0 Gardados para despois

Xabier Vázquez Pumariño

Galicia: os homes que non amaban a natureza

Estes últimos días vimos de asistir a unha insólita toma de posición. Basicamente, representantes do PSdeG-PSOE, na montaña de Lugo véñense de opoñer á implantación da Rede Natura 2000 en determinadas áreas. Ben, a cousa non tería maior importancia se dun debate tabernario de última hora se tratara, pero non, quen iso di son representantes dun dos dous maiores partidos políticos de España, cun bo feixe de votos en Galicia, un partido que tivo responsabilidades de goberno durante moitos anos no estado e menos na comunidade autónoma. Non estamos -ou non deberamos estar- falando, logo, de parroquianos dunha taberna nunha afastada e illada aldea do noroeste ibérico. Non, nin moito menos e isto é o grave, incluso o actual xefe dos socialistas (sic) galegos, o presidente da Deputación de Lugo, permitiuse hai un tempo tal inaudita exhibición de ignorancia. Eles saberán a quen teñen que poñer de líder. Tan exótica postura xustifícase segundo estes representantes porque a rede natura 2000 viría a frustrar o desenvolvemento económico dos habitantes da montaña de Lugo.

Tan exótica postura xustifícase segundo estes representantes porque a Rede Natura 2000 viría a frustrar o desenvolvemento económico dos habitantes da montaña de Lugo

Non se trata de culpar nin sinalar a ninguén en particular pero si habería que facer unha chamada de atención sobre este partido político de xeito moi especial. No PSOE, por dicir algo, supoño que haberá alguén con algún coñecemento, inda que sexa superficial, sobre lexislación. Vamos, algún avogado ten que haber, non? Quizais ese suposto xurista debéralles explicar a estes señores da montaña de Lugo que a Rede Natura 2000 é unha política de conservación da flora, fauna e hábitats da Unión Europea e que dita política emana, basicamente, de dúas directivas europeas, as coñecidas, popularmente, como directiva de aves e directiva de hábitats. Quizais debera comezar por algo máis básico, explicarlles a estes representantes que España e iso inclúe, a día de hoxe, a montaña de Lugo, está na Unión Europea (lembren, foi o seu partido o que nos meteu nela hai anos e, máis recentemente fixo campaña a favor da súa constitución cun tal Zapatero á cabeza).

Asumida a nosa pertenza a dita comunidade de estados europeos terían que saber que a lei está para ser cumprida

Asumida a nosa pertenza a dita comunidade de estados europeos terían que saber que a lei está para ser cumprida. Non parece moi razoable, por dicilo diplomaticamente, pensar que unha vez na UE podemos decidir, arbitrariamente, escoller que leis cumprimos e cales non. Polo tanto se están en contra da execución dunha determinada directiva europea, que traten de cambiala: o PSOE ten moitos parlamentarios no Estado e tamén na Eurocámara. E máis, que loiten para que se deroguen as citadas directivas, poderían incluso poñelo no programa para as próximas eleccións europeas (“O PSOE promoverá a erradicación da biodiversidade europea”, un bo lema). Outra alternativa é que a montaña de Lugo saia da UE: unha solución eficaz inda que non parece moi factible a creación dun estado independente e alleo a Europa nestas terras.

Parece que esqueceron falar de determinados beneficios de cumprilas e, en concreto, refírome a gran cantidade de cartos que a través dos fondos europeos chegan aos habitantes da Rede Natura 2000

Agora ben, estes señores falaron só de non aplicar dúas directivas. Parece que esqueceron falar de determinados beneficios de cumprilas e, en concreto, refírome a gran cantidade de cartos que a través dos fondos europeos chegan aos habitantes da Rede Natura 2000, en concreto para os que neles manteñen actividades agrícolas e gandeiras. Inconcibiblemente infantil: quero chocolate pero non o caldo. En fin.

