0 Gardados para despois

"Deste movemento en Nicaragua pode xurdir un neo-sandinismo aínda máis progresista"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Nos últimos días percorreu Galicia unha Caravana Informativa de Solidariedade con Nicaragua, reuníndose con representantes dos grupos políticos no Parlamento de Galicia, con entidades sociais e activistas e sendo recibidos polos alcaldes de Santiago de Compostela e A Coruña. Denuncian a situación que se vive no seu país, onde dende hai mes e medio as protestas da cidadanía contra as políticas do Goberno de Daniel Ortega deixaron xa máis de 300 persoas mortas entre a poboación, produto da represión exercida polas autoridades, policía e grupos paramilitares. As protestas comezaron despois do anuncio dunha reforma do Instituto Nicaraguano de Seguridade Social, imposta por decreto polo presidente Ortega, que aumentaba as contribucións de traballadores e empresarios e impuña unha retención do 5% aos xubilados. Tamén se denunciaba o progresivo recorte de dereitos civís e violacións de dereitos humanos.

A Caravana Informativa pasou xa por Dinamarca, Suecia, Bélxica, Francia, Holanda, Alemaña e Inglaterra. E no Estado Español estivo en Madrid, Zaragoza, Barcelona, Córdoba e Sevilla. Falamos con Fidel Ernesto Narváez, avogado e ex-profesor de Dereito Constitucional e Filosofía na Universidad Politécnica de Nicaragua (UPOLI). Participou dende o inicio nas protestas estudantís contra o Goberno, ata que se tivo que exiliar, tras ser identificado polas autoridades.

"A represión busca desmobilizar unha poboación que está insurrecta civicamente e que non ten armas, unha poboación que demostrou a súa oposición ás políticas que vén desenvolvendo o Goberno ao ditado dos Estados Unidos"

Como está a situación neste momento?

A día de hoxe o número de persoas asasinadas chegou xa a 309. Diferentes sectores da poboación están sendo atacados polo paramilitarismo, financiado e dirixido polo Goberno. A represión busca desmobilizar unha poboación que está insurrecta civicamente e que non ten armas, unha poboación que demostrou a súa oposición ás políticas que vén desenvolvendo o Goberno ao ditado dos Estados Unidos. Unhas políticas que, na orde relixiosa, foron consensuadas coa parte máis radical da Igrexa Católica e tamén co Pentecostalismo e a Teoría da Prosperidade, que está a estenderse por toda Centroamérica.

En Europa, sobre todo en sectores progresistas, sorprende que sexa o Goberno de Ortega, o sandinismo, quen estea exercendo esta represión e aplicando estas políticas que denunciades. Como se explica?

Esta non é unha insurrección contra o sandinismo. No ano 1979 houbo un triunfo revolucionario popular, do pobo, non dun partido. O que pasou é que a partir do ano 1990, cando a Fronte Sandinista pasou á oposición, houbo unha desestruturación da Fronte, sobre todo de índole ideolóxica, porque foi pouco a pouco abandonando os postulados progresistas cos que anteriormente chegara ao poder. Daniel Ortega viña desprazando aos militantes históricos e a todo aquel que tivese un sentido crítico. Cando a Fronte Sandinista volveu ao Goberno no ano 2006 fíxoo despois de que Ortega chegara a pactos con gran capital, coa Igrexa e cos Estados Unidos, poderes que xa non vían no sandinismo un inimigo. Dende entón houbo unha liberalización do mercado, penouse o aborto terapéutico e pechouse a porta ao matrimonio igualitario entre persoas do mesmo sexo. 

"Esta non é unha insurrección contra o sandinismo. No ano 1979 houbo un triunfo revolucionario popular, do pobo, non dun partido"

Foi o propio sandinismo quen creou unha corrente moi crítica no país, que marcou moito o ensino e a Universidade e a ideoloxía dos estudantes que hoxe están nas rúas. Moitos dos que estamos protestando vimos de raíces moi sandinistas. O meu pai foi guerrilleiro e o meu tío foi mártir e toda a miña familia pertenceu ao imaxinario sandinista. O partido foise desnatando, creando unha especie de Goberno corporativo moi próximo ao neofascismo, polo seu verticalismo e cesarismo. Toda ideoloxía marxista e mesmo sandinista foi abandonada progresivamente. Nicaragua ten un profundo sentimento antiimperialista, de defensa do territorio e da súa soberanía, que data do momento da súa independencia. A Fronte Sandinista non só abandonou isto, senón que experimentou unha mutación que o levou a utilizar cada vez máis a forza contra o seu pobo.

"Somos conscientes de que hai moita xente, sobre todo aqueles que dende Europa viviron os procesos dos anos 70 e 80, que conservan aquela imaxe estelada do Sandinismo e cren que o Goberno de Ortega é aínda aquel movemento. Pero esta visión non lle está facendo ben á poboación nicaraguana"

Somos conscientes de que hai moita xente, sobre todo aqueles que dende Europa viviron os procesos dos anos 70 e 80, que conservan aquela imaxe estelada do Sandinismo e cren que o Goberno de Ortega é aínda aquel movemento. Pero esta visión non lle está facendo ben á poboación nicaraguana. Este réxime demostrou nos últimos anos que abandonou aquela loita, e unicamente utiliza unha especie de vestido simbólico, invocando a CIA ou aos EE.UU. como inimigos. Pero o pobo nicaraguano sabe que Ortega non é o inimigo da CIA, senón que é o seu mellor axente, e que non é inimigo dos EE.UU., senón que é o seu maior aliado comercial.

