António Guterres, da integración Galicia-Portugal á ONU

Guterres con varios alcaldes galegos en 2001 Dominio Público Eixo Atlántico

O novo secretario xeral da ONU sabe ben onde está e que é Galiza. O lisboeta António Guterres vén de ser elixido para o cargo polas potencias presentes no Consello de Seguridade, paso previo a que a asemblea das Nacións Unidas o ratifique e tome posesión do cargo o vindeiro 1 de xaneiro. Repasamos a súa relación con esta beira do Miño.

O novo secretario xeral da ONU sabe ben onde está e que é Galiza. Primeiro ministro luso entre 1995 e 2002, repasamos a súa relación con esta beira do Miño.

Guterres, nacido en Lisboa o 30 de abril de 1949, é enxeñeiro e afiliouse ao Partido Socialista en 1973. En 1976 estreouse en política como deputado na Assembleia da República e desde entón foi pasando por numerosos cargos públicos no país veciño, o máis importante deles o de Primeiro Ministro, que ocupou entre 1995 e 2002, cando dimitiu logo dunha derrota do seu partido nunhas eleccións municipais. Entre 2005 e 2015 foi Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados, paso previo á súa chegada agora ao máximo posto da diplomacia mundial.

A época na que Guterres foi primeiro ministro de Portugal é a do remate da primeira xeración de modernas infraestruturas do país, entre elas a primeira gran conexión con Galicia, e o momento en que se planificou o desenvolvemento da seguinte fase de vertebración territorial. En maio de 1998 Guterres, coa presenza de Manuel Fraga e José María Aznar, inaugurou o treito Ponte de Lima-Valença da autoestrada A3, o último por rematarse da primeira vía de alta capacidade construída entre Porto e Galicia, acadando así o histórico obxectivo de que se puidese á fin circular de xeito ininterrompido por autoestrada ou autovía entre A Coruña e Lisboa.

A última pedra daquela primeira gran infraestrutura púxose ao tempo que o Goberno portugués comezaba a planificar a segunda fase de vías de alta capacidade vertebradoras do norte e o interior do país veciño. Foi durante o mandato de Guterres cando se introduciu en Portugal a figura das SCUT, as estradas Sem Custos para o Utilizador, ou de peaxe na sombra, que co paso do tempo, a crise e o rescate de Portugal acabarían perdendo o seu significado e embarcando aos galegos en kafkianos trámites para poder circular por elas. Entre aquelas autovías agora de pago planificadas inicialmente por aquel goberno de Guterres están a A28 Porto-Viana-Caminha e a A24 Vila Real-Chaves, continuada logo ata Verín. Tamén foi Guterres quen, pouco antes de abandonar o goberno, deu o primeiro paso administrativo do AVE Porto-Vigo que logo embarrancaría coa crise.

Fraga e Guterres mesmo se chegaron a reunir no Rio de Janeiro e a súa reforma sanitaria impulsou a profesionais galegos a buscar traballo en Portugal

Como agora, tamén naquela época España e Portugal miraban con desconfianza as infraestruturas transfronteirizas e só as facían avanzar no seu lado da raia se percibían que na outra banda había interese e progresos reais, polo que foron habituais as reunións ao máis alto nivel para desatascar proxectos entre Guterres e membros do seu goberno con Manuel Fraga e José María Aznar. Fraga e Guterres mesmo se chegaron a reunir no Rio de Janeiro en 1997, a bordo dun buque da armada portuguesa, ao coincidir alí nunha viaxe do presidente galego a sudamérica.

Segundo lembra Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico de municipios de Galicia e o Norte de Portugal, Guterres foi un dos impulsores da reforma sanitaria que mellorou a atención primaria portuguesa e que tivo efectos colaterais en Galicia. A necesidade de máis profesionais sanitarios, dos que carecía Portugal, impulsou unha primeira migración de galegos cara o país veciño.

Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico, salienta a importancia que tivo na mirada cara o norte de Guterres a presenza no seu goberno de tres ministros moi próximos a Galicia

Vázquez Mao tamén salienta a importancia que tivo na mirada cara o norte de Guterres a presenza no seu goberno de tres ministros moi próximos a Galicia: Luís Braga da Cruz, que fora presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte e amigo persoal de Fraga; Fernando Gomes, que fora alcalde do Porto e un dos impulsores do Eixo Atlántico; e Daniel Bessa, economista tamén nacido no Porto, onde fora e segue sendo profesor.

Foi nese norte do país veciño non sempre ben tratado desde Lisboa onde en marzo de 2001 o goberno de Guterres viviría unha das maiores traxedias da historia recente do país, que acabaría implicando tamén a Galicia de xeito colateral. 59 persoas morreron ao derrubarse unha vella ponte sobre o Douro xunto a Castelo de Paiva cando un autobús circulaba sobre ela. Nos días posteriores, varios cadáveres e restos dos vehículos implicados apareceron na Costa da Morte, a 200 quilómetros da desembocadura do Douro.

Pero de Galicia Guterres garda mellores lembranzas, como lles confesou a varios alcaldes galegos nunha comida na que tentaban impulsar o AVE Vigo-Porto. Nunha viaxe a Ourense, díxolles, "namorara".

António Guterres, novo secretario xeral das Nacións Unidas Dominio Público ONU

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.