0 Gardados para despois

Pablo Vaamonde

O medo ao Ébola

O virus do Ébola provoca unha enfermidade hemorráxica grave e potencialmente mortal. Este mes de agosto os medios de comunicación non falan doutra cousa. Semella que fose unha doenza nova mais non é así. O primeiro caso coñecido data de 1976 (Zaire) e desde a década dos noventa varios países africanos (Guinea, Congo, Nixeria, Liberia) veñen declarando todos os anos casos de morte provocados por este virus. Este verán a dimensión da epidemia foi superior á de anos anteriores. Preto de mil persoas morreron por esta causa e a OMS declarou a situación, a primeiros de agosto, como unha “emerxencia sanitaria internacional”.

Non cómpre menosprezar a gravidade da situación, pero hai que lembrar que este non é o principal problema de saúde dese continente. As principais causas de mortalidade en África son a SIDA, a malaria, as enfermidades diarreicas, a tuberculose.  Os africanos sofren, enferman e morren prematuramente pola pobreza e a desnutrición, polas deficientes condicións de vida e a falta de auga potable, pola violencia social e a falta de horizonte para as súas vidas. Por iso cruzan desertos durante meses e expoñen as súas vidas no mar e tentan saltar as barreiras que lles coloca o mundo occidental. Virán máis, moitos máis, para fuxir do inferno sen saída que teñen nos seus países de orixe.

Mais habitamos un mundo dominado polo medo. Vivimos nunha sociedade do risco (Ulrich Beck) e cada certo tempo xorde un perigo, unha ameaza ou unha doenza descoñecida que ocupa as portadas dos xornais e provoca o pánico xeral. Existe unha auténtica maquinaria para fabricar medos colectivos como mecanismo de dominación social. El Roto ten unha viñeta maxistral na que un executivo di: “Tivemos que asustar á poboación para tranquilizar aos mercados”. Naomi Klein (A doutrina do shock) explicou moi ben como os temores globais son contaxiados desde o poder para xustificar o recorte de dereitos, as actuacións xenófobas, a limitación das liberdades. O pánico provocado por certas doenzas (gripe aviaria, gripe A, que resultaron non ser tan perigosas como dicían) foi utilizado tamén para favorecer certos negocios multimillonarios. As doenzas que causan maior mortaldade en África non teñen grande interese para as empresas farmacéuticas; o mundo occidental tampouco fai gran cousa para aliviar a pobreza extrema, a fame endémica e as guerras crónicas que provocan miles e miles de mortos. Pero hai indicios de que, no caso do virus Ébola, tamén hai intereses económicos potentes que tentan sacar beneficio do medo global. Vexamos.

-O negocio. Polo momento non se produciu ningún caso de contaxio do Ébola fóra de África. Pero neste brote de 2014 houbo dous estadounidenses infectados, que foron trasladados a EEUU para ser tratados cun preparado experimental (ZMapp). Trátase dun cóctel de tres anticorpos monoclonais que está na primeira fase de ensaio clínico e só foi probado con simios. Os seus resultados son totalmente incertos e, por iso, o tratamento estándar para o Ébola segue a ser a terapia de apoio. Este foi o “soro milagroso” aplicado ao misioneiro español Miguel Pajares (repatriado de forma tardía e nunha peripecia rocambolesca) que morreu aos cinco días de chegar a Madrid. Mais, mesmo no caso de que este remedio chegase a demostrar a súa eficacia, non sería posible atallar a epidemia en África con este tipo de fármacos, polo seu elevado custe e pola extraordinaria dificultade para a elaboración. Habería que empregar estratexias de prevención e detección precoz, que son factibles pero non ofrecen espazo de negocio para as empresas farmacéuticas.

-O marketing. A empresa Mapp Bio leva varios anos buscando un tratamento para este virus en colaboración co Departamento de Defensa dos EEUU. O soro agora utilizado está fabricado con plantas do xénero nicotiana, que tamén se utiliza para o tabaco. Por esa razón a produción corre a cargo da empresa Kentucky Bioprocessing (filial da empresa tabacalera americana Reynolds). O tratamento administrado a estas tres persoas podería representar, de ser exitoso, a mellor campaña de marketing deste produto. O falecemento do misioneiro español pode provocar certa desconfianza. Pero o certo é que a curación do Ébola cotiza no Nasdaq: as acción de Tekmira, empresa de Vancouver que está ensaiando unha vacina para este virus, aumentaron case un 40% nunha semana. Tamén resulta interesante observar como a industria farmacéutica aparece de novo aliada co Departamento de Defensa dos EEUU e coas empresas tabaqueras.

-A repatriación. Miguel Pajares, misioneiro infectado polo Ébola, foi repatriado desde Liberia, o sete de agosto, para ser tratado en Madrid. Faleceu cinco días despois. O centro designado para o seu tratamento, o Hospital Carlos III,  foi unha referencia estatal e internacional para a investigación e o tratamento de doenzas infecciosas e tropicais e para afrontar situacións sanitarias de gravidade. Os seus profesionais teñen un gran prestixio e cualificación. En 2013 o goberno madrileño converteu este centro especializado nun hospital de media estancia, dedicado a atender pacientes derivados doutros hospitais da Comunidade e pechou o Servizo de Urxencias. A repatriación do relixioso español obrigou a evacuar o Hospital, a reabrir a porta de Urxencias e a recuperar os dispositivos de atención para emerxencias que foran desmontados oito meses antes. Tiveron que reabrir a sexta planta do Hospital (con habitáculos de “presión negativa” imprescindibles para atender este tipo de pacientes) e montar a toda presa medidas e equipos de illamento. Toda esta montaxe mediática da repatriación e o tratamento co “soro milagroso” (mentres a ministra Mato estaba agochada), tentou demostrar unha situación de normalidade, mais non hai tal: o Hospital Carlos III xa non está en condicións para atender unha situación de emerxencia ou facer fronte a unha epidemia.

Pretenden que esta intervención sexa vista pola poboación como unha actuación humanitaria. Non se nega. Pero tamén podemos preguntarnos, como fan os responsables da Marea Branca de Madrid (MEDSAP), por qué se denega diariamente atención sanitaria a numerosos colectivos neste país e por qué se abandona á súa sorte a persoas, da mesma Orde San Xoán de Deus, tamén infectados polo virus (a relixiosa Chantal Pascaline morreu en Liberia). Tamén cómpre lembrar que este virus non comezou neste mes de agosto. A OMS só decretou a emerxencia internacional cando houbo vítimas occidentais. Pero ninguén fai nada para axudar aos africanos que sofren, padecen e morren no máis absoluto abandono.

Acerca de Pablo Vaamonde

Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005). Presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña (1998-2005). Foi Director Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005 polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia. Coordenador xeral da Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA),  que pretende promover o uso do galego no ámbito sanitario.