O proxecto de construción da autovía A-57 en Pontevedra forma parte, segundo Alternativa Galega de Esquerda (AGE), “dun sistema de saqueo ás arcas públicas, que xa amosou as súas consecuencias con esta crise e que agora pretenden repetir”. Así o expuxo o deputado Antón Sánchez nunha comparecencia de prensa esta mañá no Parlamento, xunto ao tamén deputado Juan Fajardo e ás integrantes do colectivo Salvemos A Fracha, Cruz Villaverde e Blanca Barcia.
“O plan inicial da autovía é da época de Cascos, das vacas gordas, como presunta alternativa gratuíta á AP-9”, relatou Villaverde, “e daquela a maioría da xente xa pensaba que o mellor era quitar a peaxe da propia AP-9”. O reactivado proxecto de construción de 64 quilómetros de autovía, orzamentado en máis de mil millóns de euros, é regresar “ao malgasto de cartos de todas as contribuíntes, cando se podería retirar a peaxe da AP-9”, sinalou. A maiores, engadiu, "Fomento adxudicou a obra a San José, que presentou un proxecto por 24 millóns de euros menos do calculado pola Administración".
A activista de Salvemos A Fracha tamén denunciou "a falsa propaganda que a Administración está a realizar da obra" ao cualificala de “circunvalación de Pontevedra”. “É unha falsa circunvalación que os e as pontevedresas deberán ir coller a sete quilómetros da cidade e que nin sequera comunica as parroquias polas que pasa”, explicou. Explicou, ademais, que o proxecto se realizouse sen ter en conta o impacto ambiental do mesmo, que segundo a plataforma será “enorme”. Porque, de ir adiante a obra, haberá "recheos e noiros que non respectan a orografía da zona e que cegan numerosos puntos de auga". “O estudo de impacto ambiental localiza nove puntos de auga. Nós contamos máis de 50 entre regatos, fontes ou mina”, afirmou Villaverde.
“Todo o proceso foi escurantista. Intentamos reunirnos co Ministerio de Fomento e non obtivemos resposta, malia que a propia ministra, Ana Pastor, pasa moito tempo en Pontevedra. Do Concello de Pontevedra só nos responderon a través dos medios de comunicación para negarnos unha xuntanza”, dixo Villaverde, antes de concluír: “Non queremos cambios no plan da autovía. Esa estrada non é necesaria. Xa temos a AP-9. Que lle retiren a peaxe”.
Alternativa Galega de Esquerda, pola súa banda, comprometeuse coas activistas de Salvemos A Fracha a seguir combatendo na Cámara este, en palabras de Fajardo e Sánchez, “sistema de saqueo das arcas públicas”.