François Hollande e Nicolas Sarkozy, Nicolas Sarkozy e Françoise Hollande. Os dous candidatos ás eleccións francesas protagonizaron na noite de onte un espectáculo político de primeira magnitude no único debate antes da elección final do domingo. Un combate a morte longo, intenso e trabado por momentos como proba do que estaba en xogo. Ambos os dous ofreceron dúas visións contraditorias do mundo, de Europa e, sobre todo, de Francia. Ambos os dous disparáronse datos e argumentos, estilos que deixaron ver ás claras que son dous candidatos contrapostos: efectista e mestre da retórica, Sarkozy; analítico e irónico Hollande.
Sarkozy, oito puntos por detrás nas sondaxes foi máis agresivo e recorreu ao insulto en varias ocasións, pero foise diluído a medida que pasaba o tempo. O socialista Hollande comezou dubitativo pero foi gañando corpo co paso dos minutos
O primeiro, oito puntos por detrás nas sondaxes foi máis agresivo e recorreu ao insulto en varias ocasións, pero foise diluído a medida que pasaba o tempo. O socialista Hollande comezou dubitativo pero foi gañando corpo co paso dos minutos: conseguiu desmontar en varias ocasións o argumentario conservador e mesmo se permitiu colocar titulares de peso. Ao final, Hollande acabou por impoñer a sensación de que está máis cerca de presidir a República.
Durante case tres horas un amplo abano de temas foi desfilando ante os millóns de espectadores que onte se congregaron ante o debate entre os dous candidatos: paro, economía, inmigración, Unión Europea e enerxía nuclear foron os eixos nos que se moveu a contenda cun bloque final onde os contendentes aproveitaron para recapitular e lanzarse ao combate corpo a corpo. Foi aquí cando Sarkozy amosou o dominio das artes baixas. No momento en que un Hollande máis crecido facía referencia ás sospeitas de corrupción que sobrevoan sobre o partido do presidente saínte, UMP, e ao círculo de amigos do propio Sarkozy; este sacou a colación os escándalos sexuais de Dominique Strauss-Kahn. Hollande, rápido, contestou: “Eu non estaba ao tanto da súa vida privada. Coñecíaa vostede? Investiga vostede a vida privada dos seus colaboradores? Eu non. Vostede foi quen lle deu o seu apoio para dirixir o FMI”. Touché.
Hollande foi directo e anunciou que, de ser presidente, o primeiro que fará será “presentar un plan de crecemento en Europa”. “Non podemos impoñer a austeridade xeneralizada”, remachou
Nas quendas de intervención, ambos os dous esgotaron os 50 minutos de tempo real dos que dispoñían nun debate que se prolongou durante case tres horas sen interrupción. Hollande amosouse máis seguro ante un presidente dubitativo e que xogou o papel de vítima: “Sufro a violencia da esquerda, do sindicato xudicial, da CXT que pide o voto para vostede rompendo a tradición. Comparáronme con Franco, con Pétain con Laval e incluso con Hitler e vostede non fixo nada” reprobou Sarkozy. “Non se faga a vítima señor Sarkozy”, cortou Hollande. “A situación que vive Francia débese moitas veces á súa propia actitude e palabras”.
Hollande foi directo e anunciou que, de ser presidente, o primeiro que fará será “presentar un plan de crecemento en Europa”. “Non podemos impoñer a austeridade xeneralizada”, remachou para sinalar que os mecanismos postos en marcha estes anos de crise non deron resultados. No eido doméstico foi onde a pelexa tornou máis dura e o candidato socialista atopouse máis cómodo habida conta de que os datos macroeconómicos descualificaban os cinco anos de xestión de Nicolas Sarkozy.
“En cinco anos, Francia ten un millón de parados máis”, dixo o socialista. “Vostede, señor Sarkozy, que prometeu unha morea de cousas en 2007, foi o presidente das desigualdades, argumentou Hollande, facendo referencia ás desgravacións fiscais para as rendas máis altas, “os regalos para os ricos”, mentres suprimiu 80.000 profesores e até 12.000 policías pese ao discurso sarkozista da seguridade: “Vostede defende aos máis privilexiados, e eu defendo aos nenos da República”. Primeiro titular colocado.
