Lista de 55 cousas que os seres humanos atoparán na narrativa de Xavier Queipo

Un frasco ateigado da apócema da curiosidade
Cartas de navegación por océanos imaxinarios e illas marabillosas
Peixes saltóns de lama
Salmodias rituais a Kresoún Minogo, sosegador de malignos
Unha lanterna chinesa co deseño dun dragón quimérico
O diario do comandante Alistair Duncan, atopado nunha libraría de vello de Edimburgo
Unha edición lisboeta de 1916 de Heart of Darkness, con ilustracións en branco e negro
Chuvias de furor tropical, violentas e sen sosego
Ecos de linguas mesturadas, musicais e caóticas
Unha cita de Pascal Quignard: “O pasado é un corpo enorme en que o presente é o ollo; ese corpo soña”
Viaxes innúmeras, imaxinarias ou non
Personaxes en mutación e tránsito
Ao vello Simbad sentado nunha baiuca do porto de Ormuz
Un borrador para unha tese de doutoramento titulada Da sensualidade descritiva na observación dos insectos domésticos
Cínfanos heterodoxos
Cheiro a pel de foca a podrecer na bodega dun barco en Grenlandia
Un atlas da imaxinación
Un vento que xea as entrañas, metáfora da culpa
Singraduras simbólicas por paisaxes circulares

Un caderno de bitácora sobre as obsesións que rabuñan o cerebro
Cartas da familia para os mariñeiros nos Bancos de Terranova
Unhas notas e comentarios sobre a extinción dos caracois de terra na illa de Santa Helena, tal como a conta Charles Darwin no relato da viaxe do Beagle
Moscas sen ás nas illas Kerguelen
Recendos e sabores de todos as prazas de abastos do mundo
Un tratado de entomoloxía recreativa
Unhas hipotéticas indicacións para manexar unha gadaña tal como Antón o Careto explicou unha tarde de calor na Porta dos Mariños, aldea de Pazos, freguesía de Iria Flavia, concello de Padrón
Unhas necesarias instrucións para fritir correctamente os pementos de Herbón
O fulgor do sol de medianoite
Memorias, é dicir, catálogos íntimos de perdas e saudades
Unha noite de cámping nas illas Cíes, cando o tempo aínda non pasaba tan axiña
Exercicios de estilo como brincadeiras de neno
Citas a pé de páxina, ficticias ou non
Recreacións de xeografía
Encontros sexuais con complicidade exploratoria
Un paseo pola praia da Lanzada, xogando coas ondas na beiramar
Unha caixa de puros habanos enviada por barco desde Cuba a Vigo
Un ecosistema da diversidade (á marxe de dogmas aceptados como universais)
Unha biblioteca que se abre cara a un xardín con morcegos
Textos escritos con cincuenta e cinco sentidos (polo menos)

Soños anfibios
Unha bolboreta que se detén a libar na cunca dos beizos dunha flor
O río Ulla e a cima do Castelo, paraísos que se cadra xa non existen
Os ríos fedorentos de Compostela, aínda contaminados
Cromos de chocolatinas
Viaxes que nos fan fuxir de nós mesmos, lonxe do turismo devorador
Dúbidas e incertezas propias da condición humana
Unha lectura no autobús de Omeros, de Derek Walcott
O rexistro caligráfico dos artellos impregnados en tinta dun escaravello da pataca sobre a superficie do papel en branco
Territorios inexplorados máis alá do fanatismo
Observacións de campo sobre o apareamento dos escornabois
Luras recheas de chile e garoupa con cogomelos hidratados
Unha lectura atenta (e irónica) das preguntas do Parlamento europeo
Ciencia e fantasía, como dúas caras da mesma moeda

Unhas pingas dos pesadelos de Kafka
e, sobre todo,
Literatura (sen necesidade de ningún adxectivo)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.