O lume arrasou 860 hectáreas de Rede Natura na peor fin de semana do ano para o monte galego

O lume arrasou máis de 430 hectáreas en Navia de Suarna © @BrifLaza

431 hectáreas en Navia de Suarna, nos Ancares, máis de 200 en Folgoso do Courel, outras 235 en Padrenda (Ourense). Ao longo da fin de semana 840 hectáreas da Rede Natura arderon só nestes tres incendios. Houbo outros, menos importantes, pero que nalgúns casos se achegou a vivendas habitadas, como sucedeu en Vilamarín (Ourense). O lume de Folgoso do Courel permanece aínda activo, despois de 40 horas, segundo unha nota de prensa de Medio Rural das 9.30 horas deste luns. O de Navia de Suarna está "estabilizado", mentres que o de Padrenda foi extinguido. Hai, ademais, outro lume forestal activo no concello da Fonsagrada, parroquia de Bruicedo. Iniciouse ás 01:00 horas deste luns e segundo estimacións provisionais afecta a unha superficie de 28 hectáreas, das cales 20 son de monte raso e as 8 restantes de arborado.

Tanto o incendio dos Ancares coma o do Courel comezaron o sábado pola tarde e avanzaron moi rapidamente, sendo necesaria a intervención de 1 técnico, 7 axentes forestais, 26 brigadas, 19 motobombas, 1 pa, 9 helicópteros e 5 avións no caso de Navia de Suarna, e de 2 técnicos, 5 axentes forestais, 14 brigadas, 11 motobombas, 1 pa, 2 helicópteros e 2 avións. No lume declarado no Courel mesmo interviron un avión da base de Ibias (Asturias) e outro da de Matacán (Salamanca), dependientes ambos os dous do Ministerio de Agricultura.

Os tres incendios afectaron a espazos de gran valor natural e paisaxístico, no que foi a peor fin de semana do que levamos de ano para o monte galego en xeral e para a Rede Natura en particular. No incendio de Navia de Suarna foi preciso decretar como medida preventiva a denominada Situación 2 porque podía afectar a poboación e a bens non forestais, requerindo a adopción inmediata de medidas de protección e socorro. O lume achegouse a varias vivendas, que se mantiveron en perigo durante toda a tardiña do sábado e o inicio da noite e a madrugada. A alerta foi desactivada ás dúas da mañá. O alcalde de Navia de Suarna destacou o importante que neste caso foi que os veciños da zona afectada, moitos deles de idade avanzada, tiveran moi limpo o espazo que rodeaba as súas casas.

Quintana limitouse a pedirlles "cautela e precaución" ás persoas que se acheguen ao monte ante a "situación complicada" que atravesa Galicia por mor dunha "sequía importante"

Pola súa banda, a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, limitouse a pedirlles "cautela e precaución" ás persoas que se acheguen ao monte ante a "situación complicada" que atravesa Galicia por mor dunha "sequía importante". Quintana asegurou que "temos o mellor servizo de extinción de incendios de todo o territorio nacional" pero "por moitos medios que lle metas cando un incendio é así nunha zona complicada como esta é difícil apagalo", dixo.

Os traballadores forestais leven semanas denunciando a precariedade de medios e fragmentación do servizo, criticando a súa situación de precariedade laboral e alertando de que Galicia non está preparada para afrontar unha vaga de lumes

Os incendios dos últimos días chegan despois de que os traballadores forestais leven semanas denunciando a precariedade de medios e fragmentación do servizo de loita contra o lume, criticando a súa situación de precariedade laboral e alertando de que Galicia non está preparada para afrontar unha vaga de lumes. Así o fixeron, por exemplo, o pasado xoves polas rúas de Compostela, onde se manifestaron un milleiro de brigadistas. As organizacións sindicais denunciaron ese día que "non se realizou a prevención en inverno" e que "os bulldozer están a limpar os cortalumes no lugar de estar en retén, co que isto fai que tarden máis de tres horas en chegar ós lumes". "Cando chegan, ós lumes teñen unhas dimensións xa importantes", engadiron.

"A Xunta segue a mentir descaradamente argumentando que o operativo está listo, pero a realidade é outra", afirmaron os sindicatos antes da manifestación. "As brigadas dos concellos que constan no Pladiga aínda non están operativas, retrasouse o inicio das brigadas de Seaga ata o 16 de xullo e continúan sen cubrir as baixas, xubilacións e postos vacantes do dispositivo propio da Xunta", explicaron.

Esta semana está previsto que o martes pola noite chova levemente no occidente de Galicia e que o mércores o faga en todo o país. A fin de semana podería regresar o sol e as temperaturas altas, con vento de nordés.

O lume arrasou máis de 430 hectáreas en Navia de Suarna © @BrifLaza
O incendio de Folgoso do Courel queimou máis de 200 hectáreas © Axentes MM de CC.OO.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.