"É todo un xogo dos señores da guerra, todos fan negocio destruíndo a miña terra"

Ali Ali, no seu estudio Dominio Público Praza Pública

Ali Ali é un artista plástico que chegou á Coruña hai doce anos procedente de Siria. No 2002 representou o seu país de orixe nunha feira internacional de arte en Madrid. A Fundación CIEC (Centro Internacional da Estampa Contemporánea) de Betanzos outorgoulle unha bolsa para facer o seu Master sobre a Obra Gráfica e dende entón vive en Galicia. Realizou unha ducia de exposicións individuais e outras tantas colectivas, ademais de participar en bienais internacionais, en España, Francia, Xapón, Siria e Xordania. Este martes participa en Compostela nun acto organizado ao abeiro da campaña Xunt@s Facemos Compostela para a integración e a promoción da interculturalidade nos barrios. Falará sobre a guerra en Siria e a situación actual do dereito ao asilo e ao refuxio, nun acto no que tamén intervirán Carlos Villar (Ecos do Sur) e Isabel Lirola (profesora de Dereito Internacional da USC).

Ali procede da rexión siria de Al Hassake, no norte do país, preto da fronteira con Turquía e con Iraq. A guerra fixo que boa parte da súa familia fuxise do lugar, quedando esparexida por toda a rexión: Líbano, Iraq, Xordania, outras zonas de Siria... De igual xeito, outros dous sobriños entraron en Europa, dentro da marea de refuxiados que está a chegar a Grecia e de aí se despraza ao centro do continente: un deles leva seis meses nesa fileira de refuxiados, e outro leva dous meses.

Hai dúas semanas que Ali non é quen de contactar cos seus pais, que seguen en territorio sirio, nunha zona controlada polo Estado Islámico e que está sendo un dos obxectivos dos bombardeos de Francia e Rusia

Hai dúas semanas que Ali non é quen de contactar cos seus pais, que seguen en territorio sirio, nunha zona controlada polo Estado Islámico e que está sendo un dos obxectivos dos bombardeos de Francia e Rusia. “Non sei onde están. A vila estaba baixo control do EI, e tralos atentados de París parece que os países occidentais de súpeto se decataron de que había un perigo e atacaron a miña vila. Tamén houbo ataques por terra por parte dos kurdos e do réxime de Al-Ásad”, conta. “Pode que tiveran que fuxir da cidade. Pero escapes para onde escapes tanto ten. Se escapas para un lado tes os kurdos, se escapas para o outro tes o réxime sirio, que é aínda peor. Calquera dos bandos utiliza os civís como escudos humanos”, explica.

O resto da súa familia fuxira hai tempo da zona, pero a súa situación tampouco é boa. "O irmán da miña nai fuxiu da nosa cidade en dirección a Iraq, camiñando 1.400 quilómetros con tres fillos pequenos e con temperaturas de 0 graos. Chegaron con moitos problemas de saúde", relata.

Nos últimos meses tentou que o Estado español lle concedese a un sobriño seu, refuxiado no Líbano, un visado para viaxar ata aquí. Pero a petición foi denegada

"Teño unha irmá refuxiada nos campos de Xordania" -explica tamén- "Caeu unha bomba onde ela vivía, matando o seu fillo máis vello, que tiña 16 anos, e a moita xente máis. Ela conseguiu salvar os seus outros tres fillos, un de 14 anos, outro de 10 e outro de 3. Tardaron dous meses en chegar de Al Hassake ata a fronteira con Xordania, sufrindo moito. Pasamos moito tempo sen saber nada dela, ata que por fin puido chegar ao campo de refuxiados e comunicarse dende alí". "Estou tentando que ela, o seu marido e os seus fillos poidan chegar a España como refuxiados, que lles concedan o dereito de asilo. Pero é imposible", denuncia.

