CRÓNICA | A investigadora do Leibniz-Zentrum Moderner Orient de Berlin Antía Bouzas viaxou a esta rexión do nordeste de Paquistán, cuxos habitantes sofren os efectos do conflito aberto entre este país e a India
Existen varios miles de familias divididas nas aldeas fronteirizas de Baltistán e Ladakh (na zona India)
Durante unha visita en Baltistán, unha rexión fronteiriza coa India no nordeste de Paquistán, sento con Bilquis, unha muller duns setenta anos, as súas fillas e unha familiar moi anciá. Baltistán é coñecido polos seus cumios que atraen a grupos de montañeiros que pagan o correspondente permiso ao Estado paquistaní para escalar coa axuda dos portadores locais. Menos coñecido é a historia deste tipo de traballo, o de portador, que xa facían os habitantes como man de obra forzada antes de 1947 para o príncipe ou maharaja de Caxemira, ou a condición de Baltistán (en tanto que parte da rexión de Gilgit-Baltistán) de territorio disputado do conflito de Caxemira. Esta última condición é a que ten maior consecuencias para as persoas. As mulleres coas que me atopo naceron nunha aldea que en 1949 foi liberada por forzas locais e logo formou parte de Paquistán ata 1971, cando volveu baixo control da India. Daquela, algunhas familias como as súas optaron por abandonar os seus fogares por medo á represión e fuxiron cara a outros lugares de Baltistán non ocupados. Coma elas, existen varios miles de familias divididas nas aldeas fronteirizas de Baltistán e Ladakh (na zona India), núcleos dispersos e relativamente pouco habitados, para os cales o Estado sempre foi máis ben un problema que unha solución.
No medio da nosa conversa menciono o nome de Rahman Bi, xa que varios anciáns me narraron a historia desta muller extraordinaria
No medio da nosa conversa menciono o nome de Rahman Bi, xa que varios anciáns me narraron a historia desta muller extraordinaria. As mulleres sorpréndense de como sei eu dela, mesmo Bilquis, coa que falei ao longo de moitos anos xa, nunca me contara da que foi a súa avoa. Tal cousa é normal, pois as mulleres temos moi asumido todo iso de silenciarnos as unhas ás outras. Rahman Bi forma parte da historia oral das persoas procedentes dun pequeno grupo de aldeas situadas nun profundo val entre a zona do extremo nordeste, non moi lonxe do glaciar Siachen, unha rexión case inhóspita, onde o exército indio e paquistaní manteñen aínda unha loita polo control do glaciar onde morren máis soldados por mor das temperaturas extremas que polo conflito armado. Como xa se sinalou, a aldea onde vivía Rahman Bi (de varios centos de habitantes) queda agora na India. Desta muller sábese que en 1949 fixo fronte ás milicias locais que liberaran o nordeste do país (do norte cara ao sur), e que estaban en retirada logo de chegaren preto de Ladakh. A superioridade das tropas indias –que en realidade estaban formadas por soldados ladakhis budistas na súa maioría— fixéraas recuar. Ao principio, contan, a muller tratou a estes guerrilleiros a pedradas, por covardes, e xunto coas outras mulleres, organizáronse para facer fronte ao inimigo. Logo, tras convencer aos homes da aldea, tratou co líder das milicias para garantirlle racións por un período a fin de que non depuxesen na loita, conseguindo o seu obxectivo de non formar parte de Hindoostan (a India).
