0 Gardados para despois

“Debemos ambicionar unha diplomacia galega como a Diplocat”

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Logo da nova lexislación imposta en 2014 polo Goberno central á acción exterior do resto de administracións, a Xunta aprobou a finais de 2015 un decreto co que regulou esa área competencial e determinou a elaboración da primeira Estratexia Galega de Acción Exterior (Egaex), documento que pretende superar anteriores reflexións globais ou estratexias parciais. O Goberno galego someteu a finais de 2016 a exposición pública o borrador desa estratexia, de 180 páxinas, que espera aprobar ao longo de 2017. Praza Pública e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) entrevistan sobre a proxección internacional que queren para Galicia ao director xeral de Relacións Exteriores da Xunta e a responsables na materia dos grupos da oposición. Ana Miranda é portavoz do BNG en Bruxelas.

"Que a acción exterior se regule por decreto e non por lei, polo que suporía canto a cumprimento, minimiza as relacións internacionais propias de Galicia como tal"

Que aspectos positivos e cales negativos atopa no borrador da Egaex?

Positivo pode ser a valoración dos temas relacionados co comercio exterior ou a promoción dos investimentos. Aínda que son un pouco reiterativos porque xa se fixo entre 2005 e 2009, cando se avanzou bastante. Vexo moitas carencias. O feito de que se regule por decreto e non por lei, polo que suporía canto a cumprimento. Minimiza as relacións internacionais propias de Galicia como tal. Supedita todo ao contexto español e nin menciona a palabra paradiplomacia. Houbo un momento en que houbo certa intención de ter unha política exterior propia, e agora corresponde máis que nunca. O borrador está carente de consenso e debate previo. Pode que o haxa despois, pero polo momento non houbo. Por outra banda, o Consello de Acción Exterior xa vemos como funciona, nós non estamos nin convidados, non hai unha representatividade, tampouco da sociedade civil. O documento non se plantexa a ambición de ter un xefe da diplomacia galega, un Diplogal como o Diplocat en Cataluña, que está funcionando como un think tank importantísimo.

A lei estatal de acción exterior suporá un freo ás aspiracións de Galicia?

Totalmente. Esa lei foi feita para cernar as competencias en materia exterior das comunidades autónomas, en especial das que xa tiñan algunha actividade a maiores como Euskadi e Cataluña. Nós non tiñamos moita na práctica, aínda que pareza. O que se fai é participar nos consellos [europeos] e nas reunións previas da Comisión, ata o de agora sen ningún éxito, como se viu en cuestións como as redes europeas de transporte. Por moito triunfalismo que se estea expresando no Comité das Rexións, que é consultivo, mentres que o Parlamento Europeo é lexislativo.

Vostede fai moito fincapé nas cuestións da Unión Europea, que é o seu ámbito de especialización. Pero esas actuacións non deberían ser consideradas xa política interior e non acción exterior?

É política interior, está claro que son relacións xa internas, forma parte do noso acervo. Pero a Egaex inclúea como parte da acción exterior. E a Xunta non está a participar nas consultas previas, así non pode influír nas decisións posteriores da Comisión. Tamén fala de coordinación por parte da Xunta dos eurodeputados galegos, e eu cando o fun só tiven un encontro nun ano e medio. É algo que si existe en Escocia, Cataluña, Gales... e son reunións periódicas.

"A Egaex céntrase na macrorrexión con Castela e León, que é un grande erro, en vez de cara o atlántico e a estratexia marítima"

Cales deberían ser para o seu partido as prioridades xeográficas e sectoriais?

O eido de Portugal e lusófono e o das nacións celtas, polo potencial que temos por cuestións culturais, de tráfico marítimo, de exportacións. América Latina e Asia son importantes polas exportacións pero tamén no eido da cultura. Pero a Egaex circunscribe a relación con América á emigración ou a cooperación. As empresas e axentes galegos están indo por diante. E céntrase na macrorrexión con Castela e León, que é un grande erro, en vez de cara o atlántico e a estratexia marítima. En ningún momento o documento fala das persoas refuxiadas, nin de pobos cos que hai moitas redes de solidariedade en Galicia como o Sáhara ou os Kurdos.

"Hai intervencións do ministerio para frear iniciativas na Comunidade dos Países de Língua Portuguesa"

A Egaex aposta por mellorar a relación con diversos países de lingua portuguesa, pero o borrador non fai referencia, máis que nun anexo, á Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP) como tal, malia que o propio presidente Feijóo prometeu que traballaría para a incorporación de Galicia á organización. Por outra banda, a CPLP agrupa estados soberanos e as súas áreas de actuación van máis alá da lingüística. A que debería aspirar Galicia nese ámbito?

Non se implementou aínda a Lei Paz Andrade [para o aproveitamento do vínculo coa lusofonía] nin hai recursos. E cada vez que hai unha intervención na CPLP por parte da sociedade civil, aínda que a Xunta non participa, hai unha chamadiña por parte do ministro para frear determinadas cousas. Cónstame. Por parte da CPLP non habería problema a que Galicia participara se non houbese sempre un impedimento pola vía diplomática. Se se flexibilizara ese impedimento, teríamos un bo lugar de traballo para establecer unha serie de vínculos con determinados países en políticas públicas, non só na lingua.

O proceso de renovación interna da súa formación pode limitar o papel do BNG como interlocutor na elaboración da Egaex?

Temos unha política internacional ben definida nos sucesivos programas electorais, cunha actuación clara tanto no Parlamento Europeo como nas relacións con outros pobos. Unha política de respecto á soberanía interna de cada Estado pero tamén de multilateralidade e política de paz. Non é un tema de debate que poida confrontar. Estamos maioritariamente de acordo. A entrada na Eurocámara en 1999 supuxo unha inflexión para considerar [a acción exterior como] un sector estratéxico. E seguimos ampliando relacións.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.