Conclusión do verán

Antes de rematar o verán, período de viaxe e reflexión, a conclusión parece clara: o galego non serve para andar polo mundo. Ben o reflicte a cartografía oficial; fronte á expansión evidente doutras linguas, a nosa fica reducida á mínima expresión xeográfica. Se a ese factor lle sumamos o coñecemento do castelán por parte dos mozos e mozas de Galicia, como se xustifica a utilidade práctica do idioma minoritario na cultura da globalización? Como ir de vacacións cunha lingua tan pequena? E, sobre todo, tendo en conta que a xuventude deste recuncho atlántico segue condenada a emigrar, non nos será máis proveitoso o estudo do inglés ou do español?

Tendo en conta que a xuventude deste recuncho atlántico segue condenada a emigrar, non nos será máis proveitoso o estudo do inglés ou do español?

En efecto, intúo o que estarás pensando: uns argumentos tan simplistas poden contrarrestarse con razóns ideolóxicas, históricas, antropolóxicas ou, incluso, morais. Pero convén ser consciente de que estas non responderían, de maneira directa, ao afán pragmático da sociedade que habitamos; por moito que aleguemos á tradición, a necesidade laboral inmediata acabaría impoñéndose en calquera conversa cotiá. Si, como deducirías, seino porque o comprobei, nas moitas discusións perdidas en bares, pubs, terrazas e paseos costeiros; ao verme na necesidade de seguir buscando motivos…

Os estudos lingüísticos máis avanzados, avalan a presenza do galego no ensino como lingua vehicular única dentro do seu contexto natural

Outra opción para rebater o referido e maioritario sentir funcional, viría dado polas probas de carácter científico. Os estudos lingüísticos máis avanzados, avalan a presenza do galego no ensino como lingua vehicular única dentro do seu contexto natural. Calquera que indague cun mínimo rigor nese ámbito, decatarase de que os individuos bilingües posuímos destrezas transferibles a ambos idiomas, o cal nos facilita a aprendizaxe e comprensión de novos códigos comunicativos. Mais, para que esa competencia se desenvolva con satisfacción nunha situación de diglosia, é preciso un proceso de inmersión lingüística. Dese xeito, a presión social garantiría a aprendizaxe da lingua B e poñería de manifesto a obriga de apoiar a A.

Non obstante, en certos ambientes, resulta pouco recomendable amolar ao persoal con teorías filolóxicas inoportunas

Non obstante, en certos ambientes, resulta pouco recomendable amolar ao persoal con teorías filolóxicas inoportunas. Ademais, en moitas ocasións, certos exemplos da realidade inmediata teñen máis efecto no debate que as abstraccións disciplinares. Loxicamente, ese feito nunca desbota a veracidade dos indicios científicos, pero, ás veces, si resta poder de convicción. Chegado o caso, o máis intelixente e honesto, sería ofrecer unha experiencia vivida en primeira persoa que contrarrestase as penalidades de quen se cre condenado á marxinación perpetua por aprender matemáticas en galego.

A miña escena tivo lugar no agosto dun verán como o que está rematando e sucedeu da seguinte maneira: estaba cun amigo –hoxe enxeñeiro dunha empresa europea, a pesar de recibir as matemáticas en galego- nun local de Lisboa. Ningún dos dous estudaramos portugués, mais logramos manter unha agradable e profunda conversa co dono do bar, quen non cambiou de lingua nin tivo problema para entendernos. No medio do diálogo, chegou un matrimonio italiano, moi exaltado, dicindo que precisaban facer unha chamada urxente ao seu país e pedíndolle ao camareiro instrucións para usar o teléfono. Tanto o meu compañeiro coma min, captamos cada palabra dos señores en apuros, que só dominaban o seu idioma romance; unha lingua na que non posuíamos formación específica nin o meu compañeiro nin eu. Mais a nosa sorpresa foi que o traballador lisboeta non comprendera nada do que os turistas lle solicitaban. Así que nos puxemos a facer de intérpretes de dous idiomas que non cursaramos nunca. Na mesma cafetería onde coñecemos a unha rapaza de Extremadura, abraiada ante a nosa suposta “facilidad para las lenguas. Así cualquiera se mueve por el mundo”.

De bar en bar, brindando con linguas líquidas, bicando o padal da diversidade, entre sabores propios e beizos alleos. Así podemos movernos polo mundo, sen prexuízos, bébedos de tolerancia

De bar en bar, brindando con linguas líquidas, bicando o padal da diversidade, entre sabores propios e beizos alleos. Así podemos movernos polo mundo, sen prexuízos, bébedos de tolerancia. Devecidos por degustar novas culturas. Bandeira da igualdade erguida.

Nese estado escribín as notas de viaxe presentes, renunciando a excesos formais, mais coa franqueza da lucidez instantánea, emocionada. Desatoada de visións pechas para abrir ollos ao debate. Contigo, vaso en man, sobre a última brisa da estación que escapa, solpor derradeiro, billete de volta. Co fin de entender a conclusión dun estío -été, estio, estiu, estate, aestas- que fica, xa, detrás da fiestra - finestra, fenêtre, fenestra, ventana, ventá, ventus-. Vento fresco no que intercambiar fonemas! Porque os tempos novos están sempre por chegar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.