Quen está sufrindo máis directamente a represión?

Quen está sufrindo máis directamente a represión é o pobo nicaraguano: estudantes, campesiños, movementos de mulleres, movementos de traballadores, comunidade LGTBI..., que están poñendo os seus corpos para defender os espazos públicos, coma a universidade. Ao non ter armas, teñen que poñer os corpos, nunha loita completamente desigual. O 19 de abril tivo lugar o primeiro asasinato, un estudante que vin morrer ao meu lado. Puiden ser eu perfectamente. A maior parte dos falecidos son homes de mediana idade e baixos ingresos económicos, de barrios populares, de cidades historicamente sandinistas. Non hai membros de partidos políticos, porque os partidos foron cooptados hai tempo polo Goberno, e non hai falecidos de clase media ou alta, porque o Goberno cóidase moito de atacar estes grupos.

"Quen está sufrindo máis directamente a represión son estudantes, campesiños, movementos de mulleres, movementos de traballadores, comunidade LGTBI..., que están poñendo os seus corpos para defender os espazos públicos"

O que está sucedendo en Nicaragua pode enmarcarse nun contexto máis amplo, rexional? Levamos anos vendo tamén en Honduras ou no Salvador a presión de multinacionais interesadas na explotación de recursos naturais...

Si, todos os países de Centroamérica están sufrindo a presión de empresas extractivistas, co favor de varios dos seus Gobernos. Nicaragua ten unha gran similitude co modelo de goberno corporativo de Manuel Zelaya en Honduras. Hai unha semellanza na concentración de riqueza, nos pactos de Estado en beneficio de determinadas familias e dunha grande endogamización do poder que exclúe a moitos colectivos.

"Todos os países de Centroamérica están sufrindo a presión de empresas extractivistas, co favor de varios dos seus Gobernos. Nicaragua ten unha gran similitude co modelo de goberno corporativo de Manuel Zelaya en Honduras"

Como cres que pode evolucionar a situación nos vindeiros meses?

A Alianza Cívica está dialogando con Ortega, pero cada vez está recibindo máis críticas, porque tamén ten moitas relacións co gran capital. Considérase que a Alianza Cívica é moi condescendente con Ortega. Hai que evitar que se chegue a un pacto secreto, a un novo pacto entre os grandes poderes: Capital, Goberno, EE.UU e Igrexa para manter o poder e evitar que as demandas da unidade popular destrúan o sistema extractivista do que actualmente se benefician. En cambio, a Articulación de Movimientos Sociales busca unha saída máis horizontal, cunha economía máis social e solidaria, cunha democracia popular que poida significar unha verdadeira alternativa para recuperar a soberanía fronte aos intereses do gran capital e das potencias mundiais. Temos a oportunidade de resignificar o seu contido histórico, de darlle teleoloxía ao gran concepto que marcou dende sempre a sociedade nicaraguana: a soberanía. A Articulación de Movimientos Sociales ten a súa propia ruta cara á democratización: renuncia inmediata do Presidente, Goberno de Transición, Asemblea Constituínte para cambiar toda a estrutura neoconservadora na que se asenta o país por unha estrutura máis progresista e incluínte e, finalmente, unha convocatoria de eleccións.

"Temos a oportunidade de darlle teleoloxía ao gran concepto que marcou dende sempre a sociedade nicaraguana: a soberanía"

O movemento de protesta que está habendo en Nicaragua pode estenderse a outros países da rexión?

O que está pasando en Nicaragua podería significar un cambio en toda Centroamérica, cunha situación política que se está movendo moito: tamén no Salvador, en Honduras... Estamos todos ao redor da loita pola recuperación da soberanía, económica principalmente, pero tamén sobre o coñecemento, sobre os dereitos democráticos... Os gobernos corporativos de Centroamérica buscan unha desmobilización da sociedade, dos movementos sociais. Buscan enfrontar a pensionista con estudantes, feminismo e movemento LGTB coa clase obreira... Pero está habendo unha transformación dos movementos, máis aló dos partidos tradicionais, cunhas novas culturas políticas emerxentes.

"Estes grandes poderes téñenlles máis medo ás ideas que ás persoas e saben que deste movemento en Nicaragua pode xurdir un neo-sandinismo aínda máis progresista, máis incluínte, máis horizontal, cunha economía máis cooperativa, máis solidaria, de autoxestión"

Este movemento pode ter carácter de revolución. Estes grandes poderes téñenlles máis medo ás ideas que ás persoas e saben que deste movemento en Nicaragua pode xurdir un neo-sandinismo aínda máis progresista, máis incluínte, máis horizontal, cunha economía máis cooperativa, máis solidaria, de autoxestión, como propugnaba Sandino. Por iso lle teñen tanto medo, e moito máis nun momento en que toda Centroamérica se está movendo, ademais coa vitoria de AMLO en México. O movemento da articulación de movementos sociais pode irradiar ao Salvador, a Honduras, a Guatemala..., representando para Estados Unidos un perigo rexional sen precedentes.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.