"A apatía dos colombianos amosa que houbo un problema de comunicación por parte do goberno de Santos"

Dominio Público Praza Pública

O referendo cidadán que debía validar os acordos acadados polo goberno colombiano e a guerrilla das FARC, consolidando definitivamente o proceso de paz, fracasou este domingo, ao impoñerse o non por unha marxe moi estreita (50.21% fronte ao 49,78%), uns 53 mil votos. Na consulta só participou o 37,43% da poboación, unha apatía que determinou o triunfo dos contrarios ao acordo. O non impúxose nas zonas urbanas (sobre todo Medellín), mentres que as zonas rurais -as que máis sufriron a violencia- optaron claramente polo si. Falamos con Roberto Mansilla, analista do IGADI especializado na actualidade de América Latina, sobre as razóns do fracaso do referendo e as súas consecuencias inmediatas, tanto para o proceso de paz coma para o futuro do presidente Juan Manuel Santos.

"Os simpatizantes do si non lograron convencer a sociedade. Posiblemente pensaban que por inercia a forza simbólica do acordo de paz se trasladaría á maioría da poboación"

Como se explica a vitoria do non?

No referendo colombiano pasou algo semellante ao que sucedeu no Brexit no Reino Unido, coa vitoria dunha tendencia negativa, que era minoritaria nas enquisas e que contradicía unha expectativa a nivel internacional favorable ao si. O problema principal foi a baixa participación: máis do 60% dos colombianos non foron votar. O resultado reforza a derrota política do presidente Juan Manuel Santos, que investiu catro anos de negociación política na Habana, centrando nisto practicamente toda a súa acción de goberno. A apatía dos colombianos amosa que houbo un problema de comunicación por parte do Executivo de Santos. Os simpatizantes do si non lograron convencer a sociedade. Posiblemente pensaban que por inercia a forza simbólica do acordo de paz se trasladaría á maioría da poboación. O que fai máis dura a derrota de Santos (e doutros políticos coma o ex presidente Gaviria) é que nunca houbo un plan b que agora permita reconducir os acordos de paz.

"O que fai máis dura a derrota de Santos é que nunca houbo un plan b que agora permita reconducir os acordos de paz"

O resultado amosa unha fractura na sociedade colombiana?

É interesante este punto: nas rexións do país nas que a violencia foi maior, triunfou o si ao proceso de paz, mentres que o non se impuxo nas zonas urbanas e en determinadas clases sociais que viron con certo receo o acordo de paz. Estes sectores entenderon que o acordo significaba a impunidade das FARC, o que é cuestionable, e tamén observaron con desconfianza a opción que o acordo abría a que a guerrilla pasase a ter representación política. Pero esta é unha consecuencia inevitable dun acordo de paz.

Que aprendizaxes se poden tirar do sucedido neste referendo?

Pódese concluír que non necesariamente un proceso deste tipo se ten que levar a referendo cando non se ten garantido que se teña un consenso a nivel nacional. Pódese facer a comparación co Brexit; en ambos os dous casos Cameron e Santos apostaron todo o seu capital político nos dous referendos e acabaron perdéndoo. O resultado en Colombia dá a entender que na sociedade colombiana hai certas diferenzas entre as zonas rurais e urbanas e entre unhas e outras clases sociais. É un asunto que o país debe enfrontar.

"No proceso de paz haberá unha recondución, a desmobilización e o desarme irán a un ritmo moito máis lento e probablemente buscarase unha maior implicación da comunidade internacional"

Que consecuencias inmediatas terá o resultado da consulta?

No proceso de paz haberá unha recondución, a desmobilización e o desarme irán a un ritmo moito máis lento e probablemente buscarase unha maior implicación da comunidade internacional. Na política interna as consecuencias serán maiores, abrindo as opcións de futuras candidaturas presidenciais para os comicios de 2018, con maiores posibilidades para candidatos afíns ao ex presidente Álvaro Uribe, principal gañador desta consulta, por ser quen máis vehementemente estivo en contra do proceso de paz.

 

O 'si' ao proceso de paz impúxose nas zonas rurais, as que sufriron máis a violencia Dominio Público Praza Pública
O proceso de paz continuará, pero deberá ser "reconducido" CC-BY-NC-SA Santi Ochoa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.