Os correos confirmarían que o cargo da Xunta fixo negocio coas oposicións

Edificio central de San Caetano CC-BY-SA Praza Pública

Novos datos e correos corroboran a denuncia feita este pasado luns pola xunta de persoal dos servizos centrais da Xunta, nas que se acusa un cargo de Facenda de publicitar desde o seu posto a preparación dunhas oposicións nunha academia privada "mediante o envío de e-mails masivos a correos corporativos de traballadores da Administración (convenientemente preseleccionados) en horario laboral e identificándose o preparador como alto cargo da Xunta de Galicia, concretamente como subdirector xeral do Tesouro, e facendo referencia indirecta a outros altos cargos que tamén colaborarían no devandito labor".

A través da achega de extractos de correos enviados polo protagonista, a xunta de persoal asegura que a documentación "contradí o desmentido da Consellería de Facenda", que aseguraba que atendía esta actividade fóra do seu horario laboral. De feito, nos e-mails compróbase como foron enviados en horario laboral. Os denunciantes fan "fincapé" en que "máis aló da legalidade ou ilegalidade do seu comportamento", destaca a "falta de ética da utilización do cargo público" por parte deste cargo "para unha actividade propia". Do mesmo xeito, denuncian "a actitude de encubrimento da Consellería dunha actitude totalmente reprobable como funcionario público", insiste.

"Máis aló da legalidade ou non, é unha falta de ética pola utilización do cargo público para unha actividade propia"

Tal e como se pode comprobar nos correos, aos que tivo acceso Praza, o propio subdirector do Tesouro utiliza o seu cargo "de xeito ostentoso". "Llevo 12 años trabajando en la Consellería de Facenda... De no ser así ni se me ocurriría la desfachatez de dar clases de financiera a funcionarios de la Xunta...", asegura nun e-mail do 24 de xaneiro, ademais de asegurar que, na súa opinión, só deberían dar clases os funcionarios que traballen nesas materias.

Ademais, os correos inclúen unha folla de subscrición para os cursos de preparación das probas, así como enlaces á academia e unha explicación das condicións das clases.

Os correos inclúen datos sobre as clases e unha folla de subscrición

A xunta de persoal xa advertira o pasado luns en que "esta persoa se dedica a empregar medios propios da Xunta para a publicación de actividades mercantís, facéndoo en horario laboral e facendo ostentación do seu cargo para promoción da devandita actividade privada". Para os sindicatos, a "indulxencia"con que se tratou este caso contrasta coa "severidade que, en xeral na Xunta de Galicia actual e en particular na Consellería de Facenda, están a tratarse os dereitos do resto dos empregados públicos".

Deste xeito, exixen á Administración "a incoación do correspondente expediente disciplinario e o cesamento do autor destas irregularidades", xa que, "de continuar a actitude de amparo a estas prácticas por parte da Secretaría Xeral Técnica, esixirase tamén a responsabilidade que corresponda".

Edificios administrativos de San Caetano © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.