Desigualdade e saúde

Nun texto, xa clásico, do profesor Joan Benach este afirmaba rotundo que “son as clases sociais máis desfavorecidas as que morren antes, enferman máis, e teñen con maior frecuencia hábitos prexudiciais para a saúde e peor calidade de vida”.  As desigualdades en saúde son un dos mellores indicadores para valorar os logros sociais dun país. Este experto teno moi claro: a desigualdade prexudica seriamente a saúde. Nun artigo máis recente defende que “sen saúde non hai liberdade e sen liberdade non hai saúde”.

Este mesmo autor, xunto con Montse Vergara e Carles Muntaner, publicaron en 2008 un excelente traballo no que afirman que a desigualdade en saúde é a maior epidemia do século XXI, a principal “enfermidade” que afecta  ao noso planeta. A globalización capitalista “aumentou as desigualdades sociais e de saúde ata extremos xamais coñecidos na historia”. Neste tempo de inmoralidade e barbarie (onde domina a cobiza e idolátrase o diñeiro) a pobreza e as desigualdades son inmensas, escandalosas. É evidente que a pobreza afecta á nosa vida e a nosa saúde: “os pobres enferman en maior proporción e morren antes que os ricos”. En Uganda, 200 de cada 1.000 nenos nados nos fogares pobres morren antes de cumprir os cinco anos, mentres que nos países ricos só morren sete de cada 1.000. Pero tamén “as áreas máis pobres da cidade de Glasgow teñen unha esperanza de vida 28 anos menor que as zonas máis ricas da cidade”.

Hai máis bibliografía que avala a relación entre desigualdade e saúde. Os economistas e epidemiólogos británicos Richard Wilkinson e Kate Pickett demostraron no seu libro Desigualdade. Unha análise da (in)felicidade colectiva (2009) que existe unha clara relación entre a desigualdade en países de renda alta e a incidencia de problemas sociais e de saúde (diminución de esperanza de vida, aumento da mortalidade infantil, aumento de obesidade e da patoloxía cardiovascular, incremento de patoloxía mental e consumo drogas, aumento da violencia, maior porcentaxe de suicidios, etc). O libro Por que a austeridade mata, O custo humano das políticas de recorte (2013) de Stuckler e Basu, incide nos mesmos argumentos: a recesión global e o incremento da desigualdade afectan claramente ao benestar físico e mental dos cidadáns.

Existe unha clara relación entre a desigualdade en países de renda alta e a incidencia de problemas sociais e de saúde

As desigualdades sociais medraron de xeito espectacular, a ambos os dous lados do Atlántico Norte, nas últimas décadas, coa aplicación das políticas ultraliberais iniciadas polo tándem perverso Reagan-Thatcher, e que os seus actuais seguidores aplican con dilixencia en beneficio da casta dirixente e prexudicando á maioría social. Un informe da Fundación 1º de Maio revela que as políticas de recortes aplicadas neste país intensificaron a pobreza ata alcanzar o 27 % da poboación. E o máis terrible é que, neste contexto, ter emprego xa non é unha salvagarda ante as situacións de pobreza; de feito o 12 % da poboación ocupada vive en fogares por baixo do limiar da pobreza: existen cada vez máis os “traballadores pobres”.

Fronte ás condicións impostas polas elites económicas e políticas dominantes hai unha crecente conciencia da necesidade reducir a desigualdade social pois a actual situación, inxusta e cruel, pode provocar, a curto prazo, situacións de grave conflictividade social. As desigualdades en saúde tamén poden reducirse e existe suficiente evidencia para afirmar que “os sistemas sanitarios universais, con propiedade e xestión públicas, baseados na atención primaria e unha elevada calidade de prestacións, non só ofrecen mellores resultados de saúde senón que tamén son máis eficientes, equitativos e humanos” (Benach).  Pero aquí, desde o poder, están facendo as cousas ao revés: suprimen a cobertura sanitaria universal, anulan o nivel de atención primaria e entregan a mans privadas a xestión dos servizos e os centros sanitarios.

Son os potentes grupos empresariais privados os que presionan para transformar o SNS e crear novos espazos de negocio

A privatización e mercantilización da sanidade non se realizan pola procura do ben común: son os potentes grupos empresariais privados os que presionan para transformar o SNS e crear novos espazos de negocio. Os lobbies das aseguradoras, das empresas de tecnoloxía sanitaria e da industria farmacéutica actúan con persistencia para conseguir os seus obxectivos. E colocan á súa xente en postos de mando da sanidade pública para traballar no seu propio beneficio. Boi Ruiz, xefe da patronal catalá é o actual conselleiro de Sanidade. El teno claro: na súa opinión a saúde é un ben privado que depende de cada persoa e non do Estado e “non existe un dereito á saúde”. Esta é a ideoloxía que sustenta as decisións políticas que levan ao desmantelamento do sistema sanitario público. Non buscan a eficiencia nin a calidade: só perseguen o lucro, a costa da saúde dos cidadáns.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.