Debería supoñerse que estes señores pensan que a Rede Natura 2000 prexudica ou molesta aos habitantes dos territorios onde está "implantada". Nada máis lonxe da realidade

Debería supoñerse que estes señores pensan que a Rede Natura 2000 prexudica ou molesta aos habitantes dos territorios onde está "implantada". Nada máis lonxe da realidade. Ademais das axudas percibidas debería empregarse a Rede non só para a preservación do patrimonio natural europeo, é dicir, aquilo para o que foi pensada, senón tamén como elemento diferenciador, de calidade de vida e factor chave no desenvolvemento económico. Pero parece que non.

Lamentablemente en Galicia, e tal e como acaba de poñer de manifesto a Sociedade Galega de Historia Natural, nun excelente traballo, a Rede Natura está nun estado lamentable, resumindo, está declarada sobre a cartografía pero na práctica nada se fai no terreo por conservala, todo o contrario. Por exemplo, cultivos intensivos de especies forestais alóctonas campan por doquier sobre hábitats de interese comunitario, moitos deles pagados e patrocinados pola propia Administración responsable, a Xunta de Galicia. E son ducias as actuacións que deterioran esta rede e a súa biodiversidade: parques eólicos, estultas concentracións parcelarias, centrais hidroeléctricas, talas, incendios, apertura de autovías, estradas, pistas, canteiras, urbanismo disperso, caza, pesca e turismo incontrolado, etc. En definitiva, innumerables agresións polas que, supoñemos, a UE aplicará as millonarias sancións correspondentes e que acabaremos pagando todos. E non quero deixar de recordar que tal desleixo coa Rede Natura foi tanto por parte do PSOE como por parte do PP e, tamén, por parte do BNG, cando este tivo responsabilidades de goberno no ámbito da agricultura, a gandería e montes. Unha desgraza o que temos.

Non quero deixar de recordar que tal desleixo coa Rede Natura foi tanto por parte do PSOE como por parte do PP e, tamén, por parte do BNG, cando este tivo responsabilidades de goberno no ámbito da agricultura, a gandería e montes

Así que o argumento de que a Rede Natura "impide" o desenvolvemento é simplemente falso, unha fuxida dialéctica simplemente estulta. Precísanse máis probas? Vale, cal é a diferenza no rural galego entre concellos na Rede Natura e fora dela? Ningunha, ambos tipos de concellos comparten igual situación de recesión económica, social, demográfica e, agora polo visto, intelectual. Que cada un opine o que queira, loxicamente, agora ben, non é honesto botar a culpa a cuestións que non teñen nada que ver co problema a tratar, todo o contrario. Buscar fora chibos expiatorios do fracaso propio é inaceptable. Traballen e busquen solucións, non desculpas. De paso exerzan de oposición denunciando a (anti) xestión do actual goberno, involúcrense no cumprimento da lexislación, na conservación da biodiversidade e no desenvolvemento socioeconómico do rural. Se non saben facer nada diso, marchen por onde viñeron.

A Rede Natura 2000 é sen dúbida a última oportunidade que teñen moitos concellos do rural (europeo) para o seu desenvolvemento socioeconómico

A Rede Natura 2000 é sen dúbida a última oportunidade que teñen moitos concellos do rural (europeo) para o seu desenvolvemento socioeconómico, non saber aproveitar este feito só denota a incapacidade das elites estatais, nacionais e locais para dirixir o rumbo do rural.

Para obter información sobre que é, para que serve e como nos podemos beneficiar da rede Natura 2000 recomendo esta web. Verán que nela participa a UE, o Goberno de España, empresas e moitas comunidades autónomas (adiviñen se entre elas está a Xunta).

Acerca de Xabier Vázquez Pumariño

Xabier Vázquez Pumariño (Lugo, 1969) é biólogo ambiental. Vencellado ao movemento ecoloxista dende principios dos 80 traballa como consultor ambiental dende Santiago de Compostela en diferentes eidos, dende a ornitoloxía ao desenvolvemento sostible e a cooperación ao desenvolvemento en diferentes países latinoamericanos