Hai apenas uns meses que Antonio A. V., un doente de 70 anos aqueixado dun tumor gastrointestinal en fase mestastásica chamado GIST, viu como o Sergas rexeitaba a solicitude do seu oncólogo para tratalo con regorafenib, a súa única oportunidade terapéutica despois de que deixara de respostar aos demais tratamentos. A razón esgrimida foi que ese medicamento, aplicado xa nos Estados Unidos, Xapón ou Canadá, non está aínda homologado en Europa. Poderían terllo concedido por uso compasivo, tal como lle concederon a Miguel Pajares a súa dose de zmapp, só testada con animais, para tratar o ébola. Pero non o fixeron.
Pouco antes de que Miguel Pajares fora repatriado, Rafael, enfermo de cancro de próstata de 68 anos tratado no CHUAC, denunciou publicamente que tras un longo ano de trámites burocráticos, o Sergas denegoulle a abiraterona solicitada polo seu urólogo. Este mismo medicamento, de eficacia probada, fóralles denegado dous anos antes a, alomenos, catro enfermos do CHUS que deixaran de respostar á quimioterapia convencional. A Manuel, un dos afectados, estábaselle suministrando ketoconazol como única opción terapéutica. Se buscan vostedes no VADEMECUM que é o ketoconazol atoparán que se trata dun “antimicótico para o tratamento de fungos e levaduras”. Leron ben —e non, non estamos en África.
Hai máis casos. Está M. González, enfermo de cancro de próstata a quen se lle negou o tratamento con abiraterona despois de que deixasen de funcionar os inhibidores hormonais previos á quimioterapia. No seu caso a decisión tomouna a sanidade madrileña, a mesma que decidiu desaloxar os doentes da sexta planta do desmantelado Hospital Carlos III para aloxar os dous relixiosos e dispensarlles todos os coidados necesarios para devolverlles a saúde. Está Mikel Z., un home de 50 anos a quen o servizo de saúde do País Vasco lle denegou o acceso á pirfenidona, único medicamento capaz de retardar a progresión da fibrose idiopática que padece, mortal de necesidade, malia ter sido aprobada hai tres anos pola Axencia Europea do Medicamento e estar actualmente dispensada en países tan lonxanos como Francia, Alemania, Reino Unido ou Italia. Están Mario Cortés e os miles de enfermos de hepatite C, privados do acceso a sofosbuvir, un medicamento capaz de erradicar esta doenza no 95% dos casos, pero cuxo uso compasivo está sendo denegado na maioría das CCAA, que fan caso omiso das recomendaciones da AEMPS (véxase a denuncia da Asociación Española para el Estudio del Hígado).
Tralo efectista despregue de medios para repatriar e tratar os dous relixiosos españois da afección de ébola, calquera diría que aos responsábeis do Sistema Nacional de Saúde non lles doen prendas con tal de salvar unha vida
Tralo efectista despregue de medios para repatriar e tratar os dous relixiosos españois da afección de ébola, calquera diría que aos responsábeis do Sistema Nacional de Saúde non lles doen prendas con tal de salvar unha vida. Pero, visto o visto, calquera diría que según que vida. Porque os outros enfermos —os de cancro, os de hepatite C, os de fibrose idiopática, os de esclerose múltiple…—, eses cidadáns anónimos que pagan relixiosamente os seus impostos en España, esperan coa vida en vilo a que se lles dispensen os tratamentos que tan urxentemente necesitan. Estoutros enfermos, que non valen nin un titular do telexornal, tamén van morrer sen que as autoridades sanitarias aceleren o movemento dun só papel para impedilo.
No balance das xerencias hospitalarias e dos servizos públicos de saúde pesa moito o resultado da ecuación custe-beneficio
Sabemos que as razóns non confesadas desta situación son de índole económica. Estes tratamentos son caros e no balance das xerencias hospitalarias e dos servizos públicos de saúde pesa moito o resultado da ecuación custe-beneficio. Pero despois do esforzo económico e loxístico realizado para tratar sanitariamente a dúas persoas, vai ser moi difícil explicar por que os outros enfermos non son merecentes dun esforzo semellante.