Observar o Estado dende esta perspectiva, dun xeito certamente represivo porque é incapaz de controlar o territorio por outros medios que non sexan os militares, podería axudarnos a entender os procesos políticos e sociais que están a ocorrer noutras sociedades
Un par de quilómetros antes de entrar na aldea de Rahman Bi aínda quedan os sinais da liña fronteiriza de 1949 nos que se erguen agora postos de control do exército indio. Máis alá das historias bélicas, Rahman Bi coñécese como a nambardar (xefa) da seu lugar, aínda que o título o ostentase o seu home, tal como segue a ocorrer en moitas aldeas e vilas do norte da India e nordeste de Paquistán. Daquela, o seu liderado recoñecíano tanto homes como mulleres e as testemuñas orais sinalan a súa boa capacidade para redistribuír os recursos do lugar, sobre todo un ben tan escaso na zona como a auga, e o seu senso de equidade. Rahman Bi non aparece nos libros de historia sobre o conflito nunha das zonas do mundo máis militarizadas, nin o seu grupo de aldeas, nin as familias divididas á forza nun e noutro lado dunha fronteira que non é fronteira, (porque está disputada segundo o dereito internacional), nin as persoas desprazadas polo frecuente enfrontamento militar, nin as viúvas dos portadores do exército (que fan o seu traballo case á forza), nin os nenos orfos desta violencia. Para a fixación da fronteira do Estado nestes territorios é preciso que as súas historias sexan silenciadas e que o seu espazo desapareza. Con todo, a súa existencia danos conta de que outro tipo de sociedades poden ser posibles porque se destas xentes dependese, a idea de seguranza non se articularía en torno á militarización da fronteira.
Observar o Estado dende esta perspectiva, dun xeito certamente represivo porque é incapaz de controlar o territorio por outros medios que non sexan os militares, podería axudarnos a entender os procesos políticos e sociais que están a ocorrer noutras sociedades que non forman parte da Europa occidental ou de América do Norte, en vez de meter a estes grupos sociais en caixiñas de identidades, como adoitan facer algúns antropólogos e analistas internacionais – estes últimos sentados en cómodas cadeiras lonxe dos lugares sobre os que escriben.
A India non permite chamadas dende o Estado de Iamú e Caxemira (do que forma parte Ladakh) á zona paquistaní por mor da ameaza do terrorismo
O meu amigo Ahmad cóntame que onte chamou por teléfono aos seus familiares que viven no outro lado da fronteira. Os seus parentes non poden facelo, dado que a India non permite chamadas dende o Estado de Iamú e Caxemira (do que forma parte Ladakh) á zona paquistaní por mor da ameaza do terrorismo. Non conta que nestas zonas concretas nunca existira terrorismo. De feito, durante a violenta represión das revoltas civís no val de Caxemira durante o verán de 2016, a maior democracia do mundo efectuou un apagamento comunicativo polo cal a internet e os teléfonos móbiles quedaron sen uso e os residentes no estranxeiro non tiñan acceso á información sobre o que estaba a pasar aos seus familiares.
A vida de Ahmad quedou atrapada entre fronteiras; un día de decembro de 1971 quixo regresar a súa aldea para visitar aos seus pais e a súa dona e xa non puido facelo
Son outras fronteiras que se erguen cada día, como unha purdah, unha cortina de separación que nos impide ver o que semella incómodo e que por outro lado nos resulta tan normal. A vida de Ahmad quedou atrapada entre fronteiras; un día de decembro de 1971 quixo regresar a súa aldea para visitar aos seus pais e a súa dona e xa non puido facelo. O lugar quedaba nun país estranxeiro, a outra beira do río Shyok. Os ríos como o Indo ou o Shyok en torno aos cales se constituíron vías de comunicación durante séculos e redes de bazares que achegaban a xentes moi diversas, son agora un elemento de separación e de mal agoiro. Un día, hai xa varias décadas, atoparon un corpo dunha muller flotando no Shyok e considerando que probablemente procedía do outro lado da fronteira, chamaron a Ahmed por se podía saber de quen se trataba. Cando lle amosaron o corpo, recoñeceuno ao momento, pois era a súa dona. Tempo despois soubo que a súa morte foi accidental, que a muller movéndose tras unhas rochas nunha pendente esvarou e caeu á auga. Ahmed é un deses poucos afortunados que puido regresar a ver aos parentes que lle quedan na súa aldea hai poucos anos, logo de que os gobernos de India e Paquistán acordaran medidas para as visitas de familias divididas a mediados da década pasada. Con todo, tales reencontros non deixan de ter un ton simbólico, un tanto irónico tamén, pois para visitar aos seus familiares que viven a uns trinta quilómetros de distancia, deben percorrer máis de tres mil cruzando a fronteira internacional entre as cidades de Lahore e Amritsar.