Hollande conseguiu colocar varios titulares, como “Vostede defende aos máis privilexiados, e eu defendo aos nenos da República”
Sarkozy, algo sorprendido, non tardou en devolver o golpe. Criticou a intención socialista de subir os impostos ás rendas máis altas e tirou de manual neoliberal: “A diferenza entre nós é sinxela”, replicou: “Eu quero menos pobres e vostede menos ricos”. A contestación de Hollande non foi menos certeira: “Pois tras cinco anos, Señor Sarkozy, en Francia hai máis pobres e os ricos son máis ricos”.
Na discusión sobre o emprego, a parte máis deslabazada, Hollande colocou a súas promesas de crear uns 100.000 postos de traballo vía inversión pública e formación, mentres que Sarkozy insistiu en que a crave está en fomentar a competitividade e a formación dos parados vía unha reforma da Formación Profesional. Reprochoulle a Hollande que estea en contra dos pagos estatais das horas extras ―“eu quero subir o salario base”, defendeuse Hollande―, e que pretenda poñerlle portas ao campo tratando de loitar cunha globalización económica imparable e contra a que a única saída é a “preparación”.
Foi aí, no eido internacional e europeo onde o discurso tornouse bronco por momentos. Denso e deslabazado, cuns moderadores que semellaban ser mero atrezzo incapaces de facer que os candidatos volveran ao seu rego.
Europa: Nunca tanto se falou de España
No plano Europeo o protagonismo foi para España e o anterior Goberno socialista de José Luis Rodríguez Zapatero, exemplo, para Sarkozy de todos os males que golpean á UE e do que lle podería acontecer a Francia cunha vitoria de Hollande. Tantas veces foi nomeada España que habería que remontarse a outro 2 de maio pero de 1808 para ver unha situación semellante.
Se España é o exemplo negativo para Sarkozy, o positivo está claro: Alemaña. Despois de ter o argumento xermano máis ben agochado durante a campaña, Sarkozy volveu sacalo onte para falar de como se deben “facer as cousas”
Hollande non recuou e lembroulle a Sarkozy que “non en poucas ocasións gabou as políticas de Zapatero”: “Cando Zapatero estaba no poder era un exemplo, non é xusto que agora o trate así”. Sarkozy aproveitou para atacar a incógnita internacional que supón un Hollande socialista nunha UE de abrumadora maioría conservadora: “Zapatero foi o único presidente que o recibiu en Europa”.
Se España é o exemplo negativo para Sarkozy, o positivo está claro: Alemaña. Despois de ter o argumento xermano máis ben agochado durante a campaña, Sarkozy volveu sacalo onte para falar de como se deben “facer as cousas” e para lembrar que foi “socialista”, Gerhard Schröder, “quen levou ao cabo as reformas que permiten a Alemaña sortear a crise”.
Hollande, sabedor de que a opinión pública francesa está en contra da actual política comunitaria, aproveitou para colocar o seu plan reformador para a UE baseado en catro eixos: establecer os Eurobonos, mobilizar os fondos do BCE para políticas de I+D+i, usar os fondos estruturais e impoñer unha taxa ás transacción internacionais.
O principal punto de fricción foi o empregos dos Eurobonos. Sarkozy dixo que “non permitiría que Alemaña e Francia pagaran as débedas dos demais. Eu non quero iso”.
Inmigración: a presión do 18% do FN
Pechado o tema Europa, a inmigración copou dun xeito intermitente todo o debate nun claro indicio de que ambos os dous candidatos notan na caluga a presión que exerce do ultradereitista Fronte Nacional que colleitou un 18% dos votos na primeira quenda presidencial. Aí foi Sarkozy quen volveu demostrar o seu xiro dereitista como movemento desesperado para conservar un poder que se lle escapa entre os dedos. Mesmo chegou a dirixirse directamente aos “votantes de Marine Le Pen”, algo que sorprendeu e que dá conta da súa necesidade desesperada de votos.
