Na primavera de 2012 tivemos noticias de Santa Cruz Barillas, unha pequena e illada vila de Guatemala onde fora asasinado Andrés Francisco Miguel, un líder indíxena oposto ao proxecto de construción dunha central hidroeléctica na zona por parte de Hidralia Energía, nun ataque realizado por paramilitares no que outras dúas persoas resultaron feridas. Hidralia era unha empresa coruñesa propiedade de Luis e David Castro Valdivia, cun conflitivo pasado cheo de denuncias e condenas en Galicia pola actividade das súas minicentrais e centrais eólicas, a chamada trama enerxética na que tamén estiveron acusados Francisco Vázquez, Antonio Fontenla e o ex director xeral de Industria da Xunta, Ramón Ordás Badía, cuñado de Luis Castro Valdivia.
Ante as protestas dos e das habitantes do lugar, nos días seguintes o autoritario goberno de Guatemala presidido por Otto Pérez decretou o estado de sitio na rexión e 600 soldados tomaron a vila, botando abaixo as portas das casas, estragando as colleitas, levando a cabo agresións sexuais contra mulleres, detendo 21 persoas e traendo á memoria os tempos do xenocidio indíxena no país. A xustiza ordinaria condenou dous traballadores de Hidralia como autores materiais do homicidio. Porén, foron absoltos polo Tribunal de Maior Risco en Guatemala. Dada a gravidade do conflito, a vila recibiu en xaneiro de 2013 una misión de parlamentarios e parlamentarias españolas (de PP, PSOE, IU, PNV e CiU) para verificar se se producira unha vulneración de dereitos humanos. Durante os anos 2012 e 2013 leváronse a cabo na Coruña varias protestas contra a compañía. Ademais, dúas activistas visitaron Galicia para dar a coñecer a súa problemática e reunirse coa veciñanza de Corcoesto, unha loita coa que se identificaban. A polémica fixo que a empresa se retirara momentaneamente da zona. Porén, en 2014 volveu poñer en marcha o proxecto, aínda en marcha, pero sen concluír.
O Observatorio de Multinacionais en América Latina vén de publicar un completo informe sobre este conflito aberto, un traballo de Antonio Rodríguez-Carmona e Elena de Luis Romero construído a partir de 70 entrevistas que analiza outros casos de presións empresariais sobre comunidades locais en Guatemala para explotar os seus recursos hídricos. Os autores sinalan a necesidade de crear normas obrigatorias en dereitos humanos para empresas transnacionais e destacan o traballo que está a realizar Nacións Unidas para elaborar un instrumento internacional xuridicamente vinculante.
Os habitantes da zona sinalan que a empresa mercou parte das terras valéndose de enganos e de intermediarios. Ademais, os veciños que se negaron a vender as súas propiedades denunciaron ter recibido ameazas
Hidralia puxo os ollos na zona de Barillas e no salto de auga do río Q’an Balam, conseguindo unha concesión gobernamental para explotalo durante 50 anos. Porén, dende o inicio ignorou por completo a comunidade residente nesas terras e nin sequera creu necesario contar cun socio local para promover o proxecto, limitouse a afinar as súas boas relacións co goberno guatemalteco e contratou como coordinador da área social a un militar retirado. Os habitantes da zona sinalan que a empresa mercou parte das terras valéndose de enganos e de intermediarios, que aseguraban estar interesados en cultivala, para acadar un prezo máis reducido. Ademais, os veciños que se negaron a vender as súas propiedades denunciaron ter recibido ameazas, e tamén se denunciou o acoso exercido contra as mulleres da comunidade.
A cantidade final de terra adquirida foi significativa, ao redor de 171.000 m2, segundo Antonio Rodríguez-Carmona e Elena de Luis Romero, un espazo "que excede as necesidades a priori para construír unha minicentral hidroeléctrica de 5 MW". As actuacións de Hidralia provocaron mesmo o pronunciamento do bispo da Diocese de Huehuetenango e de 18 cregos da zona, que alertaron da "prepotencia e a falta de diálogo por parte da empresa". O informe de Antonio Rodríguez-Carmona e Elena de Luis Romero tamén destaca o impacto medioambiental do proxecto de Hidralia, sinalando por exemplo que a central hidroeléctrica esgotaría o caudal mínimo ecolóxico do río durante dous meses ao ano.