Confluencia do río Shyok no Indo. Ao fondo a vila de Keres.
Non poden ter comunicación directa malia haber estradas en bo estado, nin puntos de encontro tan básicos como berrar entre un e outro lado do río e intercambiar regalos. Está prohibido
Das familias divididas que coñecín destas aldeas illadas e que se reencontraron, ninguén puido permitirse pagar un billete de avión. Crese que hai entre dúas e tres mil familias divididas en Baltistán e Ladakh que, ao contrario que ocorre entre as zonas do val de Caxemira e a zona da Caxemira paquistaní, non poden ter comunicación directa malia haber estradas en bo estado, nin puntos de encontro tan básicos como berrar entre un e outro lado do río e intercambiar regalos. Está prohibido. Os únicos que atravesan a fronteira da estrada entre Skardu e Kargil son os membros da UNMOGIP (siglas en inglés do Grupo de Observadores Militares das Nacións Unidas para India e Paquistán) estacionados na zona desde 1949 para supervisar o cese de fogo e que dan ben conta de como o ámbito do internacional suprime un elemento de sentido común que debería rexer nas relacións de proximidade. Unha mañá, o meu amigo e máis eu vemos a estes vixiantes da paz, un mozo e unha moza estranxeiros nas súas roupas militares, que teñen un momento de relax á beira do río mentres unha escolta de varios soldados paquistanís velan pola súa seguranza un tanto aburridos. Ao meu acompañante local parécelle ridículo, xa que ninguén se molestaría en facerlles mal. Tal é o estado das cousas.
India tamén reclama todo Gilgit-Baltistán, aínda que as xentes locais defenden que eles optaron por Paquistán na guerra de 1948–49
Baltistán ten unha taxa de criminalidade case nula, pero forma parte de Paquistán e iso tráelle moitos problemas a estas xentes. O goberno paquistaní considera que o futuro político deste territorio, en tanto que parte de Caxemira, está por decidir e India tamén reclama todo Gilgit-Baltistán, aínda que as xentes locais defenden que eles optaron por Paquistán na guerra de 1948–49. En canto que é disputado, Paquistán non integrou Gilgit-Baltistán na estrutura do Estado e os seus habitantes non votan nas eleccións xerais, ademais de veren os seus dereitos fundamentais restrinxidos. Por outra banda, a delicada situación internacional de Paquistán dende o 2001 por mor do terrorismo tivo un efecto devastador para a principal economía local, o turismo. Por riba, a ignorancia xeográfica tamén tivo os seus efectos. Ata 2009 Gilgit-Baltistan era coñecida como as Áreas do Norte (Gilgit-Baltistan é unha denominación de 2009) o que a facía confundible no exterior coa anteriormente chamada Provincia do Noroeste (hoxe Khyber Pakhtunhwa ou KPK), situada na perigosa fronteira afgán-paquistaní. Estes aspectos xeopolíticos tiveron un impacto negativo en Gilgit-Baltistán, que ten pouco que ver cultural e socialmente con down Paquistán, como así se refiren os locais ás chairas que forman o resto do país. No caso de Baltistán, a súa tradición cultural (malia seren musulmáns) está ligada á do Tíbet e así se comezou a reivindicar recentemente por grupos culturais que buscar diferenciarse do resto do país. A diversidade existente nestas terras desafía as tendencias homoxeneizadoras do avance do Estado, aínda que cada vez vaia cedendo a elas e, como todos os territorios da periferia, acabará por desaparecer.
