O proxecto de lei do solo: desprotexendo o rural

O borrador de Proxecto de Lei do Solo está inspirada no modelo de “liberalización do solo” que instaurou a Lei 6/1998, de réxime do solo e valoracións, baseado en promover o crecemento urbano insostible e renunciar á xestión do patrimonio construído.

O paradoxo deste modelo ineficiente e insostible é a coexistencia de espazos urbanos degradados ou infraurbanizados e de novas áreas de expansión urbana a custa de terreos agrarios ou con valores naturais e culturais. Renúnciase a xestionar o rico patrimonio construído existente para centrar as políticas urbanas na demolición e ocupación de novas áreas. Apenas se regula a rehabilitación da cidade existente, o núcleo central da ordenación é a expansión urbana. Un modelo baseado na especulación inmobiliaria que non deu resposta ás necesidades de vivenda da poboación e xerou a grande burbulla inmobiliaria e a corrupción urbanística asociada a esta.

Para aqueles que creemos que no rural está gran parte do futuro de Galiza, futuro baseado na preservación dos valores naturais, culturais, patrimoniais e agronómicos, o borrador de Lei do Solo que chegou ás nosas mans a pasada semana é unha gran decepción.

Para os que confiamos no potencial específico do rural galego, dentro dos novos paradigmas que están a xurdir coma a soberanía alimentaria, a agroecoloxía, a sustentabilidade, para fixar poboación xerando oportunidades para a xente moza dentro do respecto ao noso patrimonio, é unha oportunidade perdida para cimentar o seu futuro sobre estas premisas.

A liberalización, degradación, desprotección e desvalorización do solo rústico, tamén e moi especialmente do protexido, son as notas caracterizadoras dun proxecto de lei

O Proxecto de lei do solo, en trámite parlamentar, supón unha regresión histórica, unha inmensa volta atrás, na necesidade de ordenación e preservación do solo rústico da Galiza. A liberalización, degradación, desprotección e desvalorización do solo rústico, tamén e moi especialmente do protexido, son as notas caracterizadoras dun proxecto de lei que, contrariamente ao dito polo PP e polo goberno da Xunta, vai afondar na destrución sistemática e normativamente planificada do noso medio rural, e mesmo prohibindo e limitando a potestade de planeamento e ordenación do solo rústico por parte dos Concellos.

1.- Ampárase a posibilidade de desclasificación xeneralizada do rústico, tamén do protexido, en favor do seu desenvolvemento urbanístico “racional”, suprimindo os límites e condicionantes que fixaba ata agora a Lei 9/2002, LOUG. Pode ser racional a desclasificación de terreos da Rede Natura para a súa transformación urbanística? Nese senso o proxecto de lei regresa á nefasta política urbanística perpetrada nos anos da burbulla, causa e orixe de tanto desastre, de considerar que todo o solo é (ou pode ser) susceptible de ser urbanizado. Mesmo vai mais aló, ao posibilitar tamén a desclasificación de todo o rústico protexido. 

Nun país que ten que pagar todos os anos centos de millóns polos alimentos que non é capaz de producir, pola cada vez maior perda de terra cultivable, é un despropósito

2.- A desaparición do rústico de protección agropecuaria (remitido no proxecto á categoría residual do común), nun país que ten que pagar todos os anos centos de millóns polos alimentos que non é capaz de producir, pola cada vez maior perda de terra cultivable, é un despropósito. Tamén se desprotexe urbanisticamente parte do litoral, reducindo o solo rústico de costas, dos 200 metros da LOUG aos 100 metros no proxecto de lei, que serán só de 20 metros nas nosas rías, en aplicación da nefasta reforma da lei de costas de maio deste ano.

3.- Suprímese o réxime diferenciado de usos e actividades nas distintas categorías de solo rústico, quedando todas elas subsumidas no mesmo réxime, de xeito que os usos e actividades son os mesmos no rústico común que no especialmente protexido. Usos a actividades ata agora prohibidas en distintas categorías de solo pasan a ser autorizables. Galiza, unha inmensa actividade extractiva.

O PP propón o contrario do que Galiza precisa. No canto da ordenación planificada e da posta en valor do medio rural, dos seus valores ambientais e naturais, produtivos, paisaxísticos.... o caos e o desorde

4.- A liberalización do réxime do rústico trasládase tamén aos instrumentos de planeamento. O PXOM, contrariamente á LOUG, non só deixa de estar obrigado a fixas as normas e medidas de protección e conservación dos valores desa clase de solo, senón que mesmo se lle prohibe aos concellos que os PXOM inclúan determinacións respecto do solo rústico. E a política do “ti vaille dando”, de terroríficas consecuencias pasadas e presentes para o territorio, tamén se incorpora á nova lei, suprimindo a obriga legal dos propietarios, prevista na actual LOUG, de reposición paisaxística e medioambiental do solo rústico degradado.

Se a todo elo lle engadimos a extensión da desplanificación do solo de núcleo rural coa supresión da figura do plan especial de ordenación do núcleo e dos indicadores no PXOM para a obriga da súa formulación, o PP propón o contrario do que Galiza precisa. No canto da ordenación planificada e da posta en valor do medio rural, dos seus valores ambientais e naturais, produtivos, paisaxísticos.... o caos e o desorde.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.