A Xunta de Persoal da Fundación 061 acordou na reunión celebrada este martes solicitar o cese inmediato da dirección da Fundación Pública Urxencias Sanitaria de Galicia-061, acusándoa de manter "actitude represiva" e dunha "nefasta xestión" do conflito laboral que se está a vivir no organismo. Así mesmo, a representación social decidiu pediu o amparo do presidente do Padroado da Fundación para que se respecten os dereitos dos traballadores e traballadoras, se cumpra cos acordos asinados e se abran "vías de negociación reais".
O pasado 1 de agosto o persoal iniciou unha folga indefinida contra o traslado forzoso ás novas instalacións da Estrada
O pasado 1 de agosto o persoal iniciou unha folga indefinida contra o traslado forzoso ás novas instalacións da Estrada. O 7 de agosto a dirección do 061 comunicou a suspensión unilateral das reunións bimensuais ordinarias coa representación do persoal estatutario do servizo, da Central de Coordinación e das oficinas administrativas de Conxo, mentres non se desconvocase a folga. O comité de folga denuncia que esta decisión “só se pode entender como unha medida de represión contra os traballadores e traballadoras que intentan exercer o seu dereito legal á folga” e que ademais supón deixar sen interlocución sindical os traballadores/as da base de helicópteros, "que non participan do paro porque o seu centro de traballo non vai ser trasladado".
A Dirección do 061 suspendeu o 7 de agosto as negociacións, esixindo que se desconvoquen os paros
A Xunta de Persoal denuncia que mentres que a Dirección anunciaba a suspensión destas xuntanzas, pola contra manifestaba a vontade de manter as reunións ordinarias cos delegados e delegadas de persoal do resto de centros de traballo da Fundación, para tratar temas que afecten especificamente á “Área Asistencia”. Así, o pasado 14 de agosto houbo xuntanza entre a dirección do 061 e os/as delegados/as de persoal, na que non puido participar a Xunta de Persoal da área de Santiago, a pesares de que boa parte dos temas abordados afectan aos traballadores/as da base de Compostela. A representación da CIG subliña a este respecto que a celebración da reunión excluíndo a Xunta de Persoal “pode xerar inseguridade xurídica sobre os acordos acadados ao afectar ao persoal que non tivo representación legal na negociación”.
A Xunta de Persoal engade que á suspensión das reunións hai que engadir “a ruptura unilateral por parte da dirección do acordo relativo as gardas localizadas de enfermeiros/as de consulta establecido no plan funcional do 061 e os constantes escándalos xudiciais nos que está envolta a Fundación Pública Urxencias de Galicia-061”.
A CIG reclámalle á Fundación "que mude a súa actitude antidialogante, abra unha negociación real co persoal afectado e abandone a improvisación coa que se está a realizar o traslado á Estrada, de maneira que se garanta un servizo de atención das emerxencias e urxencias de calidade".
A CIG reclámalle á Fundación "que mude a súa actitude antidialogante, abra unha negociación real co persoal afectado e abandone a improvisación coa que se está a realizar o traslado á Estrada
Os traballadores e traballadoras da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e de Grupo Norte, que xestiona a Central de Coordinación do servizo de emerxencias, continuaron este mércores coas súas mobilizacións para esixir compensacións xustas polo traslado forzoso á Estrada. O persoal levou a cabo unha concentración ás 12 horas diante das instalacións de San Marcos (no mesmo edificio que ocupa a CRTVG) para esixir da Xunta solucións inmediatas.
Os empregados e empregada do centro de chamadas decidiron suspender o paro mentres teñen lugar as negociacións coa compañía. Este mércores está prevista unha xuntanza entre o comité de Grupo Norte e a dirección da empresa para abordar as reivindicacións do persoal. De non producírense avances nesa reunión, as traballadoras e traballadores de Grupo Norte decidiron en asemblea retomar a folga e pedir mediación no conflito.