0 Gardados para despois

“É un enorme alivio para os millóns de pacientes e médicos que dependen dos medicamentos producidos na India"

Redacción | @prazapublica

O Tribunal Supremo indio rexeitou este luns a apelación de Novartis, tras sete anos de batalla legal sobre a Lei india de Patentes. O veredicto do Supremo, que defendeu a integridade da Lei, é unha gran vitoria no acceso a medicamentos esenciais de calidade nos países en desenvolvemento.

“É un enorme alivio para os millóns de pacientes e médicos que dependen dos medicamentos a prezos alcanzables producidos na India, e tamén o é para provedores de saúde como Médicos Sen Fronteiras”, explica o presidente da organización médico-humanitaria internacional, o doutor Unni Karunakara. “A sentenza do Tribunal Supremo supón que hai menos posibilidades de que sexan patentados os fármacos que nos resultan indispensables. É o sinal máis forte que Novartis e outras compañías farmacéuticas podían recibir para que cesen nos seus ataques contra a Lei india de Patentes”.

A Sección 3(d) establece que non son patentables as modificacións de medicamentos xa existentes, unha práctica coñecida como “reverdecemento de patente” cuxo obxectivo é estender os monopolio

India comezou a conceder patentes a medicamentos para cumprir coas normas comerciais internacionais, pero estableceu na súa Lei de Patentes de 2005 unha serie de salvagardas -incluíndo a cláusula coñecida como Sección 3(d)- que impide que as farmacéuticas abusen do sistema de patentes. Esta Sección establece que non son patentables as modificacións de medicamentos xa existentes, unha práctica coñecida como “reverdecemento de patente” cuxo obxectivo é estender os monopolios.

Novartis presentou a súa primeira demanda contra a Lei india de Patentes en 2006, reclamando unha maior protección para os seus produtos; no primeiro xuízo, ante o Tribunal Superior de Chennai, Novartis denunciou que a Lei india non cumpría coas normas establecidas pola Organización Mundial de Comercio (OMC) e que violaba a Constitución india. A farmacéutica perdeu este primeiro caso en 2007, pero presentou unha apelación ante o Supremo para forzar unha interpretación diferente da Lei de Patentes e baleirala de toda sustancia. Este Tribunal rexeitou este luns todas as alegacións de Novartis.

“Os ataques de Novartis contra a Sección 3(d), un dos elementos de protección da saúde pública incluídos na Lei, fracasaron”, sinala Leena Menghaney, responsable en India da Campaña de Acceso a medicamentos esenciais de MSF. “As Oficinas indias de Patentes teñen que considerar este veredicto como un sinal moi claro de que a Lei de Patentes debe aplicarse de forma estrita, e que deben rexeitarse as peticións frívolas”.

“As Oficinas indias de Patentes teñen que considerar este veredicto como un sinal moi claro de que a Lei de Patentes debe aplicarse de forma estrita, e que deben rexeitarse as peticións frívolas”

Aínda que os repetidos ataques legais de Novartis contra a Sección 3(d) pretendían asegurar a concesión de máis patentes en India, incluíndo para medicamentos xa existentes, a compañía farmacéutica expresou a súa preocupación sobre as implicacións desta sentenza no financiamento da innovación médica.

“Na actualidade, a innovación médica finánciase mediante o establecemento de prezos elevados apoiados polos monopolios de patentes, a expensas de pacientes e gobernos de países en desenvolvemento que non poden pagar tales prezos”, precisa o Dr. Karunakara. “En lugar de abusar do sistema de patentes forzando as normas e conseguindo proteccións máis longas para medicamentos vellos, a industria farmacéutica debe centrarse na innovación real, e os gobernos deben desenvolver un marco novo que permita que o desenvolvemento de novos medicamentos os faga accesibles para todos. Este proceso ten que producirse. Convidamos a Novartis a ser parte da solución, en lugar de ser parte do problema”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.