Máis de trinta persoas mortas nunha cadea de atentados en Bruxelas

Terminal do aeroporto de Bruxelas, logo das explosións Dominio Público @airlivenet

O terrorismo volveu golpear Europa, desta vez no seu corazón, na capital comunitaria con varias explosións que provocaron xa varios mortos. Dúas detonacións tiveron lugar no aeroporto de Bruxelas pouco antes das 8 da mañá e outra na estación de metro de Maelbeek, a uns cinco minutos a pé das institucións da UE. 

Os primeiros datos oficiais falan de 34 falecidos e uns 200 feridos tras a cadea de atentados no aeroporto e nunha estación de metro

Segundo os primeiros datos oficiais, hai un total de 34 falecidos e uns 200 feridos entre a estación de metro e o aeroporto, onde as forzas de seguridade atoparon unha terceira bomba que non foi activada. 14 persoas terían perdido a vida no aeródromo de Zaventem e 20 no suburbano. 

O Goberno de Bélxica elevou o nivel de alerta terrorista ao máximo de 4 e toda a rede de transportes públicos da súa capital foi pechada. Tamén cerraron os colexios, os museos e os centros comerciais e a Comisión Europea pediu aos seus traballadores que non acudisen ou que quedasen nas súas oficinas. 

O ataque terrorista coordinado chega tan só catro días despois da detención en Bruxelas de Salah Abdeslam, cerebro dos graves atentados de París de hai catro meses. Segundo as primeiras informacións do goberno, o deste martes no aeroporto sería un ataque suicida. Ademais, as autoridades acharon armas, unha delas un fusil kalashnikov, no aeroporto de Zaventem. 

Bélxica difundiu xa unha fotografía de tres sospeitosos e investiga se os autores forman parte da mesma célula que atacou París

As autoridades investigan unha reivindicación por parte do Daesh e temen que os atentados fosen cometidos pola mesma célula que atacou París o pasado mes de novembro causando decenas de mortes. O Executivo belga difundiu xa a fotografía de tres sospeitosos de ter sido os autores dos ataques no aeroporto e a policía está a levar a cabo unha operación en Bruxelas na busca de posibles terroristas ou colaboradores. No barrio de Schaerbeek os axentes atoparon un artefacto explosivo xunto a unha bandeira do devandito Daesh. Ademais, o aeroporto estará pechado ata este mércores ao mediodía. 

O Consulado de España en Burxelas puxo un teléfono para posibles afectados (32 2 509 87 46), ao igual que as autoridades belgas, que habilitaron o número de emerxencia 1771. Ademais, decretouse tamén o peche total de fronteiras entre Bélxica e Francia. 

A delegación galega de SOS Sanidade Pública e Podemos abandonou a estación atacada poucos minutos despois da explosión

Precisamente hoxe, unha delegación da plataforma SOS Sanidade Pública, acompañada de representantes de Podemos-Galicia, atopábase en Bruxelas para o seguimento político da denuncia contra a adxudicación do Novo Hospital de Vigo Álvaro Cunqueiro. Segundo fontes da formación morada en Galicia, toda a delegación atópase en perfecto estado. 

En contacto con Praza, cargos de Podemos-Galicia en Bruxelas confirman que se atopan ben e que abandonaron a estación escasos minutos antes da explosión e que escoitaron directamente a explosión na estación de metro de Maelbeek. Once membros da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública e tres da formación política estaban presentes na capital belga no momento dos atentados. 

Ademais, este diario contactou cunha persoa galega que chegou ao aeroporto pouco despois da explosión. Logo do atentado na terminal, e segundo conta, as autoridades retiveron a pasaxe durante uns minutos dentro do avión para logo seren trasladados todos os pasaxeiros cara a unha zona segura, onde están a chegar autobuses con máis persoas doutros voos. Desde alí, ofréceselles unicamente a posibilidade de ir en autocar cara a Lovaina, localidade a poucos quilómetros ao leste de Bruxelas, pero non cara a capital. Á terminal tan só poden acudir aqueles que teñan familiares nela e aqueles viaxeiros que estaban en tránsito na cidade serán levadas a unhas instalacións militares. 

Ademais, os que queiran desprazarse a Lovaina deberán presentar o seu pasaporte para "comprobar a súa nacionalidade", segundo indica esta testemuña.  "Continúan a chegar autobuses e están a repartir mantas, auga e algo de comida", confirma a Praza este pasaxeiro galego que aterrou en Bruxelas pouco tempo despois das explosións. Segundo lle veñen de confirmar as forzas de seguridade, a policía levará a cabo explosións controladas no aeroporto ante a posible presenza de explosivos. "Avisáronnos para que non nos asustemos", di. 

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Persoas retidas nun hangar do aeroporto de Bruxelas CC-BY-SA Praza Pública
As autoridades belgas difundiron esta foto dos posibles terroristas Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.