A primeira reacción ao coñecer a sentencia polo xuízo do Prestige produciume, como supoño lle pasou a moitos, unha forte sensación de insulto, de agresión. Logo, coas horas o sentimento foi trocando en indiferenza. Porque, que gañaríamos coa condena de tres anciáns? Realmente creo que nada. Ían pagar eles as indemnizacións? Sentaron no xuízo a estas tres persoas nun chiste de 11 anos como poderían ter sentado a calquera outro. Poderíamos ter pensado, incluso, que os empregaban como cabeza de turco. Iso tería sido un avance: suporía que alguén no aparato do Estado español tería sentido culpa, aínda que esta lla quixera cargar a outro, pero nin iso. Un simple paripé, un caro simulacro de país normal.
Iso tería sido un avance: suporía que alguén no aparato do Estado español tería sentido culpa, aínda que esta lla quixera cargar a outro, pero nin iso. Un simple paripé, un caro simulacro de país normal
De ser isto un país, non un chiste peninsular, nun hipotético banquiño de acusados deberían ter sentado a alguén por parte do armador, alguén por parte das casas certificadoras, os responsables da navegación estatal, dende escalas técnicas a políticas, o que incluiría a Alvarez Cascos por ter convertido un incidente nunha catástrofe e logo, pola xestión, deberían ter cesado ou dimitido ao responsable de medio ambiente estatal - o ministro Matas- e o Conselleiro de Medio Ambiente – Del Álamo-, o director xeral de Costas, por mentir dende Urdaci (lembran?) ata Trillo, Arias Cañete, Fernández de Mesa, etc. E por responsabilidades políticas Aznar, de non dimitir, debera ter cesado fulminantemente a un tal Rajoy que anestesiaba a opinión pública mesturando conceptos de escola infantil (plastilina) cunha suposta e tranquilizadora xerga técnica (“estiramiento vertical”, vamos, que sube). Máis adiante, falaría en termos tabernarios dun primo que confunde tempo e clima. En fin, a lista é tan longa que aburre.
Todos estes fulanos foron premiados dun xeito ou doutro, sendo o máis rechamante que o tal Rajoy sexa xefe de goberno con máis de 9 millóns de votos. Quen os premiou? os votantes españois (e galegos, por suposto)
Ben, todos estes fulanos foron premiados dun xeito ou doutro, sendo o máis rechamante que o tal Rajoy sexa xefe de goberno con máis de 9 millóns de votos. Quen os premiou? os votantes españois (e galegos, por suposto). Todos sabemos como funcionan, cales son os seus obxectivos e métodos, que pensan e por que. Son os nosos veciños, coñecidos, compañeiros de traballo (ou de cola do paro) os que lles votan e os premian. Incluso un dos rostros da manipulación televisiva de entón pode chegar a raíña!
Tampouco vou esquecer que os fondos para investigación científica sobre os efectos do Prestige, nestes anos, foron recortados para que nada se soubera
Mentres algúns pensabamos que a última liña de defensa que nos queda - o sistema xudicial- traballaría pola xustiza. Ilusos. Nestes 11 anos estiveron no seu negocio, isto é os sobres, as caixas B, o compadreo con bancos, grandes empresas enerxéticas, etc. e a cargarse o que queda de estado. E paragóxico que eles se autodenominen patriotas. Sorprendente. Pero tampouco vou esquecer que os fondos para investigación científica sobre os efectos do Prestige, nestes anos, foron recortados para que nada se soubera. E polo medio houbo un bipartito en Galicia e dous gobernos socialistas (sic) en España.
Marca España: poden vostedes vir verter o petróleo ou os produtos tóxicos que queiran nas costas galegas, non pasa nada, son vostedes benvidos. Se cadra poderíamos implantar un canón de vertidos e dar un completo servizo con barra libre. Porque en ningún país con catástrofes ambientais máis ou menos similares os culpables quedaron impunes, pensemos no Exxon Valdez, no Erika ou no último vertido no Golfo de México. Países, sen dúbida, cos seus múltiples defectos pero que polo menos non carecen de dignidade, de vontade de xustiza e de reparación.
Votarán sabendo que mentir está ben e hai impunidade, votarán convencidos de que a corrupción é a norma. Están vostedes conseguíndoo: corromper calquera indicio de ética, de fe nas institucións
Un rapaz que no 2002 tivera 10 anos ten hoxe 21. É un cidadán, pode votar e votará, ou non, sabendo que aquí ninguén ten responsabilidade se ten poder, que os menos favorecidos pola sociedade poden ir ao cárcere e pagar multas por tirar unha cabicha. Votarán sabendo que mentir está ben e hai impunidade, votarán convencidos de que a corrupción é a norma. Están vostedes conseguíndoo: corromper calquera indicio de ética, de fe nas institucións.
Non nos enganemos, esta sentenza ven constatar unha realidade tráxica: vivimos nun Estado falido (tamén nun país falido). E ridículo.