Finalmente Portugal non limitou os accesos aos nove pasos fronteirizos (en Galicia só os de Valença e Chaves) que indicara hai máis dun mes no Diário da República para reforzar a seguridade con motivo da visita do Papa a Fátima. O que fixeron as autoridades lusas foi impor controis en todos os puntos de paso habituais e están a desviar o tráfico pesado ou os vehículos que non sexan españois ou portugueses cara eses denominados “pontos de passagem autorizados”, os máis transitados habitualmente, que no caso do da ponte entre Tui e Valença está a rexistrar importantes retencións. Noutros, como a ponte entre Goián e Vila Nova de Cerveira, o tráfico, tamén con controis, é máis fluído.
As autoridades luxas impuxeron controis en todos os puntos de paso habituais e desvían algúns vehículos cara os inicialmente designados como “pontos de passagem autorizados” de Valença e Chaves
A decisión de suspender temporalmente o acordo de Schengen de libre circulación polas fronteiras interiores europeas por motivo da visita do Papa foi adoptado polo Conselho de Ministros de Portugal o 30 de marzo e publicado no Diário da República o 4 de abril. Nesa Resoluçao limitábanse os “pontos de passagem autorizados” a só nove en toda a fronteira con España, entre eles os anteditos de Valença e Chaves. Porén, pasou máis dun mes sen que ningunha administración española informase a este lado da raia da medida ata que o fixo este luns a Guardia Civil, só día e medio antes de aplicarse a medida, provocando protestas de diversos colectivos afectados. Aínda o propio luns o director nacional adxunto do departamento encargado de aplicar a medida, o Serviço de Estrangeiros e Fronteiras de Portugal, Joaquim Pedro Oliveira, aseguraba en Radio Renascença que “todo o resto da fronteira é classificada como pontos de passagem não autorizada”. Porén, finalmente todos os pasos fronteirizos están abertos con maiores ou menores demoras derivadas do control da documentación.