No caso de Baltistán, a súa tradición cultural (malia seren musulmáns) está ligada á do Tíbet e así se comezou a reivindicar recentemente por grupos culturais que buscar diferenciarse do resto do país
O avance do Estado vese na concentración de exércitos —cantos soldados haberá onde converxen as fronteiras entre China, India e Paquistán?—, nas grandes infraestruturas que se están a crear (e que se erguen sobre un limbo legal no que as xentes non poden dicir nin chío) e nas transformacións tecnolóxicas que permiten un maior control de todo o que ocorre nestas terras. Tal avance contrasta cunha longa historia local de grupos sociais que procuraban refuxio logo de seren perseguidos, de periferias que existían en base a canles de comunicación secundarias e de xentes que procuraban distanciarse dos centros de poder. Un día, volvendo da vila de Shigar, avisto unha aldea situada no alto, tirando cara a metade dun deses cumes. Hai anos era coñecida polo seu illamento, pois carecía de camiño e emprender a subida dun dos carreiros que conducían ao núcleo habitado podía ser unha actividade dun bo número de horas. Agora posúe unha vertixinosa estrada en forma zigzag. A aldea ten un nome en lingua balti que, ao traducilo, vén a significar algo así como “todos desaparecidos!” Quizais fose iso o que querían cando construíron as súas casas no alto, case ocultas polas rochas e polas árbores, desaparecer.
Aldea ao pé da montaña. Por riba do núcleo pasa un nallah ou canle de auga esencial para a vida nestes lugares
En Baltistán as fronteiras condicionan de cheo a vida das persoas e marcan o seu destino
En Baltistán as fronteiras condicionan de cheo a vida das persoas e marcan o seu destino. Nunha zona desértica nas aforas de Skardu, dúas mulleres miúdas apuran o seu traballo no atardecer. Están a amasar ladrillos que secan ao intenso sol do día e que é determinante para a construción das casas baixas que se erguen ao arredor. Casas no deserto, sen auga. O que reciben estas mulleres por cada peza é insignificante. Elas proceden da zona fronteiriza, doutro val, e como todas as xentes que viven na periferia urbana, fuxiron do último conflito armado entre India e Paquistán na primavera-verán de 1999. Zahra di que durante o conflito os indios cortaron as canles da auga —Paquistán depende enormemente das augas dos ríos que proceden da Caxemira controlada pola India— e que ata comeron herba porque se estragaron as colleitas. Pasaron moito tempo nos búnkeres durante o conflito. Agora malviven facendo traballos para outros; as mulleres normalmente traballan como xornaleiras no campo e cortan, nun caloroso día de verán, o trigo doutras familias. Cando o traballo escasea, amasan ladrillos.
Houbo un montañeiro norteamericano, que creou unha rede de escolas tras vender un libro seu, un bestseller en Estados Unidos, no que se erixía como salvador destas xentes do terrorismo nun lugar onde o terrorismo non existe
Calquera se pregunta se aos exércitos destes países lles pode importar algo que aos campesiños das zonas onde están despregados se lles estraguen as súas colleitas e non poidan xa vivir máis nas súas aldeas e vilas. Tal tema non forma parte do internacional. Pode haber varios miles de familias desprazadas polo fogo inimigo da fronteira en Baltistán, mais estas xentes non recibiron compensación ou axuda, agás a que lle proporcionou algunha oenegué axudándolles para unha canalización de auga. Malviven facendo os traballos que ninguén quere e aínda por riba a súa desgraza tamén é aproveitada por outros. Se ben hai organizacións que fan un traballo moi importante e os axudan, tamén existe un “oeneguismo” interesado, por non falar do papel dalgúns líderes relixiosos. Houbo un montañeiro norteamericano, que xa non se deixa ver por estes lares, que creou unha rede de escolas tras vender un libro seu, un bestseller en Estados Unidos, no que se erixía como salvador destas xentes do terrorismo nun lugar onde o terrorismo non existe, polo menos ata agora. Por outra banda, hai algún que outro líder relixioso que baixo a idea da caridade define o camiño apropiado que deben seguir aqueles que non teñen nada. Dende perspectivas diferentes, uns e outros posúen unha certa influencia nestas xentes e, mentres o Estado, a través do exército, é omnipresente á hora de controlar as fronteiras, desaparece cando debe lexitimarse e protexer ás persoas nos eidos da educación e saúde públicas.
