Tres vías de alta capacidade en paralelo en Valga e Pontecesures?

Se o proxecto vai adiante, existirían en paralelo tres vías de alta capacidade, en apenas 500 metros © Plataforma Veciñal Variante Non

En 2014 o Ministerio de Fomento iniciou o proxecto de realización dunha variante na N-550 ao seu paso por Pontecesures e Valga. A alternativa elixida prevé a construción 7,3 quilómetros de estrada que circularían en paralelo coa vía principal e que custarían 58 millóns de euros. Dende que se tivo noticia desta iniciativa, entidades veciñais e sociais dos concellos afectados comezaron a organizarse, impulsando a Plataforma Veciñal Variante Non, que vén de presentar alegacións ao proxecto.

O Goberno central xustificou a necesidade de levar a cabo esta custosa obra co obxectivo de dar saída á intensidade do tráfico que se rexistra nesta zona. Na actualidade, circulan anualmente por este treito da N-550 ao redor de 7.164 vehículos, e o proxecto calcula que se elevarán ata os 12.520 no ano 2051, un incremento do 70%. Porén, dende a plataforma veciñal lémbrase que dende o ano 2007 a intensidade circulatoria reduciuse un 10%, en paralelo coa perda de poboación que sofren estes concellos.

Denuncian que se está "tentando xustificar un investimento de 58 millóns de euros usando os datos doutro treito"

A plataforma sinala graves erros e inexactitudes no proxecto que, por exemplo, imputa a todo o treito o tráfico que se rexistra na saída de Padrón (onde si son frecuentes os atascos), a pesar de que o número de vehículos que despois chegan a Valga é un 60% inferior (unha boa parte desvíase antes, cara á AP9, a Autovía do Barbanza, a AC-305 ou a PO-548 que leva a Catoira e Vilagarcía). Denuncian que se está "tentando xustificar un investimento de 58 millóns de euros usando os datos doutro treito, do que nin sequera se inclúe o custo para o cálculo da rendibilidade". Ademais, sinalan que no estudo se comparan "os gastos de mantemento do novo trazado co da actual estrada N-550 a efectos de indicar un posible aforro, mais non se considera que unha vez executada a variante, os gastos de conservación estarán duplicados xa que se vai a manter tamén a infraestrutura anterior".

Indícase, igualmente, que a variante proxectada non facilitaría a circulación de vehículos pesados, debido a que só consta de dous carrís (un en cada sentido) e que a alternativa aprobada inclúe varias pendentes de subida e de baixada do 5%, o que fai que "a velocidade media do tráfico estimada para a nova variante non é significativamente superior á actual da N-550".

A Plataforma afirma tamén que a proposta "ocasionaría un enorme prexuízo económico, social, medioambiental e paisaxístico ao paso polos concellos de Pontecesures e Valga", ocupando "os terreos de maior aptitude agrícola" da zona

A Plataforma afirma tamén que a proposta "ocasionaría un enorme prexuízo económico, social, medioambiental e paisaxístico ao paso polos concellos de Pontecesures e Valga", ocupando "os terreos de maior aptitude agrícola" da zona e levando por diante a actual "infraestrutura de xestión da auga", tanto as canalizacións artificiais coma os pozos e regatos naturais, actuando "como unha barreira infranqueable para o discorrer das augas de escorrenta". De igual xeito, bótase en falta no estudo informativo do proxecto "documentos específicos de impacto e integración paisaxística", tendo en conta que a variante ocupará parte do espazo do Miradoiro do Galiñeiro de Pontecesures, recollido no Catálogo das Paisaxes de Galicia. Ademais, proxéctanse noiros de máis de 10 metros de altura moi preto de vivendas, "dividindo en dous lugares que até o de agora convivían como unha única unidade, illando deste xeito aos veciños e producindo unha perda da calidade de vida".

A proposta "alteraría o trazado do Camiño Portugués de Santiago en dous puntos" e afectaría a varios elementos patrimoniais

As entidades veciñais destacan igualmente que "actualmente os terreos agrícolas volven ter demanda, converténdose nun sector en auxe", e que nos concellos de Pontecesures e Valga "poderían converterse nun recurso económico salientable". "Feitos como a creación da Indicación Xeográfica Protexida Viño da Terra de Barbanza e Iria ou a inclusión dos concellos de Pontecesures e Valga dentro da Denominación de Orixe Protexida Pemento de Herbón, indican o pulo que pode coller o sector agrícola na zona", engaden. Así mesmo, a variante proposta "alteraría o trazado do Camiño Portugués de Santiago en dous puntos" e afectaría a varios elementos patrimoniais: o xacemento arqueolóxico de Viña do Castro, catalogado no PXOM do Concello de Valga, quedaría "parcialmente soterrado pola construción".

"Non é desproporcionado pensar se non sería máis efectivo abrir ao tráfico o treito da autoestrada entre Padrón e Carracedo (Caldas de Reis)"

As dúas estradas correrían en paralelo coa AP9, cunha distancia de 500 metros entre as tres vías en moitos lugares. A Plataforma salienta que "sen ser o obxectivo desta plataforma abrir o debate sobre a gratuidade da AP-9, non é desproporcionado pensar se non sería máis efectivo abrir ao tráfico o treito da autoestrada entre Padrón e Carracedo (Caldas de Reis), en vez de levar a cabo este proxecto, xa que se evitaría desta maneira os altos custes que para a poboación afectada supón a execución da obra".

 

Se o proxecto vai adiante, existirían en paralelo tres vías de alta capacidade, en apenas 500 metros © Plataforma Veciñal Variante Non
Logo da entidade veciñal © Plataforma Veciñal Variante Non

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.