Entender o proceso, mudar a realidade

Declararon unha guerra contra todos nós
e non nos decatamos ou non a tomamos en serio.  
Daniel Salgado


Non estamos aquí para repartir migallas, queremos mudar a realidade. Este podería ser un bo lema para o proceso de resposta que se está a encetar, empurrado por diferentes vectores e de diferentes maneiras, no conxunto do estado español nos últimos anos. Moitos son os desencadeantes e varias as características deste proceso que, dende a diferenza e con distintas velocidades, acredita nun común denominador. Vexamos algúns deles.

"Existe a necesidade de xerar un discurso hexemónico de ruptura antitético ao pensamento único. Todo está en cuestión. Xa non cremos nada"

Existe unha crise de representación evidente. A partitocracia na súa deriva bipartidista deixou de ser representativa da maioría social. Todo está en cuestión. O que hoxe é novo mañá é vello. As estruturas partidarias tan só son percibidas como positivas, ou un sumatorio máis ao proceso, se son quen de renunciar ás súas estratexias de parte polo “todo de todas”, se están dispostas a cooperar en pé de igualdade con outras estruturas partidarias e movementos cidadáns autoorganizados e se asumen un método democrático de participación arredado de posicións aristocráticas con vocación de tutela. A suma multiplica e a resta divide. Os diferentes procesos son o proceso

Existe a necesidade de xerar un discurso hexemónico de ruptura antitético ao pensamento único. Todo está en cuestión. Xa non cremos nada. O proceso demanda unha saída  diferente diante da crise do capitalismo e  do pacto encuberto do Estado para renovar indecencias. Non chega con aqueles que pretenden vernizar as vergoñas co troco xeracional e unha dose nova de máis do mesmo tanto na monarquía como nos grandes partidos da alternancia. O discurso baldeiro do oficial contraponse coas necesidades da maioría. As verbas dos mandados dos mandados non son dabondo para comer, ter unha educación, unha vivenda ou unha sanidade digna. O roubo resulta evidente, os ladrón xa non van encarrapuchados. Por primeira vez, as fillas asumen que vivirán peor que as súas nais; por primeira vez, a xente asume que os atracadores xestionan bancos. Teito, traballo e pan.

O proceso ou é partillado ou non é. Se verdadeiramente queremos mudar a realidade debemos asumir que ningunha fórmula persoal ou colectiva, organizada ou non en estruturas partidarias, ten o copyright do proceso. A tentación de hexemonizar “de parte” o que está a acontecer resulta inviable. O que hoxe é chan consistente mañá pode esvaecerse debaixo dos nosos pés. Ratear dende a representatividade as responsabilidades e as diferentes lecturas que conviven en algo plural non debe resultar un problema se entre todas estamos de acordo no esencial.

"Se verdadeiramente queremos mudar a realidade debemos asumir que ningunha fórmula persoal ou colectiva, organizada ou non en estruturas partidarias, ten o copyright do proceso"

As liñas vermellas ensánchanse sen deterse e separan os dous mundos. Os matices para elixir desintégranse. Democracia ou totalitarismo de baixa intensidade, liberdade de expresión ou maioría silenciada, servizos públicos ou mercantilización da nosa saúde e a nosa educación, xestión directa dos nosos recursos naturais ou cesión destes ao capital, economía produtiva ou economía especulativa, pluralidade identitaria ou uniformidade por decreto, decrecemento ou crecemento ilimitado, autonomía local ou franquías onde facer negocio, dignidade ou indignidade delimitan entre moitos outros dilemas os lindes do que estamos a poñer en xogo. A escolla non deixa lugar ás dúbidas. Ou eles (os menos) ou nós (os máis).

O proceso ten data de caducidade. Entre o novo que non remata de nacer e o vello que se resiste a morrer, máis que monstros emerxen dúbidas. A crise sistémica busca acubillo na desvalorización permanente das nosas condicións de vida, e os poderes do Estado apostan por unha reforma pactada polos de sempre. O asentamento e consolidación destas dúas cuestións limita o tempo de resposta do proceso para ter garantías de éxito. O empoderamento da cidadanía na loita social hai que concilialo coa posibilidade de cercear no eido institucional os espazos de privilexio dos culpables. Nese sentido, xogamos coas cartas marcadas nun campo enlamado onde o poder  non dubida en comprar o árbitro se as condicións lle son adversas. A reforma electoral anunciada por Rajoy semella un aviso nidio a navegantes.

