Outra folga máis en Galicia e outro conflito na sanidade. O sector das ambulancias irá á folga os vindeiros 9 e 10 de maio, 6 e 7 de xuño e 4 e 5 de xullo nun paro que podería virar en indefinido se nin a patronal, nin a Xunta atenden as súas demandas. Así o aunciou este martes en varias localidades a CIG --que conta con case o 70% da representación sindical--, tras advertir das reivindicacións dos traballadores: a marcha das empresas que, segundo denuncian, "incumpren as condicións mínimas deste servizo público", a convocatoria dun novo concurso "que garanta as condicións laborais e a calidade", a retirada "de todos os elementos de presión e de precarización das condicións de traballo" e a sinatura do convenio colectivo.
A CIG convoca folga os vindeiros 9 e 10 de maio, 6 e 7 de xuño e 4 e 5 de xullo
A decisión de ir á folga foi acordada polo persoal nas asembleas que se levaron a cabo en cada unha das comarcas, tal e como destacou o representante da CIG en Compostela, Inácio Pavón, que denunciou o "abandono absoluto, entre a soberbia e a fuxida cara adiante dunha patronal unicamente preocupada polo seu rendemento económico", así como "o desprezo da Xunta cara a un servizo básico como este, maltratado durante anos”.
O persoal reclama que as empresas cumpran as condicións mínimas, un novo concurso ou a sinatura cun convenio colectivo
a marcha das empresas que, segundo denuncian, "incumpren as condicións mínimas deste servizo público", a convocatoria dun novo concurso "que garanta as condicións laborais e a calidade", a retirada "de todos os elementos de presión e de precarización das condicións de traballo" e a sinatura do convenio colectivo
Así, o delegado de Ambuibérica na base de Padrón, Ramón Núñez, asegurou que o servizo se presta cada vez "en peores condicións" polo número elevado de baixas, a falta de persoal, o estado das ambulancias, a falta de materiais de traballo ou de condicións hixiénico-sanitarias "nas que non se inviste", como limpeza e desinfección de uniformes, bases ou equipos material de traballo. "En moitas ocasións se lles di aos traballadores que teñen que collelo nos hospitais porque a empresa non os facilita", asegura.
"As empresas recoñecen agora que se meteron nun concurso moi por debaixo do seu custo real", advirte Pavón, que cre que esta situación ten como consecuencia "que se resintan enormemente a calidade do servizo e as condicións laborais”. "Como a Xunta parece que non lles acepta estas renuncias, pretenden que as súas perdas as paguen os traballadores e traballadoras”, quéixase.
"As empresas recoñecen agora que se meteron nun concurso moi por debaixo do seu custo real", denuncia a CIG
A CIG denuncia unha situación "insostíbel", con máis de dous anos se convenio colectivo, rebiaxas salariais ou modificacións importantes das condicións de traballo, "incumprindo acordos anteriores". Tamén advirten de "atrasos" nos pagamentos das nóminas deste ano, como no caso de Padrón, impagos de determinados plus ou "expedientes de sanción para atemorizar o persoal" que, segundo denuncian, "chegaron a recibir traballadores que nin estaban de servizo ou levaban tempo fóra da empresa".
A CIG acusa a Xunta, Sanidade e 061 de "mirar cara a outro lado" e de ignorar as reiteradas solicitudes de reunión. “Hai dous anos entregaron os concursos a ofertas que claramente non cubrían cos gastos reais e agora fan como se non fose con eles. Néganse a recibirnos e son os verdadeiros responsábeis desta situación de abandono que denunciamos”, afirmou Pavón.
Logo de diversas mobilizacións e ante a negativa a reunirse da Administración, as asembleas apoiaron "moi maioritariamente" ir á folga, nalgúns casos, como o de Santiago, cunha asitencia de máis dun cento de traballadores e un apoio unánime. Pavón, ademais, denuncia que o conflito "está sendo tratado como un problema de orde pública, con ducias de chamadas aos cuarteis da Garda Civil da comarca". “De xeito irregular someteuse aos traballadores a auténticos interrogatorios nos que, entre outras cousas, preguntábaselles se estaban afiliados á CIG, se ían asistir á asemblea, que se ía falar e pretendendo que posteriormente se lles informara do falado. Algo absolutamente intolerábel e completamente ilegal que xa están estudando os servizos xurídicos da CIG”, rematou.