Darío Rivas protagonizou a homenaxe nacional ás vítimas do franquismo

Un momento no acto celebrado na Illa de San Simón © Iniciativa Galega pola Memoria

A Illa de San Simón acolleu, un ano máis, a Homenaxe Nacional ás vítimas da ditadura franquista, un acto organizado polas asociacións que fan parte da Iniciativa Galega pola Memoria e no que participaron máis de 400 persoas. A xuntanza deste domingo estivo centrada desta volta na reivindicación da memoria das persoas exiliadas por causa da represión.

O acto contou coa testemuño de Darío Rivas, quen aos 94 anos lidera a querela na Arxentina contra os responsables do xenocidio iniciado en 1936, entre cuxas vítimas se atopa o seu pai, alcalde de Castro de Rei executado por falanxistas. A IGM reiterou demandas centrais noutras homenaxes, como a derrogación da lei de amnistía, lembrándolle ao Estado español que está a incumprir coas recentes recomendacións que en materia de dereitos humanos fíxolle Nacións Unidas.

Tamén se reclamou a devolución á illa de San Simón, un dos maiores campos de concentración montados polo franquismo entre 1936 e 1943, do seu carácter de lugar de memoria. Demandouse igualmente "o debido recoñecemento ás familias da parroquia de Cesantes, polo seu labor solidario e humanitario naquel período cos repesaliados e as súas familias".

Os asistentes á homenaxe chegaron á illa en catro quendas dun barco que partiu do porto de San Andrés de Cobres (Vilaboa). A homenaxe comezou coa interpretación do Himno de Riego por parte dun grupo de gaitas. Fernando Souto (da CRMH da Coruña) fixo un resumo aos presentes das demandas históricas da IGM, para logo dar paso á lectura por parte de Queta Molas (ARMH de Marín) dun texto de Luís Bará (Asociación “A Regaduxa” de Vilaboa) que lembrou o testemuño de Isabel Gómez Costas e a súa familia, veciños de Redondela, que marcharon ao exilio no ano 1937.

Darío Rivas foi presentado polo músico e mestre Mero a quen une unha longa relación de amizade. Foi, segundo relatan os responsables da Iniciativa Galega pola Memoria, un "espazo da homenaxe altamente emotivo para eles e o público que seguiu cun silencio respectuoso a lembranza das horas difíciles que viviron esas familias de Lugo". A intervención de Darío Rivas puxo broche final ao acto xunto coas tradicionais soltas de pombas e achegas florais que familiares e amigos das vítimas achegaron un ano máis a San Simón. O Himno Galego pechou a homenaxe.

 

Recoñecemento aos mariños asasinados en Ferrol

Durante os actos deste domingo presentouse, ademais, a Asociación de Familiares de Mariños vítimas do franquismo na Base Naval de Ferrol. A entidade destacou que "no 79º aniversario dos enfrontamentos por defender os buques na Base Naval de Ferrol, vémonos na necesidade de organizarnos para darlles visibilidade as nosas vítimas familiares aínda ocultas e profundamente discriminadas, dada a importancia histórica que teñen, tanto na historia de Ferrol, como de Galicia e do Estado Español en canto á resistencia e perda dos buques que estes mariños protexeron e polo cal perderon a vida a través de penas de morte, paseos e crueis permanencias en prisión".

Piden "a anulación dos procesos xudiciais do franquismo xunto ás condenas derivadas dos mesmos", reivindican a Base Naval e Arsenal Militar de Ferrol como Lugar de Memoria sinalado e recoñecido institucionalmente, a retirada dos "nomes de exaltación franquista do rueiro do Arsenal Militar de Ferrol, segundo estudo xa realizado por historiadores locais", o recoñecemento da "existencia do campo de concentración da Escollera dentro da Base Naval" e a súa "sinalización exacta" e "a realización dunha homenaxe anual e institucional contando con representación das familias represaliadas dedicado a todas as vítimas da mariña da Base Naval de Ferrol".

Un momento do acto © Iniciativa Galega pola Memoria
Darío Rivas chegando a San Simón © Iniciativa Galega pola Memoria

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.