Nos últimos tempos vense falando, aínda cun silencio cómplice dos grandes medios e grandes partidos, da que previsiblemente será a decisión económica máis importante para a Unión Europea desde a entrada no €: a negociación cos Estados Unidos do Tratado Transatlántico para o Comercio e os Investimentos (TTIP en inglés).
As súas implicacións teñen un interese que vai máis alá das medidas arancelarias, camiñando cara unha igualación regulatoria
Vexamos o que é o TTIP: revestido como un Tratado de Libre Comercio (TLC), as súas implicacións serán moito máis amplas. Na actualidade as barreiras arancelarias son mínimas (de menos do 4% de media entre a UE e os USA), polo que o alcance deste tipo de medidas será ben escaso máis alá de sectores concretos.
Polo tanto, as súas implicacións teñen un interese que vai máis alá das medidas arancelarias, camiñando cara unha igualación regulatoria. Como ben indicaba Alberto Turnes, o obxectivo último pasa pola obtención dun mercado plano entre ambas áreas económicas.
O plantexamento deste acordo pasa pola creación dun espazo económico consolidado que poida facer fronte ás novas ameazas económicas e políticas que xorden fronte aos Estados Unidos. Non é casual que ao mesmo tempo se negocie tamén un acordo transpacífico entre máis de dez países (con Estados Unidos e Xapón á cabeza) que ten como obxectivo illar o poder económico chinés na zona.
Non é casual que ao mesmo tempo se negocie tamén un acordo transpacífico entre máis de dez países (con Estados Unidos e Xapón á cabeza) que ten como obxectivo illar o poder económico chinés na zona
Neste contexto, a opacidade nas negociacións é absoluta. Non temos coñecemento sequera de cal é o mandato outorgado á comisión negociadora, e o recibido pasa simplemente pola filtración de documentos.
Renúnciase así a aplicar o Regulamento 1049/2001 de acceso público e transparencia á documentación da propia Unión Europea (en base ás excepcións contempladas no seu Artigo 4), como chega a recoñecer o máximo negociador da UE (que por certo é español) ante os negociadores dos Estados Unidos.
A opacidade nas negociacións é absoluta. Non temos coñecemento sequera de cal é o mandato outorgado á comisión negociadora, e o recibido pasa simplemente pola filtración de documentos
Que opinan disto os grandes partidos? A comezos de Maio o Congreso votou contra a realización dun referendum no caso de aprobarse o TTIP. En contra votaron PP, PSOE, CiU e UpyD.
Do mesmo xeito, PP e PSOE (unha vez máis unidos) aprobaron no Congreso unha PnL a prol dunha posición común no Consello Europeo para dar maior axilidade ás negociacións, sobre a base das súas bondades económicas.
O Congreso votou contra a realización dun referendum no caso de aprobarse o TTIP. En contra votaron PP, PSOE, CiU e UPyD
En principio, as repercusións económicas serían fantásticas: redución do desemprego, crecemento económico, maior dinamismo...Todos estes elementos son citados polos apoloxetas do libre mercado, mais non responden á verdade. É curioso que o propio informe da Comisión Europea avalía nun máximo dun 1% de crecemento en 10 anos para o PIB da Unión Europea, é dicir, unha cifra case residual.
Ao mesmo tempo, o impacto deste tipo de tratados a nivel rexional tende a reconfigurar e incrementar as diverxencias territoriais. Nun contexto de mercados planos son as áreas máis desenvolvidas aquelas que acadan maior dinamismo, reforzando o marco centro-periferia existente. É evidente que nun contexto así o papel de Galiza na cadea de valor internacional veríase relegado aínda máis a unha posición de subordinación.
Nun contexto de mercados planos son as áreas máis desenvolvidas aquelas que acadan maior dinamismo, reforzando o marco centro-periferia existente
Un exemplo claro en termos económicos e de emprego é a ben coñecida situación das maquiladoras en México, onde o desemprego e a explotación laboral sufriron un enorme incremento despois da sinatura do NAFTA (Tratado de Libre Comercio de América do Norte) con Canadá e os Estados Unidos, mentres a súa base produtiva era desmantelada para a potenciación de actividades precarias e de baixo valor engadido.
