As reformas en Cuba, unha visión desde dentro

Capa do número 28 de Tempo Exterior © IGADI

Tempo Exterior, a revista de análise internacional do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI, dedícalle o seu número 28 de forma monográfica á actualidade política cubana, particularmente ao proceso de reformas iniciado a partir de 2008 polo presidente Raúl Castro, outorgando un valor primordial ás voces e análises que, dende Cuba, realizan diversos expertos. "Non é a primeira vez que reflexionamos sobre Cuba na nosa publicación" -destacan- "pero esta vez o seu interese devén non só do momento senón das voces que logramos reunir, todas elas internas e autorizadas para achegarnos as claves que poden explicar o rumbo a seguir pola illa caribeña".

Os responsables do IGADI destacan que desde 2008, na Habana está en marcha un proceso de transformacións que conta con cada vez maior respaldo internacional. O último, o da propia UE, que abandonou a política adoptada en 1996 adoptada a instancias do presidente español José María Aznar, para
iniciar negociacións con vistas a establecer un acordo marco de cooperación. No sexenio transcorrido, unha maior apertura ao traballo autónomo, a restitución dos dereitos de viaxe ou de propiedade de vehículos e vivendas, entre outras medidas, son referentes indicativos dos cambios en curso. O sexto congreso do PCC (2011) tamén enviou sinais de mutacións que deben afectar a esferas que transcenden a economía, incluído os relevos no liderado co establecemento de limitación de mandatos (o de Raúl Castro rematará en 2018 pechando todo un ciclo histórico iniciado en 1959) ou a reforma migratoria.

Cuba avanza cara un sistema de economía mixta con un importante compoñente non estatal e unha singular apertura aos investimentos estranxeiros

A sexta parte das terras agrícolas de Cuba, máis de un millón de hectáreas, permanece ociosa, seis anos despois de que o goberno de Raúl Castro iniciara a súa política de entrega de terras en usufruto para impulsar a produción de alimentos. Mentres, Cuba importa preto do 80 por cento dos alimentos que consume, o que supón un gasto de 1.800 millóns de dólares anuais. En 2013, as colleitas estiveron por debaixo do planeado para cubrir a canastra básica subsidiada e o consumo social (escolas e hospitais), con producións equivalentes ao 81% do plan de arroz, 65% de feixóns, 8 % de leite e 98% de café. En 2013, o salario medio estatal medrou un 1% (o aumento foi do 2,4% en 2012), roldando os 20 dólares mensuais.

Esta dinámica reafirma o carácter obsoleto do bloqueo aínda vixente por parte de Washington que, agora si, ten os días contados

Na nota introdutoria deste número sinálase que Cuba avanza cara un sistema de economía mixta con un importante compoñente non estatal e unha singular apertura aos investimentos estranxeiros, con esa zona franca que se constrúe a 45 km ao oeste da Habana, a zona especial de desenvolvemento de Mariel, co apoio significativo de Brasil. A reconversión da economía cubana, que pasará a ter nos próximos anos unha forte dimensión exportadora, compleméntase cunha integración hemisférica reforzada coa creación da CELAC e a exhibición dunha maior autonomía a través da diversificación dos seus socios, prestando especial atención a Rusia ou China, alén do espazo inmediato. Esta dinámica reafirma o carácter obsoleto do bloqueo aínda vixente por parte de Washington que, agora si, ten os días contados.

O número 28 de Tempo Exterior abre o monográfico cunha reflexión sobre os cambios institucionais que acometerá este proceso de reformas (Juan Valdés Paz), a repercusión que isto terá na reformulación do modelo socialista cubano (Julio A. Díaz Vázquez) e os efectos da crise económica no sector produtivo (Ricardo Torres Pérez) como motor da recuperación económica, así como as alternativas a seguir dentro do sistema de dualidade monetaria (Pavel Vidal Alejandro e Omar Everleny Pérez Villanueva).

As reflexións afondan en áreas específicas como o turismo internacional (Miguel Alejandro Figueras), as transformacións no sector agropecuario (Armando Nova González), a perspectiva de sostibilidade dentro das estratexias de desenvolvemento (José M. Mateo Rodríguez) e un tema crítico e controvertido, o estado da prensa cubana (Osvaldo Rodríguez)

A necesidade de normalización das relacións entre a Unión Europea e Cuba (Eduardo Perera Gómez) cobran importancia ante a renovación das negociacións, abandonando a política común vixente desde 1996. A nivel hemisférico, aténdense as controversias entre La Habana e Washington en materia de cooperación antidrogas e doutros delitos (Alejandro Perdomo) así como a perspectiva de reinserción de Cuba nos organismos de integración rexional, particularmente visibles nas súas relacións con América Latina e o Caribe (Carlos Oliva Campos). Finalmente, este monográfico aborda unha reflexión sobre a sociedade cubana (Soledad Cruz Guerra) e as súas transformacións dende a Revolución ata hoxe.

Capa do número 28 de Tempo Exterior © IGADI

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.