O proxecto Canbalam I conta cun investimento total de 30 millóns de dólares, dez veces máis que o orzamento total da municipalidade de Barillas, unha comunidade con moitos problemas para acceder aos servizos básicos, como auga e electricidade, de moi mala calidade (son moi frecuentes os apagóns) e cun prezo moi elevado. O capital procede da Corporación Interamericana para o Financiamento de Infraestruturas (CIFI) -entidade participada por Bankia e o Banco Mundial- e o Fondo Noruegués de Investimento en Países en Desenvolvemento (Norfund). Cómpre sinalar que en 2007 os habitantes da rexión votaron masivamente en referendo contra a instalación na zona de explotacións mineiras, petrolíferas ou eléctricas. E que, de novo en 2012, a municipalidade convocou unha consulta asemblearia sobre este proxecto específico, tamén cun resultado rotundo en contra. Unha decisión que foi ignorada.
A empresa cercou con valados e arame de espiño o río, impedindo á poboación acceder a el. O propio aproveitamento dun ben público (o río) para o beneficio dunha empresa privada foi criticado tamén polas comunidades indíxenas, que denunciaron o incumprimento por parte do Estado do dereito dos pobos indíxenas a decidir sobre os seus recursos naturais, dereito recollido na Declaración dos Dereitos de Pobos Indíxenas de 2007 e ratificada polo Estado de Guatemala. Ademais, a empresa só accedeu a compensar economicamente á poboación de Barillas despois das protestas da primavera de 2012. Nese momento ofreceu pagar un canon anual de 75 mil dólares, que nas negociacións foi elevado a 250 mil (un 0,83% do investimento total). Ademais, a empresa reservouse o dereito de suspender o convenio se se producían circunstancias adversas aos seus intereses.
Entre os anos 2011 e 2015 foron detidas 65 persoas, encarceradas a partir de procesos inzados de vicios procesais, detencións arbitrarias e outras irregularidades
Entre os anos 2011 e 2015 produciuse unha estratexia deliberada de criminalización e de persecución xudicial a líderes comunitarios e indíxenas que se opón ao proxecto, a través da que foron detidas 65 persoas, encarceradas a partir de procesos inzados de vicios procesais, detencións arbitrarias e outras irregularidades que mesmo foron sinaladas polo Grupo de Traballo sobre Detencións Arbitrarias das Nacións Unidas. Ademais, emitíronse un bo número de ordes de captura non executadas, que serven de presión para provocar a desmobilización comunitaria.
Ademais das prácticas represivas, a empresa despregou outro tipo de tácticas, habituais nestes procesos, destinadas a promover a aceptación do proxecto entre a comunidade, como por exemplo a contratación dalgúns veciños para tarefas de seguridade, o ofrecemento de axuda legal para algunhas das persoas detidas ou a promesa de beneficios sociais para a comunidade. A partir de abril do ano 2013, ademais, pareceu mudar a súa estratexia: Luis Castro Valdivia abandonou o liderado do proxecto, sendo substituído por un novo xerente, e tamén foi retirado o ex-militar contratado para xestionar as relacións coa comunidade. Ademais, a empresa promoveu un diálogo coa poboación indíxena, actuando o Estado e Nacións Unidas como mediadores. Porén, denunciouse que as mesas de diálogo serviran máis como unha estratexia dilatoria que como un mecanismo real de resolución dos conflitos.
O informe conclúe que Santa Cruz Barillas segue "dominada por unha fractura interna, debido ao fartazgo que ocasionou a gran duración do conflito e a falta de vontade tanto política como empresarial para reparar os danos causados" e sinala que "a presenza da empresa española en Barillas suscita un rexeitamento maioritario, mentres que as posicións en contra dunha central hidroeléctrica son menos acusadas. Con todo, o enorme dano causado pola empresa impide un debate sereno sobre os beneficios e custes dun proxecto hidroeléctrico no municipio".
"A presenza da empresa española en Barillas suscita un rexeitamento maioritario, mentres que as posicións en contra dunha central hidroeléctrica son menos acusadas. Con todo, o enorme dano causado pola empresa impide un debate sereno"
Antonio Rodríguez-Carmona e Elena de Luis Romero denuncian así mesmo que a Embaixada española "gardou silencio" sobre as malas prácticas da empresa participada por Hidralia e subliña o "baleiro legal" existente neste ámbito pois "o Estado español carece de instrumentos para sancionar os comportamentos delitivos das transnacionais con sede en España cando operan en terceiros países". "En definitiva, o caso de Hidro Santa Cruz en Barillas mostra os límites e riscos dunha diplomacia comercial que non contempla o respecto aos dereitos humanos como principio reitor", engaden.