Polo tanto, podemos afirmar con seguridade que o obxectivo non pasa pola mellora da situación económica e dende logo unha mellor calidade de vida da cidadanía da Unión Europea. Vexamos entón a quen beneficia o TTIP, e cales serán as súas consecuencias concretas:
En primeiro lugar un elemento fundamental. A negociación estase desenvolvendo en base ao principio do mínimo común denominador, o que significa que os acordos se basearán en todo momento nunha negociación á baixa das regulacións existentes na actualidade.
Unha breve reseña sobre varios elementos que tocará o TTIP. Non falarei das implicacións para o sistema público de saúde e o sistema farmacéutico despois do moi interesante artigo de Pablo Vaamonde neste mesmo xornal.
En primeiro lugar, amósase unha forte lóxica antisindical. A regulación estadounidense nestas cuestións é mínima (non ten ratificados acordos básicos da OIT como os relativos á idade mínima, o traballo forzado, a liberdade de sindicación e a negociación colectiva), polo que a situación laboral mudará radicalmente.
As implicacións alimentarias serán importantes. Unha das enormes diferencias entre os Estados Unidos e a Unión Europea vén derivada das diferentes lexislacións en materia de transxénicos, ao impoñerse na Unión Europea a lóxica do principio de prudencia. Unha apertura neste campo implicaría unha entrada masiva de produtos estadounidenses (cas súas repercusións económicas no agro europeo) e tamén cuns importantes efectos en materia de seguridade alimentaria.
Nos Estados Unidos desmantelaranse as tímidas reformas en materia de regulación financeira (como a Dodd-Frank Act ou a Volcker Rule) mentres se fará inviábel a aplicación da mínima taxa Tobin que a Unión Europea parecía comezar a valorar
No ámbito financeiro existirán tamén mudanzas relevantes. Este é un elemento fundamental para entender o acordo, xa que a crise actual destruíu inxentes cantidades de capital e estanse buscando novos espazos para a súa valorización. É sabido que o mercado financeiro é un espazo refuxio ante taxas de beneficio moi escasas na economía real, polo que unha unificación e simplificación de normativas en materia financeira é unha prioridade.
Atendendo á lóxica do mínimo común denominador, nos Estados Unidos desmantelaranse as tímidas reformas en materia de regulación financeira (como a Dodd-Frank Act ou a Volcker Rule) mentres se fará inviábel a aplicación da mínima taxa Tobin que a Unión Europea parecía comezar a valorar. Negocio redondo para o capital financeiro.
Por último, o elemento máis chamativo, por antidemocrático, do acordo. O TTIP valora a introdución dunha cláusula para a “resolución de disputas investidor-Estado” (Investor-State dispute settlement, ISDS), que ten como obxectivo blindar os beneficios esperados (si, no futuro) dos investidores. É dicir, na práctica supón a creación de tribunais de arbitraxe supranacionais non controlados por poderes democráticos que poden penar aos Estados ante cambios regulatorios.
O TTIP valora a introdución dunha cláusula para a “resolución de disputas investidor-Estado” que ten como obxectivo blindar os beneficios esperados (si, no futuro) dos investidores
Un exemplo: Philip Morris denunciou ao Uruguai por introducir diferentes lexislacións nos mandatos de Tabaré Vázquez e Pepe Mujica para limitar o consumo de tabaco. O proceso non está finalizado, pero é curioso que o tribunal de arbitraxe sexa designado polo Banco Mundial, e non pola xustiza uruguaia. Un bo argumento, entre outras cousas, para deixar de fumar.
Poderíamos citar moitos máis elementos (como os servizos, a protección do medio ambiente ou o fracking), para continuar exemplificando as implicacións deste acordo.
Só é preciso organización e vontade popular para que finalmente o TTIP non chegue a aprobarse
Así as cousas estamos a ver que se tenta impulsar un paquete moi potente de medidas para a liberalización económica, profundizando no modelo que nos levou á situación actual. É xusto lembrar que foi precisamente a protesta e a mobilización social quen impediu que tratados coma este triunfaran no pasado, desde aquel AMI (Acordo Multilateral de Investimentos) ao ACTA (en relación á propiedade intelectual). Polo tanto, só é preciso organización e vontade popular para que finalmente o TTIP non chegue a aprobarse.