"O abandono do monte en Galicia é condicionante para o lume"

Brigadistas traballando en Cualedro © Óscar Pinal

No que vai de ano, segundo a Consellería de Medio Rural e do Mar, rexistráronse máis de 1.300 incendios nos que se distinguen 185, como incendios propiamente ditos, e o resto "queimas controladas" e conatos. Todos eles afectáronlles a 2.200 hectáreas, "das cales 1.700 corresponden a incendios forestais". Esta situación repitese en menor ou maior medida cada ano a pesar de que "existen solucións" como defende o Sindicato Labrego Galego e Unións Agrarias

Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, defende en conversa con Praza que "a primeira cousa que hai que solucionar, e non hai valentía política para facelo, é o problema de ordenación de territorio". Afirma que a falta de ordenación "produce unha enorme cantidade de parcelas que teñen pouca dimensión ou non teñen bo acceso, o que produce un abandono". Esta situación "prodúcese todo o ano sen unha política de prevención efectiva" a pesar de que "todo o mundo se alerte en agosto".

"A falta de pulso e de actividade no medio rural, e no medio forestal, e o abandono, crean as condicións estruturais para que o lume sexa unha realidade recurrente no monte galego"

O secretario de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo, tamén apunta ao abandono como "o gran problema que ten Galicia no sector forestal  e na principal causa dos lumes". "A pesar de que moitos sexan provocados o abandono fai que se propaguen, algo que se podería evitar cunha maior actividade agraria que fai de cortalumes naturais", di. "A medida que desaparecen eses prados e aumenta o abandono tamén aumenta o risco de lumes" afirma Feijóo, quen defende que "a falta de pulso e de actividade no medio rural, e no medio forestal, e o abandono son os que crean as condicións estruturais para que o lume sexa unha realidade recurrente no monte galego". 

A reforma da Lei de Montes

Depois de varios incendios forestais con Nivel 1 pola proximidade ás casas volve a estar en debate a baixada da faixa de protección feita polo PP na Lei de Montes de 100 a 50 metros e de 50 a 30 en especies sensibeis ás lapas. "Moitas destas forestacións están feitas con eucalipto, unha especie de moita altura, que transmiten os lumes polas copas polo que esa distancia non é suficiente, ademais do empobrecemento do terreo colindante" afirma a secretaria xeral do SLG, para quen "a lei de montes foi un retroceso que nin se quera cumpren, existen moitas denuncias ás que non se lle da resposta o que obriga a que sexan uns veciños os que denuncien a outros polos terreos afectados". Feijóo, pola súa banda, tamén denuncia a "situación de risco" na que se atopan moitos nucleos de poboación debido as novas medidas de protección, "quedaron moi curtos, esa distancia non é suficiente"

O representante de unións defende que a lei de montes "podía ser peor" xa que "non facilita tanto o paso de agrario a forestal para pinos e eucaliptos, que era a gran presión, a pesar de que si hai posibilidade para especies frondosas, tal e como explica no artigo 61". Vilalba defende que falta "o apoio suficiente"  para que exista máis actividade agraria. "A moitos, e máis nesta situación de crise, gustaríalles ter unha proposta agraria ou gandeira, esto xa sería unha boa xestión do territorio xa que onde haxe un  terreo coidado non hai tanto risco de lume". Tamén resaltou que "é necesario" que as políticas forestais "non sexan en interese dos lobbys da madeira".

"É necesario" que as políticas forestais "non sexan en interese dos lobbys da madeira"

O Sindicato Labrego Galego defende que os primeiros pasos para solucionar este problema son varios. En primeiro lugar "facer unha política de ordenación do territorio axeitada que evite o abandono" evitando consecuencias maiores "se está o territorio limpo". Outro factor "moi relevante" é traballar na conciención social e na prevención "non só no mes de agosto" así como "ofrecer unha estabilidade a moitas brigadas que só se contratan temporalmente, o que propician que non sexan profesionais e se renoven prácticamente cada ano, tendo así moita inexperiencia que se converte en perigo para extinción e para o persoal". 

Unións Agrarias afirma que a solución "pasa polo desenvolvemento rural de Galicia, pola consecución dunha agricultura e gandeiría produtivas que aproveiten o territorio, e por un monte que sexa capaz de xerar riqueza, actividade e emprego". De non conseguir isto, "existirá a prevención como un valor engadido" afirma Jacobo Feijóo "si se fracasa en conseguir a prevención, como un resultado do desenvolvemento rural, non haberá orzamento público que chegue para facer desbouzados e prevención, e seguiremos cun costoso despliegue de medios de extinción".

O lume, próximo ás casas © Brif de Laza, Ministerio de Agricultura

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.