Sarkozy mesmo chegou a dirixirse directamente aos “votantes de Marine Le Pen”, algo que sorprendeu e que dá conta da súa necesidade desesperada de votos
Apelou ao medo e a unha suposta “islamización de Francia” dado o peso dos estranxeiros que soporta o país. Hollande acusouno de ser falaz coa suposta ameaza e mesmo quixo tenderlle unha trampa habida conta de que Sarkozy quixo identificar estranxeiro con musulmán convertendo nun problema relixioso o que é unha realidade social. Hollande lembroulle que “antes de ser presidente foi ministro do Interior” e Sarkozy remontouse ao Goberno socialista de Jospin para explicar o “problema actual”.
O certo é que a porcentaxe de inmigración que soporta Francia é unha das máis baixas da UE (5%) fronte por exemplo á española (12%). No entanto, a crise acentuou certos brotes de demagoxia e xenofobia nos que o FN de Marine Le Pen soubo pescar votos. Le Pen pediu aos seus seguidores que voten en branco o domingo nun xesto que persegue medir as súas forzas de cara ás lexislativas de xuño. Un 57% dos franceses coidan que en Francia hai moitos inmigrantes. O certo é que hai case 10 millóns de cidadáns de orixe estranxeiro pero a maioría é francés de nacemento. O problema, eis a insistencia perigosa de Sarkozy, é a identificación que se está a facer entre inmigración e relixión islámica. O debate estivo onte presente, un contrasentido que se fale ultimamente tanto de relixión nun país que se gaba da súa laicidade. Mesmo Hollande quixo deixar claro onte que está “a favor da prohibición do burka nos espazos públicos”.
Hollande, nunha chiscadela aos extremistas, amosouse favorable a “reducir a inmigración económica en tempos de crise”
Hollande, nunha chiscadela aos extremistas, amosouse favorable a “reducir a inmigración económica en tempos de crise” e a controlar a inmigración ilegal “sen falar de obxectivos imposibles” como os que propón Sarkozy, que pretende a redución de 100.000 estranxeiros en cinco anos. Non di como.
Cando o debate chegaba ao seu final, Hollande colocouse en papel presidencial para asegurar que a súa será “unha Presidencia de unión fronte a cinco anos de división e de inxustiza. Serei o presidente dos máis débiles golpeados pola crise e o da recuperación económica, porque o país precisa de axustar as contas públicas e voltas ao crecemento”.
Sarkozy tornou bronce e insultou en varias ocasións ao seu opoñente chamándoo “mentireiro e calumniador”, ao que Hollande resposta que o presidente tiña por costume “ser desagradable cos seus interlocutores” cando non lle gusta o que lle din. Sarkozy acusouno de prometer ser un “presidente normal” cando “a Presidencia é unha actividade para nada normal, senón que require de fortaleza e valentía”. “Estamos ante unha cita histórica na que non cabe o erro”, remachou.
O debate nuclear
Hollande amosouse a favor unha “paulatina” redución desta enerxía e avogou por pechar as centrais por idade para incidir no desenvolvemento das renovables. Sarkozy, pola súa banda acusouno de “irresponsabilidade”
Antes dos alegatos finais e a quince minutos de que se cumpriran as tres horas de debate a loita tornou sobre o modelo enerxético e as nucleares. Algo impostado, pois ambos os dous contendentes teñen máis puntos en común que diferenzas. Hollande amosouse a favor unha “paulatina” redución desta enerxía e avogou por pechar as centrais por idade para incidir no desenvolvemento das renovables. Sarkozy, pola súa banda acusouno de “irresponsabilidade” por pretender eliminar a “primeira fonte de enerxía do país por un pacto coa esquerda ecoloxista”.
Noutra chiscadela á rúa, Hollande amosouse partidario dun control estatal de prezos nos carburantes, algo que xa se está a poñer en práctica en Bélxica.