0 Gardados para despois

"En Gaza hai nenos que non poden falar dende a última ofensiva israelí"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Raquel Martí é a directora executiva do comité español da UNRWA, a axencia das Nacións Unidas que atende as persoas refuxiadas de Palestina. De visita en Galicia para manter xuntanzas con institucións que colaboran co organismo internacional na asistencia ao pobo palestino, como o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Martí pon o acento na necesidade de actuar de inmediato para que os efectos da devastación provocada pola ofensiva israelí do pasado verán non sigan a medrar. O bloqueo de Israel e a falta de fondos para a reconstrución son os principais obstáculos nunha situación na que, advirte, a principal prexudicada é a infancia.

Supoñemos que boa parte do seu esforzo é que se perciba a magnitude do problema. Falamos dun terzo das persoas refuxiadas do mundo...
Cando acaba unha ofensiva militar como a do verán pasado Gaza deixa de ser noticia e non se volve falar dela a non ser que haxa un incidente máis importante. Xa parece que a situación se liquidou e que non hai crise humanitaria, por iso tratamos de poñer o punto de mira nos posibles doadores, como o Fondo Galego ou a Xunta de Galicia, para informar de que a situación é crítica e de que cómpre manter a axuda humanitaria. Falamos de salvar vidas; xa morreron varios nenos por hipotermia e agora mesmo está paralizada a reconstrución por moitos motivos, pero un deles é a falta de fondos. A xente está a vivir nas ruínas das súas casas, sen ningunha posibilidade de refuxiarse do frío e das treboadas. Esta situación non é sustentable, non é humano ter así a estas persoas, por iso é necesario un esforzo dos doantes. Xa sabemos que aquí a situación non é doada, que estamos a afrontar unha crise, pero falamos da vida e da morte.

Son situacións que nos poden parecer afastadas, pero implican, por exemplo, problemas tan cotiáns tamén nesta parte do mundo como non poder pagar o alugueiro,  non é certo?
O noso plan para a reconstrución de Gaza orzamentouse en 720 millóns de dólares que se comprometeron na conferencia do Cairo, en novembro pasado. Ía ser financiado polos gobernos que forman parte da ONU e só nos chegaron 135 millóns. O plan paralizouse porque as nosas contas quedaron a cero. Avaliamos 96.000 vivendas das que 8.000 están completamente destruídas e o resto teñen danos maiores e  menores. É necesario reconstruílas e, mentres, prover un lugar para vivir. O que planificaramos é o aluguer; ou ben recolocar con familias, veciños e amigos e axudalos cun subsidio ou, se non teñen a quen recorrer, alugar pisos. UNRWA tiña que facerse cargo e agora atopámonos con que non podemos facer fronte aos alugueres nin á reconstrución. A única saída que vai ter esta xente é volver ás nosas escolas, nas que temos aínda 12.000 persoas acollidas porque non puidemos recolocalas. Estamos nunha situación crítica para unha poboación que sufriu unha ofensiva de 51 días, que en moitos casos perdeu a toda a súa familia e á que lle temos que dicir que non podemos pagarlles ou reconstruírlles as súas vivendas. Isto desemboca nunha grandísima frustración e en manifestacións contra as axencias da ONU na franxa.

"O plan de reconstrución, que ía ser financiado polos gobernos, paralizouse e as nosas contas quedaron a cero"

A poboación de Gaza séntese decepcionada coa ONU?
Senten que a comunidade internacional é responsable da súa situación. Creouse unha axencia da ONU para asistir os refuxiados de Palestina pero, se de súpeto a poboación queda desasistida, é unha traizón. A comunidade internacional dálles as costas, como non se van a sentir frustrados se teñen un futuro completamente bloqueado, valla o adxectivo, e aínda por riba non lles axudamos?

Chama a atención que, mentres se insiste en que hai que pagar as débedas entre Estados, neste caso diversos países se comprometan a pagar, non paguen e non pase nada...
Eu non sei realmente se o problema se debe a que cada goberno ten os seus sistemas burocráticos para desembolsar fondos e tardan un tempo en desembolsalo. Esa pode ser unha razón, outra, que están vendo que o mecanismo de reconstrución non funciona e pensan: para que desembolsar os fondos se non entran materiais para a reconstrución en Gaza e os que entran, fano con contagotas. É unha pescadilla que morde a cola: o mecanismo non funciona, non desembolso os fondos e mantemos a situación sen ningún avance. E quen sofre as consecuencias é a poboación.

Nese desbloqueo, tamén, o Estado de Israel ten un papel fundamental?
O Estado de Israel controla este mecanismo e é o que determina a rapidez coa que entra material de construción en Gaza. Israel creou un mecanismo no que principalmente o que tenta é asegurar que os materiais non acaban en mans dos grupos armados, pero é tan sumamente concienzudo e complicado que é inoperativo. Se non alixeira o mecanismo é moi difícil que poidamos levar a cabo unha reconstrución a tempo, antes de que o inverno remate e poida haber máis nenos e bebés que morran no camiño.

"Se a comunidade internacional presionase a Israel quizais poderíamos chegar a tempo"

O resto de países non preme o suficiente porque, precisamente, quen está diante é Israel?
A solución está na comunidade internacional. Se presionasen a Israel para que levantase o bloqueo ou para que, polo menos, este mecanismo de reconstrución fose máis rápido, quizá poderiamos chegar a tempo.

Até que punto a ONU e a UNRWA se senten frustradas? Durante os ataques chegaron a acusalos de ser unha voz de parte...
A UNWRA séntese moi frustrada porque temos capacidade para asistir a toda a poboación refuxiada de Gaza, temos a experiencia e o persoal, pero o que non temos é a capacidade de decidir sobre a entrada de materiais de construción e axuda humanitaria. Por iso en moitas ocasións nos sentimos coas mans atadas para poder axudar á poboación.