"Tiveron que percorrer 1.300 quilómetros para chegar a Beirut, viaxando baixo o terror, baixo o frío. E as condicións nas que viven no Líbano son aínda peores que as de Siria"

Sábeo ben. Nos últimos meses tentou que o Estado español lle concedese a un sobriño seu, refuxiado no Líbano, un visado para viaxar ata aquí. Pero a petición foi denegada. "Son dous sobriños meus. Escaparon ao Líbano porque teñen 18 anos e o servizo militar en Siria é obrigatorio e non querían ir á guerra. Tiveron que percorrer 1.300 quilómetros para chegar a Beirut, viaxando baixo o terror, baixo o frío. E as condicións nas que viven no Líbano son unha merda, son aínda peores que as de Siria", conta. Ali destaca que nos últimos meses "gastamos moitísimos cartos nos trámites, entre o que custa a solicitude, centos de euros en teléfono, traducións do árabe ao español de varios documentos... Presentamos a solicitude e foi denegada. Gastamos case 1.500 euros para nada. Para iso preferiría que me dixeran que non era posible conseguir o visado, teríalle dado eses cartos a eles, que o necesitan moito", di.

"Amañou algo a intervención militar en Iraq?", pregúntase, rexeitando tamén a intervención militar occidental

Ali analiza de forma moi amarga a situación de Siria e o seu futuro inmediato: "É todo un xogo de señores da guerra, son todos culpables, os occidentais e os islamitas. Todos fan negocio destruíndo a miña terra", denuncia. "Amañou algo a intervención militar en Iraq?", pregúntase, rexeitando tamén a intervención militar occidental: "Os países que están entrando agora no conflito: Rusia, Irán, Turquía... están introducindo máis e máis armamento, están utilizando Siria para probar o seu armamento". "A partir do momento en que se formaron os primeiros campamentos de refuxiados en Líbano e Xordania, xa estaba claro que a guerra ía durar anos e anos. Hai moito negocio aí. A guerra non vai parar ata que uns e outros cansen", resume. 

"Antes das imaxes deste neno morto na praia houbo milleiros de nenos máis que morreron alí. E tamén milleiros de nenos que morreron polas bombas, baixo os entullos"

Agradece a solidariedade amosada por moitas persoas en España e en toda Europa, pero reclama que sexa unha actitude continua, e non dependente de modas ou de impactos mediáticos: "Antes das imaxes deste neno morto na praia houbo milleiros de nenos máis que morreron alí. E tamén milleiros de nenos que morreron polas bombas, baixo os entullos". "Creo que nese momento houbo un interese económico e político en sacar esa imaxe, sobre todo por parte de Turquía", di

Como se solucionaría o conflito? Ali teno moi claro: "Dende o primeiro día, xa sabemos quen é o culpable da guerra en Siria: o réxime de Bashar Al-Ásad. Se hai interese en parar a guerra, a solución é moi sinxela: substituír a Al-Ásad por outra persoa e iniciar unha Transición. Os sirios non necesitan que ningún país vaia a intervir, nós mesmos imos expulsar eses asasinos". 

"Que son os do Estado Islámico? Non son sirios. Son franceses, ingleses, españois, belgas, africanos..., que viaxan alí facer a guerra"

Destaca, igualmente, que o Estado Islámico é un problema alleo a Siria: "Que son os do Estado Islámico? Non son sirios. Son franceses, ingleses, españois, belgas, africanos..., que viaxan alí a facer a guerra. Quen matou esa xente en París? Foron sirios? Non, foron franceses, a terceira xeración de árabes que chegaron a Francia hai moito tempo". "Síntoo moito polos familiares da xente que morreu en París, pero por eles só choran de verdade os seus familiares. Nin Hollande, nin Merkel, nin ningún destes... Nós levamos cinco anos sufrindo ese mesmo terror en Siria", conclúe.

Ali Ali, no seu estudio Dominio Público Praza Pública
Unha das obras de Ali Ali Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.