Grecia di "non" aos dogmas da troika e Varoufakis dimite para facilitar o acordo

CC-BY-SA Praza Pública

Tras unha semana de 'corralito' e ameazas das principais institucións europeas e despois de anos de durísimos recortes aplicados como parte dos "rescates" que tentaron paliar a situación creada pola falsificación das contas públicas -realizada, segundo a UE, durante o goberno do conservador Kostas Karamanlis coa axuda de Goldman Sachs-, a poboación grega volve petar maioritariamente na mesa. Medio ano despois de outorgarlle a vitoria electoral a Syriza seis de cada dez votantes optaron este domingo por arroupar o Goberno de Alexis Tsipras e dicir "non" á nova proposta de rescate formulada pola troika.

No complexísimo escenario negociador que se abre inmediatamente Tsipras e o seu equipo negociador terán o aval político dun país que, ao contrario dos augurios dos últimos días, non propiciou un resultado que convide a pensar nunha fractura ao 50%. Non en van, co escrutinio por riba do 80% o apoio ao "non" mantívose por riba do 61%, mentres que o "si" ficou un chisco por riba do 38%. Os 3,5 millóns de votos que apoiaron a opción do Goberno grego son uns 1,3 millóns máis dos recibidos por Syriza nas eleccións.

Os pobo grego votou contra o memorando da troika. O discurso hexemónico nas institucións europeas e nos dirixentes comunitarios de que a saída da crise pasa pola senda da troika seguirá sen ser o único. E, a partir de agora, volverán as negociacións sabendo Tsipras que gañou folgadamente o referendo e, Europa, que Grecia quere unha saída á súa crise que pase por reestruturar a débeda, que alcanza o 177% do seu PIB.

Celebración do resultado no centro de atenas / Marta R.A.

O primeiro ministro grego lanzou a consulta sobre a última proposta dos acredores hai unha semana. E a xogada saíulle ben de momento. Aínda que polo camiño se viu cun país cos bancos pechados e o peche de capitais tras cortarlles a liquidez o Banco Central Europeo ás 24 horas de anunciar o referendo, algo que o escrutinio revela que non o prexudicou nas urnas. E, tamén, aínda que polo camiño estea a verse na lista de morosos do FMI por non pagar o último prazo, de 1.500 millóns de euros, o martes á noite. E, tamén, aínda que esta semana se agudizou a fractura política interna en Grecia.

Este luns Varoufakis anunciou a súa dimisión para facilitar a "negociación dun mellor acordo"

Que pasará este luns? De momento, o control de capitais seguirá vivo e a xornada comezou coa dimisión do ministro de finanzas, Yanis Varoufakis, que nunha entrada no seu blog explica que deixa o posto para "facilitar" o diálogo e a "negociación dun mellor acordo" cos acredores. A incógnita sobre o sistema financeiro do país seguirá existindo. Por iso, no seu discurso de celebración da vitoria, Tsipras dixo que a prioridade era "pór en marcha o sistema financeiro" e reclamar a axuda do BCE, ao que lle dixo que debe "comprender a dimensión humanitaria desta crise".

Tsipras: "Este mandato non é de ruptura con Europa, senón para buscar unha solución viable, con xustiza social"

Os problemas de relación coa troika, coa UE, cuxos principais dirixentes non queren ouvir falar de quitas de débeda, seguen existindo. E, por todo iso, desde este domingo pola noite o Goberno grego xa fala con algúns dos seus socios comunitarios, en especial Francia: para atopar un compromiso que desbloquee a situación.

"Son consciente de que este mandato non é de ruptura con Europa", afirmou Tsipras no seu discurso, "senón para buscar unha solución viable, con xustiza social e saír do círculo infernal da austeridade. Non hai solucións fáciles, só hai solucións viables mentres todos fagamos esforzos. É histórico que a xente respondese á pregunta correcta cambiando o debate. Isto non é sobre estar dentro ou fóra de Europa, isto é sobre que unha Europa non pode continuar no camiño da austeridade".

Tsipras, comparecendo para valorar os resultados © ERT
Celebración do resultado, na praza Syntagma de Atenas, nunha imaxe da televisión pública grega © ERT

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.