alegremente".
Por outra banda, a Fiscalía da Área de Ferrol abriu dilixencias de oficio sobre a situación do subministro de auga. O obxecto é esclarecer se a agua que se está subministrando representa un risco para a saúde. O primeiro paso será solicitar á empresa de augas ferrolá, Emafesa e ao Concello de Ferrol información sobre os acontecementos e determinar se hai responsabilidades penais."As dilixencias que abriu a Fiscalía servirán para esclarecer varias cuestións, entre elas se é certo o que dixo a voceira do PP de que a Xunta non fixo públicos os primeiros análises porque llo pediu Emafesa", declarou o alcalde. Pola súa banda, o Valedor no Pobo tamén abriu unha queixa de oficio. A institución dirixiu escritos para pedir información aos rexedores das localidades afectadas, instándoos a informar da situación e, en concreto, a coñecer as causas polas que Emafesa non corrixiu a situación con anterioridade.
Toda a situación rematou por causar un cruce de acusacións polas responsabilidades derivadas. En Ourense, a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, atribuíu o problema á "desidia" de Emafesa, por non tomar "as medidas que tiña que tomar". Asemade tamén fixo fincapé en que a responsabilidade é do concello e do alcalde, que é presidente da empresa mixta, que ten como socio privado a Urbaser. Pola súa banda, Suárez sostén que no concello non tiveron información do que ocorría ata "o mesmo día" que lles fixeron a restrición. "Ese mesmo día", sostén o rexedor, "a xefa territorial de Sanidade aseguroume que as analíticas había que facelas en Lugo, e que ata 6 días non se ían saber os resultados. Por fortuna, a presión da xente fixo que buscasen outro método".