O Goberno israelí mantén que non van contra a poboación civil. Pero decisións políticas como estas indican o contrario...
O bloqueo de Gaza é un castigo colectivo. Para poder controlar por motivos de seguridade, como eles alegan, o que fan é castigar a toda a poboación. É un castigo colectivo que ademais é ilegal. Pero ademais, cando hai unha ofensiva militar, as primeiras vítimas son civís. Nesta ofensiva houbo 538 nenos que perderon a vida cos bombardeos de Israel, 142 familias perderon, polo menos, tres dos seus membros. Algunhas perderon até 17 membros e hai barrios enteiros que desapareceron. Quen paga o prezo máis alto é a poboación civil. Agora hai unha investigación do Alto Comisionado de Nacións Unidas e estanse investigado os crimes de guerra que se puideron cometer.

"É difícil falar de respecto aos dereitos humanos mentres haxa unha ocupación militar"

Fala de que Israel se salta a legalidade internacional pero, onde está o límite? Existe?
É o que nos gustaría. O límite está na violación da legalidade internacional e dos dereitos humanos. Os palestinos teñen negados todos os seus dereitos, non hai un só que sexa respectado. Ese é o límite que temos que poñer, con independencia do lado do que esteamos. É difícil que esteamos en situación de dicir que se respectan os dereitos humanos mentres se produza unha ocupación militar dun territorio, polo que o primeiro paso sería acabar coa ocupación de vez.

Alude recorrentemente á infancia, porque máis da metade da poboación de Gaza son nenos e nenas. Están en xogo as próximas xeracións do pobo palestino?
En Gaza é o 51% da poboación, máis de 800.000 nenos. O que está en xogo é un desenvolvemento normal para estes nenos, que están a sufrir constantemente a violencia da ocupación. Un neno de seis anos en Gaza pasou xa por seis guerras e nunca puido saír de Gaza polo bloqueo que exerce Israel. Estes nenos non puideron desenvolverse como unha persoa normal e arrastan moitísimos traumas. Non poden alcanzar todo o seu potencial humano e atoparémonos cunha xeración con graves deficiencias psicolóxicas.

Por iso poñen tanto o acento na necesidade de medidas psicosociais, alén das grandes medidas políticas?

"Hai nenos con constantes ataques de ansiedade, cando hai unha treboada pensan que os están bombardeando"

Si, e é moi difícil de transmitir aos doadores internacionais. Cando ocorre unha catástrofe desta envergadura os doadores pensan en necesidades básicas como alimentos e medicamentos, pero non na cuestión psicolóxica, que é máis devastadora que perder a casa ou o traballo. O trauma é moito máis difícil de superar e arrastra secuelas durante toda a vida que impiden desenvolverse. En Gaza hai  nenos que levan catro anos baixo un trauma severo e os seus pais xa ven incapaces de apoialos. Hai nenos con constrantes ataques de ansiedade, que sofren incontinencia urinaria, que levan dende a última ofensiva sen poder falar. Hai nenos que se aferran aos seus pais e que se o seu pai ou a súa nai teñen que saír, padecen un ataque de ansiedade a causa do pánico. Cando hai unha treboada pola noite, aos nenos danlles ataques porque pensan que os están bombardeando e acaban en urxencias. Cando teñen que incorporarse ao colexio e concentrarse nos estudos son incapaces. Por exemplo, nos primeiros exames tras a ofensiva de 2009 uns 40.000 de 240.000 nenos foron incapaces de aprobar unha soa materia. Isto lévaos a estar totalmente frustrados, a sentirse incapaces e a deixar de estudar.

Cabe a posibilidade de que se estenda en capas amplas da poboación, tamén na dos países doadores, a sensación de impunidade para as accións de Israel e dos Estados que o avalan?
Até agora foi así

E que ten que pasar para que deixe de ser así?
Que se visen na obrigación de cumprir a lexislación internacional e que, no caso de incumprimento, houbese consecuencias.

Hai máis sensibilidade cara ao problema en administracións máis pequenas, como concellos ou comunidades autónomas, alén da súa cor política?
Pódese ter un apoio maior cara a un lado ou outro. Pódese pensar que uns teñen máis razón que outros, pero no momento en que pos sobre a mesa a violación dos dereitos humanos, aínda que se sexa pro palestino ou pro israelí, xa non estamos a falar de activismo, senón de respectar os dereitos humanos. Cando poñemos iso sobre a mesa non hai ninguén, independentemente da súa posición política respecto de Israel e Palestina, que non o entenda e non se sensibilice.

Fálase da solución de dous Estados como un horizonte para solucionar estes problemas. Se algún día se acada esa meta haberá outra, e así sucesivamente?

"Prefiren un único Estado a unha ocupación baixo a que non teñen ningún dereito"

O que agora está a pedir maioritariamente a poboación palestina é a solución dun único Estado. Dado o enquistamento, a construción de asentamentos e do muro e de todos os obstáculos que impiden a construción de dous Estados, a xente pide poder ter os mesmos dereitos civís que a poboación de Israel. E se para iso teñen que estar baixo un único Estado, prefíreno a estar baixo unha ocupación na que non teñen ningún dereito. É o que eu lle escoito á xente en Palestina.

E até que punto é iso viable?
Unha cousa é o que quere o pobo e outra, o que queren os políticos.

#lafotomenosvista

#lafotomenosvista, campaña da UNWRA a prol da infancia de Gaza.

© UNWRA

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.