O Concello de Cerdedo-Cotobade acollerá o vindeiro sábado 12 de xaneiro un novo campionato de caza do raposo. Esta batida será unha competición de ámbito provincial que, como se pode ver no seu cartel, conta coa colaboración da Xunta de Galicia e a empresa ENCE.
Este campionato é un dos sete que se celebrarán en Galicia entre xaneiro e febreiro
Este campionato de caza de raposos é, ademais, un dos sete que se celebrarán en Galicia entre xaneiro e febreiro, segundo recolle o calendario da Federación Galega de Caza. Haberá tamén campionatos provinciais na Coruña, Lugo e Ourense (tamén o día 12 de xaneiro), celebrarase igualmente o Campionato Galego (o domingo 20 de xaneiro). E, así mesmo, está prevista a realización en Galicia da XII Copa España de Raposo (2 de febreiro) e da Copa Provincial de Lugo (9 de febreiro).
O pasado 1 de marzo o Parlamento Galego aprobou por unanimidade unha moción presentada polo BNG que instaba á Xunta a "non subvencionar estas actividades, non apoialas nin participar na súa promoción e desenvolvemento" e pedía que "ningún cargo público nin representante da Administración galega asista aos actos relacionados con esta inxustificada competición de morte de fauna silvestre". O texto, apoiado tamén polo PP, instaba ao Goberno central a "iniciar un debate sobre a realización das competicións de caza do raposo, tanto no ámbito cinexético coma no deportivo".
O Parlamento instou á Xunta, co voto favorable do PP, a "non subvencionar estas actividades, non apoialas nin participar na súa promoción e desenvolvemento"
A celebración do campionato xa recibiu as críticas de colectivos animalistas como Libera e de formacións políticas como o BNG. O Bloque rexistrou no Parlamento galego unha serie de iniciativas para, en primeiro lugar, pedirlle explicacións á Xunta pola súa colaboración nas macrocacerías de raposos e para demandar "que se leven a cabo os cambios normativos necesarios para prohibir estes pseudoprobas deportivas". O deputado Luís Bará denuncia que o Goberno galego "colabora economicamente coa organización destas actividades agresivas e crueis, que non están xustificadas nin por razóns de control poboacional nin por potenciais danos producidos polo raposo". O BNG engade, en referencia a ENCE, que "resulta paradoxal que a empresa que é a maior responsábel da proliferación de monocultivos forestais e polo tanto de perda de biodiversidade patrocine este tipo de actividades".
O pasado mes de febreiro a Deputación de Pontevedra pronunciouse con rotundidade contra a celebración do Campionato de España de Caza de Raposo, que se ía celebrar non concellos de Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Forcarei e A Estrada. "Estamos en contra de todos os actos que teñan que ver co maltrato animal. E consideramos que as cacerías en pleno século XXI non poden ser asumidas por unha sociedade que quere respectar os animais e que está en contra do maltrato", afirmou entón a presidenta provincial, Carmela Silva.
Rubén Pérez, portavoz de Libera, sinala que "estes campionatos son macrocacerías que non teñen ningún tipo de sentido conservacionista, batidas prefixadas no calendario que se realizan fóra da tempada de caza menor" e critica que a Federación Galega de Caza "tenta camuflalas como unha actividade deportiva".
"Estes campionatos son macrocacerías que non teñen ningún tipo de sentido conservacionista, batidas prefixadas no calendario que se realizan fóra da tempada de caza menor"
De igual xeito, colectivos ecoloxistas como ADEGA, ASCEL e o Grupo de Estudio dos Animais Salvaxes (GEAS), estas competicións "non só carecen de total reprobación ética e moral senón que non teñen xustificación científica, e fanse á marxe da planificación cinexética dos tecores". Destacan, igualmente, que "matar raposos non axuda a recuperar as poboacións de perdices nin de coellos, afectadas por múltiples factores, sinalando entre outras, tamén, ás malas prácticas cinexéticas, por sobrecaza ou por repoboacións cinexéticas con animais de granxa, así como os cambios no hábitat, como os monocultivos forestais".
Así mesmo, Xabier Vázquez Pumariño alertaba neste artigo dos riscos derivados da caza do raposo, lembrando que os raposos "son un dos depredadores máis eficaces para manter en baixo nivel as poboacións de micromamíferos e polo tanto aos seus parasitos externos, as carrachas" e que unha caza excesiva podería favorecer a extensión de enfermidades como a borreliose ou enfermidade de Lyme.