A normativa da UE supón un novo atranco para o proxecto da batata en Galicia

Recreación dunha futura planta de Termo-Biológicas © Termo-Biológicas

O megaproxecto para a xeración de biocombustibles e plantación de pataca doce na Costa da Morte atópase con novos atrancos. A iniciativa de Termo-Biológicas pode verse afectada polo acordo que o pasado mes de abril alcanzou a Comisión de Medio Ambiente da Unión Europea, que limita ao 7% para o ano 2020 o volume máximo permitido de combustibles derivados de cultivos para o consumo enerxético do transporte. 

Un acordo da Comisión de Medio Ambiente da UE quere limitar ao 7% o volume permitido de combustibles derivados de cultivos para o consumo de transporte

Así o advirte a asociación ecoloxista Salvemos Cabana, que leva meses reclamando "cautela e transparencia" ante o enorme proxecto que Termo-Biológicas pretende en Galicia e que, ensombrecido pola polémica que arrodeou aos seus impulsores en iniciativas semellantes rexeitadas noutras comunidades, promete un investimento tan só inicial de máis de 320 millóns de euros (2.000 en sete anos) e a creación de máis de 2.000 empregos directos.

Ás dúbidas dalgúns concellos ante a magnitude e indefinición do proxecto e aos atrancos á hora de conseguir todos os permisos necesarios únense agora as condicións impostas pola UE. A partir de 2020 non se subvencionarán en ningún caso os biocombustibles que pretende elaborar a empresa, xa que Europa apostará polos que acheguen unha redución importante das emisións de gases de efecto invernadoiro, como aqueles que se obteñen a partir de determinados residuos ou algas mariñas e en substitución daqueles que se derivan de cultivos empregados para a alimentación e a gandeiría. 

A partir de 2020 non se subvencionarán en ningún caso os biocombustibles que pretende elaborar a empresa

Ademais, e tal e como advirte Salvemos Cabana, a Comisión Europea obrigará os produtores a informar do nivel estimado de emisións como consecuencia da liberalización de terras de cultivo para a produción alimentaria que permitan compensar o destinado a biocombustibles. Para as autoridades comunitarias, a aposta por cultivos enerxéticos engade presión para liberar terras e, xa que logo, contribúe á deforestación e acaba por provocar tamén un maior númer de emisións. 

"É cando menos complicado que sexa viable un proxecto como o de Termo-Biológicas", advirte Salvemos Cabana, que se pregunta como se promete un investimento de 2.000 millóns de euros en sete anos con esta nova normativa ás portas e o sector dos biocombustibles parado en Galicia. 

O proxecto, tal e como adiantou Praza, foi explicado en varios documentos aos diferentes concellos da Costa da Morte cos que Termo-Biológicas entrou en negociacións. Segundo o presentado en Coristanco, prevese unha produción de 1.200 toneladas por cada hectárea dispoñible e para estas plantacións, así como para o funcionamento da parte industrial, a necesidade de auga é masiva. Segundo este informe, que non inclúe todos os terreos agrícolas previstos, 27.000 millóns de litros ao ano -para o que requiriría unha concesión de Augas de Galicia-, así como un consumo de carbón de 1,5 millóns de toneladas anual.

Neste momento hai unha investigación aberta no Parlamento de Galicia impulsada por AGE, que publicamente denunciou a opacidade das xestións o que fai que sexan moitas as dúbidas que rodean a este proxecto por factores como “a relación da empresa con proxectos fallidos en Canarias e Andalucía e as reclamacións multimillonarias por danos e prexuízos por parte desta”, preguntándose “como é posible que con este novo marco normativo, e tendo en conta que o sector dos biocombustibles está paralizado en Galicia, se vaian investir nas cantidades que se anuncian”. 

Plantación de batata CC-BY-SA Paulo Juntas
Recreación dunha futura planta de Termo-Biológicas © Termo-Biológicas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.