A CIG lémbralle a Sanidade a súa responsabilidade no control de augas

Depuradora de augas no Grove © Xunta

Rocío Mosquera, conselleira de Sanidade, asegurou este luns que o seu departamento decidiu "tomar as rendas da situación" ante a "falta de reacción" do Concello de Ferrol na crise de saúde pública que durante tres días deixou sen auga potable a 150 mil persoas na comarca. O Sergas "non podía permitir que pasasen días sen tomar decisións", afirmou. Porén, este mércores CIG-Autonómica vén de lembrarlle publicamente a Mosquera que "a vixilancia sanitaria das augas de consumo humano e de baño son competencia da Consellería de Sanidade", polo que "non é aceptábel que a conselleira tente responsabilizar a outras administracións do que son as súas obrigas".

CIG-Autonómica lémbralle a Mosquera que "a vixilancia sanitaria das augas de consumo humano e de baño son competencia da Consellería de Sanidade"

O sindicato destaca que a Consellaría ten á súa disposición para este fin "o corpo de Farmaceúticos Inspectores", un total de 71 funcionarios e funcionarias "para atender a totalidade das praias do país, ríos, pozos, o programa de prevención e control sanitario da prevención da Lexionelose e demais funcións que entran dentro dos seus deberes cos cidadáns e cidadás". A CIG denuncia "a falta de interese da Xunta en todo o que ten que ver coa sanidade ambiental" e manifesta o seu "asombro" de que "non se teñan producido máis casos de alertas sanitarias".

Sobre todo, tendo en conta o que considera "reducido número" efectivos humanos "para a inmensidade das tarefas de vixilancia da sanidade ambiental encomendadas ao corpo de inspección farmacéutica". O sindicato considera que con estes medios é "imposíbel que a Consellería de Sanidade poida garantir un nivel sequera mínimo de calidade no control dos riscos ambientais, cun corpo de funcionarios e funcionarias que non daría nin para estabelecer gardas na maioría dos centros dende os que realizan as súas funcións se tivesen intencións de facelo". E alerta de que as fins de semana son un momento "especialmente sensíbel" á aparición de problemas sanitarios, posto que son "días nos que tampouco se realizan traballos de vixilancia, porque non se estabeleceron gardas, xa que terían que destinar maior dotación orzamentaria á Sección de Sanidade Ambiental".

O sindicato considera que con estes medios é "imposíbel que a Consellería de Sanidade poida garantir un nivel sequera mínimo de calidade no control dos riscos ambientais"

O sindicato critica, así mesmo, que este corpo de inspectoras e inspectores padece "dende a súa creación no ano 2006" unha "discriminación retributiva respecto doutros corpos de inspección da mesma administración, e inclusive da mesma consellería". E demanda "a ampliación da partida orzamentaria destinada á Sección de Sanidade Ambiental, de xeito que mellore a vixilancia da saúde dos cidadáns, mediante a ampliación dos efectivos para que estes poidan levar á práctica o sistema de calidade e auditoría estipulado, así como ver cumpridas as súas demandas de equiparación salarial con outros corpos de inspección".

 

Comezan as investigacións

Tanto o Concello de Ferrol coma a Xunta iniciaron xa os procesos de investigación

Tanto o Concello de Ferrol coma a Xunta iniciaron xa os procesos de investigación que buscar dirimir as causas que levaron á contaminación da auga e a súa ineficiente e tardía comunicación ás administracións responsables e á cidadanía. O Goberno local solicitoulle xa a Emafesa as análises de trihalometanos dos últimos catro anos para comprobar se nos últimos meses había xa unha tendencia ascendente nos niveis que permitise prever a situación á que se chegou. Así mesmo, o alcalde Jorge Suárez demandoulle formalmente á empresa a convocatoria inmediata dunha xunta para constituír o novo consello de administración de Emafesa, xa coa presenza do goberno municipal saído do 24M. 

Este martes continuou o tirapuxa político entre o Goberno ferrolán por unha banda, e Xunta e PP pola outra

Por outra banda, este martes continuou o tirapuxa político entre o Goberno ferrolán por unha banda, e Xunta e PP pola outra. Mentres Beatriz Sestayo (PSdeG-PSOE) acusou á Xunta de actuar con "absoluta irresponsabilidade" e de aparecer unicamente "para crear caos e alarma", o popular Miguel Tellado reiterou a súa acusación a Jorge Suárez de "ocultar durante máis de dez días a crise da auga, permitindo que durante todo ese tempo os ferroláns estiveran recibindo nos seus domicilios auga que non era apta para o consumo humano”, na liña do afirmado pola conselleira Rocío Mosquera e outros membros do Goberno galego.

Depuradora de augas no Grove © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.