Escocia queda no Reino Unido, pero terá máis autogoberno

Votación nun colexio do referendo © Goberno de Escocia

Escocia seguirá no Reino Unido. O "non" á independencia escocesa impúxose no referendo celebrado este xoves, segundo os resultados oficiais, co 55,5% dos votos fronte a preto dun 44,5% do si, unha vez publicados os datos das 32 circunscricións rexionais nas que está dividida Escocia.

Segundo eses datos, preto do 85% dos máis de catro millóns de escoceses chamados ás urnas participaron no referendo sobre a independencia. Unha vez coñecidos os datos da circunscrición de Highland, a derradeira en rematar o escrutinio, os votos a favor de seguir no Reino Unido foron 2 millóns e 1,6 apostaron pola independencia.

O si logrou imporse en só catro das áreas electorais, aínda que levou Glasgow, a maior de todas. Alí os independentistas lograron un 53% dos votos. Na capital, Edimburgo, o non obtivo o 61% dos sufraxios. Aberdeen, outra das grandes cidades escocesas, tamén caeu ao lado unionista.

Cameron, satisfeito pola unión das "catro nacións"

Tras coñecer que o resultado era definitivo, o primeiro ministro británico, David Cameron, expresou a súa satisfacción pola decisión do pobo escocés de "manter xuntas ao catro nacións", tras a vitoria do non á independencia de Escocia. "Son un apaixonado do Reino Unido, pero tamén son un demócrata; podería ter prohibido o referendo, pero preferín que o pobo escocés falase", di, nun contexto no que, lembra, esta decisión partiu do "respecto" á elección do Scottish Nacional Party en 2011, en cuxo programa se incluía "un referendo de independencia". "Respectamos a maioría do SNP e démoslle ao pobo escocés o dereito de falar" nunha votación que "será lembrada como unha poderosa manifestación da fortaleza e vitalidade da nosa vella democracia".

"Son un apaixonado do Reino Unido, pero tamén son un demócrata; podería ter prohibido o referendo, pero preferín que o pobo escocés falase".

Nunha declaración ante a porta da residencia oficial de Downing Street, Cameron sinalou que o "resultado foi claro" e é unha "oportunidade" de cambiar "para mellor" a forma en que a unión é gobernada tras unha votación que, ao seu xuízo, pecha o debate da independencia escocesa para unha "xeración". Neste contexto Cameron diríxese tamén aos "escoceses escépticos" coas súas promesas de maior autogoberno". "O pobo escocés vai ter máis poder" en áreas como a xestión dos impostos e dos orzamentos e tamén dos servizos públicos nun proceso que, reitera, comezará de inmediato.

Pola súa banda, o ministro principal escocés Alex Salmond asegurou que acepta "o veredicto" do pobo escocés, á vez que instou a facer o mesmo aos partidarios do 'si'. Nun acto en Edimburgo no que foi recibido cunha ovación, Salmond agradeceu a Escocia "os centos de miles de votos a favor da independencia" e expresou a súa satisfacción polo bo ton no que se desenvolveu a campaña e a normalidade da xornada electoral.

HABERÁ AMPLIACIÓN

 

Salmond, con partidarios do 'Yes' © Goberno de Escocia
Discurso de Cameron tras coñecer o resultado © Prime Minister's Office

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.