Proactiva Open Arms: arriscando vidas para salvar milleiros

Rescate de Proactiva no Mediterráneo, este luns Dominio Público @PROACTIVA_SERV

LESBOS - Enviados especiais

A organización humanitaria catalá de salvamento e rescate marítimo, Proactiva Open Arms fíxose coñecida hai uns meses tras varias aparicións en programas de máxima audiencia como El Intermedio de Wyoming ou o Late Motiv de Andreu Buenafuente. Agradecidas pola atención mediática que lles posibilitou financiar o proxecto e prolongalo no tempo, hoxe seguen a salvar vidas a diario nos escasos nove quilómetros que separan Lesbos de Turquía e onde preto de 3.000 persoas perderon a vida o pasado ano.

A última vez este luns, tras participar xunto a outros colectivos no dramático rescate de 6.500 persoas no Mediterráneo. "Foi terrible, terrible", resumía Óscar Camps, director da ONG. 

Proactiva dedícase á seguridade en praias pero decidiu crear unha organización humanitaria de rescate tras ver xente morrer nunha curta distancia

Proactiva é unha empresa española dedicada á seguridade en praias. Logo da visita de varios dos seus membros o pasado mes de setembro á illa do Exeo e ante a frustración que sentiron ao ver xente morrer nunha distancia tan curta, decidiron crear unha organización humanitaria de rescate directo para desenvolver o seu traballo onde máis se precisaba.

Na actualidade, as profesionais de Proactiva cobren as dúas rutas migratorias con maior fluxo para a entrada de persoas en Europa. Ademais da xa coñecida Lesbos-Turquía, súmase Libia-Italia, onde contan co seu barco propio, Astral, e onde desenvolven as operacións máis arriscadas por ser en alta mar.

 

Proactiva segue en Lesbos

Á pregunta de até cando estarán en Lesbos, Matías, socorrista de Proactiva, responde de maneira contundente “até cando sexa necesario. Non abandonaremos a illa mentres sigan chegando barcas e haxa xente que poida morrer afogada no mar”. Aínda que o fluxo de persoas que se aventuran a facer a travesía entre Turquía e a illa grega descendeu estrepitosamente a partir do acordo entre a UE e Turqía o pasado marzo, cóntanse por decenas as persoas que chegan diariamente.

“Seguiremos até cando sexa necesario. Non abandonaremos a illa mentres sigan chegando barcas e haxa xente que poida morrer afogada”

Así, as catro profesionais de Proactiva, que residen na localidade de 200 habitantes de Skala Skamias, viven as 24 horas do día pegadas a un telefono que lles dá a voz de alarma sobre un novo rescate. Ás 5 da mañá érguense para facer vixilancia. Segundo comenta Albert, socorrista catalán “non teriamos por que facelo, xa que en teoría a Garda Costeira grega encárgase de dar os avisos, pero xa ten pasado de non darse conta de que había barcas á deriva. Estamos máis tranquilos se saímos ao mar e vixiamos cos nosos propios ollos”. Cara ás 7 da mañá, se non houbo ningún avistamento, volven á costa. Estas son as horas críticas. Normalmente, aproveitando que aínda é de noite pero que ao mesmo tempo, axiña se levanta o sol, a maior parte das refuxiadas aproveitan para facer o traxecto.

A veciñanza considéraos parte do pobo e amosan o seu recoñecemento lucindo as súas camisetas firmadas nos bares

Unha vez en terra, os membros de Proactiva almorzan e collen forzas para unha nova xornada. A veciñanza xa as considera parte do pobo e un dos bares máis coñecidos do porto ten incluso fotos e unha camiseta firmada por elas en mostra de agradecemento e cariño polo seu labor. Se todo está tranquilo, repréganse no hotel que teñen alugado a escasos dous minutos de onde se atopa atracada a súa embarcación. Se hai movemento, asisten as refuxiadas dende que son localizadas no mar até que chegan as autoridades para recolocalas nos diferentes campamentos da illa.

Non existe ningún outro servizo, ben sexa estatal ou non gobernamental, que realice rescates corpo a corpo no mar unha vez que a persoa está dentro da auga

Só Proactiva realiza rescates no mar

Sorprendente, a excepción de Proactiva, non existe ningún outro servizo, ben sexa estatal ou non gobernamental, que realice rescates corpo a corpo no mar unha vez que a persoa está dentro da auga. Neste punto reside principalmente a importancia do servizo que presta Proactiva. Os demais servizos de salvamento só fan labores de traspaso de pasaxeiros de embarcación a embarcación ou recuperación de persoas con flotadores.

"Non ten sentido que, agás nós, ninguén teña permitido lanzarse ao mar para salvar a persoas que se están afogando”

Neste contexto, as activistas de Proactiva arriscan directamente as súas vidas no mar para salvar a de moitas outras persoas. Segundo Matías “entre todos os dispositivos de salvamento que existen facemos un gran equipo, pero non ten sentido que, a excepción de nós, ninguén teña permitido lanzarse ao mar para salvar a persoas que se están afogando”.

Rescate de Proactiva no Mediterráneo, este luns Dominio Público @PROACTIVA_SERV

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.