De Sarria a Triacastela: as touradas buscan nos concellos do PP a súa supervivencia

Triacastela, lugar de paso do Camiño de Santiago CC-BY-NC-ND Alexander Schimmeck

Triacastela é un concello de 721 habitantes, coñecido entre outras cousas por ser lugar de paso do Camiño Francés a Compostela ou por acoller na súa xeografía a Cova Eirós, na que en 2012 se descubriron as primeiras mostras de pinturas rupestres en Galicia. Porén, este verán o nome de Triacastela podería asociarse á cada vez máis reducida lista de concellos galegos que acollen corridas de touros, se finalmente se confirma o a intención do empresario taurino que nos últimos anos organizaba as touradas en Sarria -suspendidas pola fin das subvencións municipais tralo cambio de goberno que desaloxou o PP do poder- de trasladar o espectáculo á localidade veciña.

O espectáculo de tortura animal celebraríase na fin de semana do 22 e o 23 de agosto

O espectáculo de tortura animal celebraríase na fin de semana do 22 e o 23 de agosto, seguinte ao das festas de San Mamede, con dous toureiros e unha rejoneadora, que lles quitarían a vida a touros da gandaría salmantina Montalvo. A alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, podería confirmalo este mércores, trala xuntanza que hoxe manterá con hostaleiros da localidade. Segundo publica La Voz de Galicia, este luns a rexedora estivo visitando posibles emprazamentos para o recinto portátil, percorrendo o concello xunto co empresario taurino e o concelleiro do PP en Sarria, Manuel Sangil.

A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas alertou este luns da imaxe que o Concello de Triacastela "ofrecerá ao exterior e á cidadanía", a dun goberno municipal "que non só ampara, senón que tamén emprega diñeiro do conxunto da Sociedade civil para financiar a tortura pública dun ser vivo como suposta forma de espectáculo". A plataforma abolicionista sinala que dos dez mil euros que custa a organización deste espectáculo "se poderían facilitar 11 bolsas de comedor durante todo un ano para nenos de familias en risco de exclusión social". Lembran, así mesmo, como outro concello de tamaño semellante, Muíños (Ourense), suprimiu as touradas despois de varios anos de subsidio e apoio, ao entender que non había medios para levar a cabo isto sen diñeiro público. A alcaldesa de Triacastela, pola súa banda, asegura que o seu Concello non terá que pagar "practicamente nada", pois os dez mil euros serán achegados por patrocinadores privados, segundo lle tería asegurado a Asociación Xaora.

Os colectivos abolicionistas xa sinalaran que era probable que o lobby protaurino buscase a súa supervivencia botando man de gobernos municipais afíns (do PP, principalmente)

Nas últimas semanas, despois da decisión do Concello da Coruña de anular o contrato da feira taurina que se viña celebrando na cidade herculina, suprimindo a subvención indirecta que recibían os seus organizadores, o empresario taurino Tomás Entero ameazou con levar o espectáculo a outras localidades da provincia, a través de recintos portátiles. Os colectivos abolicionistas sinalaron nese momento que nun momento de regresión das corridas de touros en Galicia, coa fin das touradas na Coruña e Sarria, era probable que o lobby protaurino buscase a súa supervivencia botando man de gobernos municipais afíns (do PP, principalmente), sobre todo aproveitando o dominio conservador en pequenos concellos e zonas rurais.

A petición online lembra o prexuízo que a organización desta corrida de touros pode ter para a imaxe e o turismo de Triacastela, "especialmente ante a opinión pública estranxeira"

Unha petición online, que leva recollidas xa máis de dúas mil sinaturas, demándalle ao Concello de Triacastela que descarte a celebración de touradas na localidade, mantendo deste xeito a provincia de Lugo "libre de espectáculos onde se torturen animais". A petición lembra o prexuízo que a organización desta corrida de touros pode ter para a imaxe e o turismo de Triacastela, "especialmente ante a opinión pública estranxeira". Lembran que en 2011 a Asociación Djürens Ratt, a maior asociación proteccionista sueca, con máis de 35.000 socios, desaconsellou a visita á Coruña por ter esta cidade renovado o contrato de touradas no Coliseum. Así mesmo, engaden que varias axencias de turismo europeas xa prescindiron de promover municipios onde se desenvolvan festa de maltrato animal. Alertan, finalmente, que asociacións animalistas e culturais de Lugo prevén realizar unha "campaña no Camiño de Santiago informando sobre o que supoñen as touradas no que respecta a maltrato animal".

Triacastela, lugar de paso do Camiño de Santiago CC-BY-NC-ND Alexander Schimmeck
Igrexa románica de Triacastela CC-BY-NC Lusco fusco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.