"O proceso ten data de caducidade. Entre o novo que non remata de nacer e o vello que se resiste a morrer, máis que monstros emerxen dúbidas"

As vitorias de parte son a derrota do proceso. Por unha fronte popular do século XXI dende o local ao global. Nos últimos anos existiron formulacións sociopolíticas que fixeron o esforzo por interpretar o que estaba a acontecer con diferentes retornos e dende diferentes orixes. As CUP en Cataluña, EH Bildu en Euskadi, AGE en Galiza, Compromís en Valencia ou Equo, a Esquerda plural e o exitoso Podemos no Estado representan, con diferenzas evidentes no eido da esquerda e da expresión identitaria, apostas que intentaron en distintos momentos formular propostas diferentes dende posicións non inmobilistas. A necesidade de grandes coalicións para enfrontar o bipartidismo, novas metodoloxías de participación, o respecto dos pobos a decidir e un programa de ruptura no social foron algún dos seus sinais de identidade compartidos, modulados con diferentes intensidades. Resulta evidente que moitas destas forzas aínda teñen un percorrido que garante un éxito de parte nas súas formulacións. Resulta aínda máis evidente que, sen encetar un proceso de cooperación necesaria entre a maioría delas e a cidadanía non organizada, non existirá a posibilidade de abrir unha fiestra de esperanza que peche o proceso e todo ficara nun “que hai do meu?” ou, no peor dos casos, nun mudar algo para non mudar nada. A resposta será mestiza ou non será. No calendario, as eleccións xerais semellan a derradeira chamada.

A compartimentalización das respostas garante o triunfo da agresión, que é global. Na rúa, as diferentes plataformas e colectivos cidadáns autoorganizados buscan lugares de encontro e valoran participar nas institucións

Facer das loitas a loita. A compartimentalización das respostas garante o triunfo da agresión, que é global. Na rúa, as diferentes plataformas e colectivos cidadáns autoorganizados buscan lugares de encontro e valoran participar nas institucións. Nas posición partidarias que alimentan o proceso custa ás veces diferenciar estética de estratexia, necesidade ou suplantación. Entre ambas as marxes, xustificada desconfianza. O proceso das eleccións locais que acontecerán en menos dun ano semella unha boa ocasión para rozarse e testar complicidades. Neste sentido, como fixera no proceso das europeas cun chamamento á fronte ampla en Galiza e no estado, Anova-IN, forza política liderada por Xosé Manuel Beiras que participa na coalición AGE, ten feito un chamamento a configurar candidaturas populares nos Concellos de Galiza baixo un programa de mínimos e cunha metodoloxía aberta e participativa por definir. O reto non é menor, as incógnitas son moitas, pero este posicionamento non se diferencia doutros que se están a dar noutras partes do Estado, como Guanyem Barcelona, con Ada Colau, e que, queiramos ou non, fan parte do proceso. A emerxencia do movemento “Marea Atlántica” na Coruña, onde salienta o escritor Manuel Rivas, e doutros proxectos con paralelismos que están a agromar noutras cidades e vilas galegas e noutras partes do estado demostran que os marcos mentais se están a mover e que o esforzo paga a pena. Ou arriscamos, ou é mellor quedar na casa. No debate suscitado, temos que tomar unha decisión e solucionar unha necesidade. Dende hai dous anos, co tratamento do austericidio e a reforma da administración local, podemos afirmar que os concellos están intervidos. A lei do teito de gasto independentemente da saúde financeira de cada concello, a imposibilidade de contratar persoal público agás para casos de xustificada necesidade ou o intento de  refinanciamento da banca cos plans de pagamento a provedores aprobados  demostran que, para sermos quen de definir modelos locais alternativos, teremos que decidir se somos insubmisos ao corsé legal instaurado ou non. Na necesidade, a posibilidade de identificar estas candidaturas populares con algún común denominador para poder pelexar por influír nas Deputacións, aínda que tan só sexa para pechalas. Coa reforma do PP, estas institucións do medievo foron potenciadas con novas competencias,  e esta situación pode converter estes entes nos cuarteis de inverno do bipartidismo se acontecese unha derrota diante das candidaturas populares.

O proceso tan só ten unha opción, vencer. Calquera outra posibilidade pasa por asumir a derrota e a deterioración das nosas condición de vida nas vindeiras décadas

Minorar os egos, apostar por liderados fortes no colectivo. O proceso substéntase e catalízase con referencialidades simbólicas evidentes que deberán entenderse como colectivas. O triunfo delas por separado representará a derrota do conxunto. Se a cidadanía é capaz de identificar moitos homes e mulleres que traballan nas coordenadas do proceso dende os diferentes pobos do estado e dende proxectos diversos, iso significa que, dende a diferencia, a cidadanía é capaz de identificar o idioma de combate máis importante nestes tempos: a lingua dos agredidos. De moitos depende elaborar un relato coherente e xeneroso da alternativa ao existente.

O proceso tan só ten unha opción, vencer. Calquera outra posibilidade pasa por asumir a derrota e a deterioración das nosas condición de vida nas vindeiras décadas. Perder significa renunciar a exercer a identidade e a dignidade e mesmo que, ante o pesimismo da razón, por quedar non nos quede nin a posibilidade de exercermos o optimismo da vontade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.