O momento da colleita do trigo que se pon a secar por todas as partes da aldea, incluso, ao igual que os famosos albaricoques locais, nos teitos das casas e enriba das chemineas
As fronteiras pechadas impídenlles comerciar e tratar con xentes que falan unha lingua e pertencen a unha cultura similar á súa, a tibetana
Na cidade de Skardu hai dous hospitais, un público (aínda que hai que pagar tratamentos) e un militar (que tamén atende a civís a pagamento), e logo hai servizos médicos temporais ofrecidos por varias organizacións de desenvolvemento. A cuestión da saúde en toda a rexión de Gilgit-Baltistán (uns dous millóns de habitantes) deixa moito que desexar e, por exemplo, carece dunha unidade para o tratamento do cancro. En cambio, no eido da educación proliferan as escolas que aínda que se anuncian como public son privadas, mentres que as públicas ou government escasean. Como en moitas partes do mundo, as “government” son consideradas de peor calidade (o que non é sempre certo aquí) e a miúdo os pais procuran investir moito na educación dos seus fillos optando pola educación privada. Cabe pensar cara a onde irá esta sociedade nova, carente de traballos e de oportunidades na súa zona, afogada por fronteiras. As fronteiras pechadas impídenlles comerciar e tratar con xentes que falan unha lingua e pertencen a unha cultura similar á súa, a tibetana, e a única estrada que funciona todo o ano coa cidade máis próxima (a sete horas de distancia) é por tramos una pedregueira que separa máis que une. Os que procuran un futuro deben marchar cara as urbes de Rawalpindi, Islamabad, Lahore ou maiormente Karachi, ou para os rumbos máis incertos dos países do Golfo.
Tenda con sinais en balti empregando a escritura tibetana. Nos últimos anos estase a recuperar a lingua escrita que, como no caso do galego, é motivo de disputas que reflicten varios imaxinarios espaciais. A lingua balti estase a recuperar coa grafía árabe-persa que segue o urdú, a lingua franca e lingua nacional de Paquistán, mais algúns intelectuais locais apoian a introdución do age, a grafía tibetana, que non ten tradición escrita significativa neste lugar. Detrás destas manifestacións culturais hai unha certa concienciación da marxinación desta rexión.
Ante aquel lugar, e a ollada curiosa dos nenos, non podo evitar pensar como o Estado, ese que aparece e desaparece cando lle convén, violenta dobremente a estes cativos
Nun día de sol impenitente, achégome a un orfanato dirixido por unha organización caritativa de signo relixioso. Para os islamófobos que len estas liñas, farei o exercicio de explicación que tal organización non está implicada en actividades violentas, como non o estaría unha organización católica facendo o mesmo labor. O único que fan, segundo o seu credo, é impartir ensinanzas que poden ser entendidas como pouco tolerantes, ou pouco adaptadas ao mundo de fóra daqueles muros, como ocorre con algunhas organizacións cristiáns non necesariamente moi conservadoras que teñen unha liña definida en determinados temas sociais. O lugar, un grande edificio cun patio mínimo no que apenas hai árbores, semella o menos apropiado para un uso infantil e lembra máis ben un cárcere. Ante aquel lugar, e a ollada curiosa dos nenos, non podo evitar pensar como o Estado, ese que aparece e desaparece cando lle convén, violenta dobremente a estes cativos. Por un lado, róuballe as súas familias e a súa infancia; por outro, intérnaos en centros onde lle ofrecen unha educación que, salvo unha excepción, os limitará para facer fronte a unha sociedade en cambio e a apreciar a beleza da diferenza. E din que as fronteiras non contan!