“Unha mala reforma da lei podería traer de novo os abortos clandestinos”

Manifestación unitaria de colectivos feministas, en 2012 en Compostela CC-BY Susete

Oposición, mulleres e profesionais médicos defenden a actual lei de prazos na interrupción voluntaria do embarazo, ao considerar que defende a autonomía da muller para decidir se ser nai ou non e que podemos encamiñar cara a unha maternidade forzosa. En pouco tempo o concepto de “autodeterminación consciente” que recolle a actual Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva podería desaparecer. Así o cren as asociacións de mulleres e os membros da oposición, despois de que o actual ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, anunciase que retirarán a norma de prazos por unha de supostos, pola que as menores necesitarán consentimento paterno para interromper o seu embarazo ou que fomentará as medidas que apoien “a maternidade”. 

“A actual lei, de 2010, capacita a muller sobre a decisión de ser ou non ser nai. O que parece que quere agora facer o PP é tutelar a muller e tomar por ela unha decisión que é moi persoal"

O ex alcalde de Madrid xa puxo en pé de guerra moitos colectivos ao asegurar que actualmente existe “unha violencia estrutural” que impide á muller ser nai. “A actual lei, de 2010, capacita a muller sobre a decisión de ser ou non ser nai. O que parece que quere agora facer o PP é tutelar a muller e tomar por ela unha decisión que é moi persoal”, asegura a portavoz do Grupo Parlamentario do BNG, Ana Pontón. Con ela coincide a voceira en temas de Igualdade do PSdeG, Carmen Cajide: “O único poder que ten a muller, porque llo deu a natureza, é o da maternidade e a dereita quere controlar esta autonomía limitándoo”.

O cambio sería volver ao anterior modelo de 1985, onde unha muller só podía abortar se se acollía a un destes tres supostos: que o embarazo fose froito dunha violación, que producise problemas de saúde mental ou física á nai ou que o feto tivese problemas que o fixesen inviable. Logo de vinte e cinco anos, foi cambiada polo Goberno de José Luís Rodríguez Zapatero pola que hoxe segue vixente, onde permite o aborto a petición da muller antes das 14 semanas de xestación e máis adiante co criterio médico -ata a semana 21 se leva riscos para a muller e ata a semana 22 se o que periga é o feto.

“Realmente é máis restritiva a lei actual, xa que impide que leven a cabo interrupcións en embarazos avanzados”, argumenta o doutor Segrelles

“Realmente é máis restritiva a lei actual, xa que impide que leven a cabo interrupcións en embarazos avanzados”, argumenta o doutor Segrelles, da clínica Arce, unha das catro autorizadas en Galicia para realizar esta operación. “Demostrouse que con esta lei -prosegue o xinecólogo- non aumentaron os abortos e evita que a muller teña que dar explicacións sobre o porqué de non querer ser nai nese momento”. “O PP énchese a boca de defender os dereitos da muller á maternidade, pero só é un dereito cando podes optar por el e parece que están obrigando á muller a ser nai”, insiste a deputada socialista.

 
Mentir para poder interromper a xestación

Analizando as estatísticas entre 2009 e 2010, as cifras resaltan o que supuxo o cambio lexislativo. Mentres na primeira data alegouse como motivo a saúde materna no 96,74% das intervencións, ao seguinte ano esta cifra redúcese ao 50%. O 42 % dos abortos dese ano pasaron a ser “por petición da muller”. “Cunha volta aos supostos, as mulleres terán que mentir para poder interromper o seu embarazo”, afirma Carmen Cajide, que advirte do risco de volver aos abortos clandestinos. Con ela coincide a deputada nacionalista: “Se se dificulta o acceso a esta prestación e en tempos de crises poderiamos volver ver situacións doutro século”. “As operacións ilegais serían, sen dúbida, a consecuencia dunha mala lei, porque deixarían desprotexidas ás mulleres, á súa saúde e á súa familia”, conclúe o Dr. Segrelles.

Nos fogares onde se fala abertamente de sexo e de anticonceptivos, os índices de embarazos non desexados son moito menores

Os colectivos de mulleres e os profesionais sanitarios concordan en sinalar que o aborto é un fracaso e que só se pode evitar con educación reprodutiva. As estatísticas coinciden en que nos fogares onde se fala abertamente de sexo e de anticonceptivos, os índices de embarazos non desexados son moito menores. “A materia de prevención ten auténticas lagoas en Galicia”, asegura Ana Pontón, que fai referencia á sorte que correron os centros Quérote e a polémica das subvencións á Red Madre. No mesmo sentido maniféstase Cajide, que recorda as palabras da deputada popular Anxos Díaz Pardo. “É tremendo que unha representante do pobo acuse ás galegas de facer un mal uso dos métodos anticonceptivos”, critica a socialista que advirte que “algo mal” estará facendo Feijoó cando a media española de interrupcións do embarazo baixa e a galega sobe. Aínda así Galicia é unha das comunidades, xunto con Estremadura e as cidades autónomas, que menos taxa de abortos ten de todo o Estado.


Carmen Cajide acusa a Gallardón de terse convertido no “máis patriarcal” do Executivo central

Simone Veil, o exemplo da dereita feminista

O sentido conservador das políticas de Igualdade, contra a violencia machista e sobre o embarazo do actual Goberno de España non atopa nos Executivos veciños unha correspondencia, tal e como recorda Cajide: “En 1974, a ministra de Sanidade de Chirac, Simone Veil, legaliza os anticonceptivos e o aborto ata as dez semanas a petición da muller”. Un feito que marcou a vida política da actual presidenta do Parlamento Europeo e que soubo como conxugar ideas conservadoras cos dereitos da muller. Un perfil que ata agora tamén posuía o ministro de Xustiza, que foi o primeiro alcalde en dispensar de forma gratuíta a pílula do día despois. “É unha sorpresa, que un político tan aberto á realidade homosexual e á saúde reprodutiva faga declaracións tan sorprendentes como a da violencia estrutural”, afirma o responsable da Clínica Arce sobre Gallardón, ao que a portavoz de Igualdade do PSdeG acusa de terse convertido no “máis patriarcal” do Executivo central.

Manifestación unitaria de colectivos feministas, en 2012 en Compostela CC-BY Susete
Ana Pontón, na manifestación, cunha faixa relativa á demanda do dereito ao aborto CC-BY Susete

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.