Decenas de persoas mortas nun ataque cun camión en Niza

O camión empregado no ataque e servizos de emerxencia, esta noite en Niza CC-BY-SA eldiario.es

Cando menos 84 persoas morreron e medio centenar resultaron feridas despois de que un camión arroiase unha multitude de persoas que celebraban o Día Nacional de Francia en Niza. Segundo o ministro do Interior francés, Bernard Cazeneuve, 18 dos feridos atópanse en estado "crítico". O condutor do camión foi abatido pola policía. O fiscal de París François Molins, responsable da investigación dos últimos ataques rexistrados en territorio francés, sinalou que "todo parece indicar que se trata dun atentado".

O ataque produciuse pouco antes das once da noite, cando o camión, de quince metros de lonxitude, se guindou contra a multitude que se congregaba no Paseo dos Ingleses, o paseo marítimo de Niza, para ver o espectáculo de fogos de artificio co que se pechaban as celebracións do 14 de xullo.

O portavoz do Ministerio do Interior do país, Pierre Henry Brandet, confirmou que o condutor, estaba só na cabina no momento do ataque e sinalou que no vehículo se atoparon armas, de cuxa autenticidade se dubida. Os investigadores tratan agora de determinar se o autor do ataque actuou en solitario ou co apoio de cómplices. En calquera caso, diferentes autoridades rexionais e o fiscal de París, cualificaron o sucedido en Niza de atentado.

Segundo informa a emisora France Info, no camión que atropelou a multitude atopouse un documento de identidade pertencente a un home de 31 anos de idade de nacionalidade francesa e tunecina con antecedentes de delincuencia común. Non hai certeza, aclararan, que esta identificación se corresponda coa do autor dos feitos.

Novo ataque en solo francés

O ataque en Niza prodúcese pouco despois de que o goberno francés anunciase que ía saír o 26 de xullo do estado de emerxencia decretado tras os atantados de París de novembro. Ese dispositivo foi prolongado por terceira vez consecutiva o pasado 19 de maio co obxectivo anunciado de manter a seguridade durante a celebración da Eurocopa, que tivo lugar do 10 de xuño ao 10 de xullo, e do Tour de Francia, que comezou o 2 de xullo e remata o próximo día 24.

Francia sufriu tres ataques terroristas en pouco máis dun ano

Baixo ese dispositivo persistiron as medidas de restrición de circulación para persoas e vehículos, así como as que impiden a certos individuos que teñen limitados os seus movementos por orde administrativa residir ou acudir a determinados lugares. Estas medidas adoptáronse despois de que unha cadea de atentados deixase 130 persoas mortas e máis de 300 feridas o pasado 13 de novembro en París. Aqueles ataques foran reivindicados polo denominado Estado Islámico, igual que a matanza na redacción da revista Charlie Hebdo, en xaneiro de 2015.

Nos últimos meses producíronse atentados atribuídos ao xihadismo en Iraq, Bangladesh ou Istambul

Alén dos ataques en solo europeo, os atentados atribuídos ao xihadismo sucedéronse nos últimos meses en múltiples puntos do mundo. Así, por exemplo, a principios de xullo o terrorismo acababa coa vida de 180 persoas en Bagdad e, poucos días antes, o ISIS reivindicaba o ataque no que resultou morta unha trintena de persoas en Dacca (Bangladesh). Ás portas de Europa sucedeu a finais de xuño outro atentado, en Istambul, onde un atentado suicida no aeroporto Atatürk causou a morte de 44 persoas

Teléfono de emerxencia consular en Francia 0033615938701

Os impactos de bala aprécianse no cristal do camión usado no ataque Dominio Público @Conflict

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.