Portugal elixe un Parlamento sen maiorías absolutas

Assembleia da República CC-BY-SA Stefan Didam

Escenario aberto en Portugal. As eleccións deste domingo deixaron unha Assembleia da República sen maiorías claras e con moitas posibilidades que se irán aclarando ao longo da semana. A coalición de centrodereita Portugal à Frente, formada polos partidos gobernantes PSD e CDS/PP e liderada polo actual primeiro ministro Pedro Passos Coelho, foi a forza máis votada. Obtivo o 38,3% dos apoios, un resultado moi semellante ao que o PSD obtivera en solitario en 2011 (38,66%) e perdendo máis de 11 puntos con respecto á suma de ambas as dúas forzas na anterior cita electoral (50,4%).

O PS, a pesar de mellorar o resultado obtido en 2011, é o gran derrotado da noite, non sendo quen de aproveitar o desgaste que neste anos sufriu o Goberno de Passos Coelho. En 2011 o daquela primeiro ministro José Sócrates, ficou no 28,1% dos votos, o nivel máis baixo para os socialistas dende 1987. Este domingo o PS, da man do popular ex alcalde de Lisboa, António Costa, creceu máis de catro puntos (ata o 32,4%), pero quedou moi lonxe de PàF. O PS viuse prexudicado pola detención o pasado ano do propio Sócrates por delitos de corrupción e branqueo de cartos; só neste mes de setembro os tribunais permitiron que Sócrates abandonase a prisión, para pasar a detención domiciliaria. O PS non se viu desta volta beneficiado polo habitual voto útil que compite coas formacións situadas á súa esquerda.

Na esquerda é onde se deben buscar os grandes gañadores da xornada. O Bloco de Esquerda duplicou os seus resultados (do 5,2% obtido en 2012 pasou ao 10,2%) e superou a CDU, que tamén creceu (do 7,9% ao 8,3%). O Bloco adoita amosar unha gran volatilidade nos seus apoios. En 2011 os bloquistas perderon a metade dos seus escanos e case a metade dos seus votos, ficando no 5,2% dos apoios (o seu peor resultado dende o 2002); e ao longo da lexislatura o BE sufriu varias crises, escisións (algúns dos seus dirixentes formaron LIVRE e outros crearon AGIR), e oscilou entre momentos de crecemento (en 2013 as sondaxes outorgábanlle un 9% dos votos) con fases de caída (hai apenas seis meses as enquisas reducían as súas opcións ao 4%). Porén, este domingo, da man de Catarina Martins, o Bloco obtivo o mellor resultado da súa historia.

Sobe tamén o CDU, a coalición liderada polo Partido Comunista, amosando a súa histórica fortaleza e estabilidade en certos feudos electorais (Évora, Beja ou Setúbal). Dende 1991 a coalición moveuse sempre entre o 6,9% e o 9%. Pola súa banda, Pessoas–Animais–Natureza (PAN), co 1,4% dos votos, obtivo un escano na Assembleia da República.

Así pois, PàF 104 escanos (26 menos), PS 85 escanos (12 máis), BE 19 escanos (14 máis), CDU 17 escanos (1 máis), PAN 1 escano (1 máis). Con estes resultados, Portugal à Frente podería formar un goberno en minoría. Porén, tamén o PS podería tentar unha coalición de esquerdas con BE e CDU. Ou mesmo Portugal podería encamiñarse cara a unha gran coalición PàF+PS. A noite electoral deixou moitas mensaxes, pero poucas certezas.

A lista liderada por Pedro Passos Coelho reclamou a súa condición de forza máis votada. Pero de igual xeito o candidato socialista António Costa destacou a perda da maioría absoluta polas forzas de centro-dereita: "A maioria dos portugueses votou para que houvesse uma mudança de Governo. Mas essa maioria ainda não se traduziu numa maioria de Governo". Dende o Bloco de Esquerdas, Catarina Martins deixou ver a súa disposición a formar unha maioría de esquerdas: "Se a coligação de direita não tiver maioria, fique bem claro que não será pelo BE que conseguirá formar Governo. Uma coligação de direita minoritária não será governo em Portugal se a democracia não lhe der a maioria". E o mesmo fixo Jerónimo de Sousa pola CDU: “Com este quadro, o PS tem condições para formar Governo" mais engadiu que "não precisamos de acordos que não se baseiam numa política alternativa, patriótica e de esquerda”.

 

Catro anos baixo a tutela da troika

En abril de 2011 o primeiro ministro portugués, José Sócrates (PS) pediu o rescate económico internacional ante a situación de crise de débeda, convocando ao mesmo tempo unhas eleccións nas que os partidos de dereita e centro dereita obtiveron unha clara vitoria. Nos últimos catro anos o goberno liderado por Pedro Passos Coelho (PSD) co apoio do CDS-PP aplicou as medidas económicas ditadas polo BCE, a Comisión Europea e o FMI: un duro programa de recortes que foi contestado por numerosas mobilizacións e, en ocasións, mesmo polo Tribunal Constitucional.

Nun máis favorable contexto internacional, Portugal saíu da recesión, aínda que cun crecemento económico moi tímido (0,9% en 2014 e un 1,6% neste 2015), por debaixo do experimentado por España (1,4% en 2014 e 3,1% en 2015). Pola contra, a débeda pública representa xa o 130% do PIB, duplicando practicamente o nivel de 2007 (68%) e superando o igualmente alarmantes dato de España (ao redor do 100%). A taxa de paro reduciuse, iso si, dende o nivel máximo que chegou a acadar en 2013 (17,8%) ata o actual 12,1%, moi por riba aínda do nivel previo á crise (7,4% en 2008). Só entre 2011 e 2014 case medio millón de portugueses e portuguesas -maioritariamente novos e novas- emigraron a outros países, 300 mil de forma temporal e outros 200 mil de maneira permanente.

Neste escenario, a cidadanía votou este domingo para renovar os 230 escanos da Assembleia da República. As sondaxes xa auguraban un escenario aberto, sen maiorías absolutas, no que se podían dar varias combinacións distintas para a formación dun goberno. As sondaxes coincidían igualmente en que se produciría unha importante abstención (en parte, polo xa referido fluxo migratorio de milleiros de mozos e mozas). En 2011 a participación non chegou ao 60 por cento (58,03%), desta volta baixou un punto máis, chegando a unha abstención do 43%, o máximo histórico.

Catarina Martins, Bloco de Esquerda Dominio Público www.esquerda.net
Jerónimo de Sousa, CDU CC-BY Rui Ornelas
António Costa, PS © http://www.legislativas2015.pt/
Pedro Passos Coelho, PàF CC-BY PPE
Mesa electoral en Portugal CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.