0 Gardados para despois

Alberte Araúxo

Suicidarse

Galiza ten unha taxa de suicidios moi elevada -superior á media do estado español-, situándose preto da dalgúns países europeos tradicionalmente con alta suicidabilidade -Suecia e Dinamarca-, se ben lonxe dos de maiores índices -Rusia, Eslovenia ou Hungría-. Mais non só se mantén esa triste posición relativa: nos últimos anos ten habido mesmo un aumento en valores absolutos, como recollen as estatísticas do INE (ca. 12/100.000 hab, un 30% superior á media do Estado). No ano 2012, a provincia de Lugo presentou a taxa máis elevada (16/100.000 hab, fronte á media española de 7.5), sendo o 60% dos mortos maiores de 60 anos, e máis dun 80%, varóns. A Coruña e Ourense situáronse entre as dez primeiras, e na Galiza as mortes por suicidio dobraron ás ocasionadas por accidentes de tráfico. Este índice de autolises non ten a ver directamente ca nosa idiosincrasia, nin co noso “carácter colectivo” –de existir-, nin cos cambios sociolóxicos e económicos vividos nas últimas décadas, nin con factores meramente ambientais e climáticos. En todo caso, algunhas destas variabeis poderían condicionar -e algo tense demostrado ao respecto- un alto risco para persoas vulnerabeis. Mais a consumación do suicidio co que está en relación é co que se fai, ou mellor dito, co que non se fai para evitalo. Non vale pois unha actitude nihilista, nin de resignación ante esta realidade. O diagnóstico é coñecido de vello: as taxas de suicidio na Galiza son inaceptabeis.

Cómpre saber que o 90% dos suicidios lévanno a cabo persoas que padecen un trastorno mental. É moi importante coñecer ese dato, por canto a idea de que a morte autoinducida non é máis que unha conducta voluntaria a respectar, agocha un dramático descoñecemento da realidade, e pode levar a inhibicións e omisións, onerosas para os doentes. No noso contorno, os suicidios como expresión da vontade libremente exercida, son excepcionais. Pola contra, maioritariamente, son unha conducta-síntoma que emerxe no contexto dunha enfermidade, nun proceso complexo que conleva sufrimento e desesperanza. Aquelas persoas que, fracasada a súa conducta autolítica, se recuperan tras un tratamento axeitado, alónxanse dese pensamento, rexeitándoo, para voltar á súa normalidade cotián. Do anterior xa se deriva unha conclusión inmediata: o suicidio na Galiza é un grave problema de saúde que ocasiona anualmente un elevado número de mortes, e para o que cómpre buscar solucións.

Cómpre saber que o 90% dos suicidios lévanno a cabo persoas que padecen un trastorno mental. É moi importante coñecer ese dato, por canto a idea de que a morte autoinducida non é máis que unha conducta voluntaria a respectar, agocha un dramático descoñecemento da realidade, e pode levar a inhibicións e omisións, onerosas para os doentes

A efectos de análise, dende a particular visión médico-asistencial orientada á clarificación, poderíanse estabelecer dous grandes grupos de persoas que consuman o suicidio, segundo estean ou non vencelladas aos dispositivos terapéuticos especializados. Naquelas persoas cunha enfermidade mental xa diagnosticada (con frecuencia cun trastorno mental grave) e ligadas ao sistema de saúde, a morte por autolise é un claro fracaso terapéutico. É un fracaso do sistema de saúde e tamén dos profesionais sanitarios. O primeiro, e obxectivo urxente, sería reducir a taxa de autolises nesta poboación. Son persoas que están enfermas, identificadas como tais e tratadas, que depositan -eles e as súas familias- a súa confianza nos profesionais da saúde mental, cun risco coñecido que debe ser avaliado, tido en conta e nunca minimizado, e aos que lles hai que ofrecer recursos axeitados para preservar a súa saúde. Hai medidas eficaces para acadalo: seguimento de protocolos terapéuticos -tratamento eficaz da doenza e prevención de recaídas-, utilización axeitada dos recursos -hospitalizacións, programas específicos, equipos de continuidade de coidados, intervención en crise- e permanente valoración do risco de autolise -nos casos que cómpra-. Debe estar garantida unha axeitada accesibilidade aos especialistas en saúde mental, así como medios profesionais abondo (persoas e tempo, e unha máis eficiente organización dos recursos -a actual, dos anos 80, non responde ás necesidades da poboación-). Actualmente hai unha responsabilidade compartida entre os profesionais da saúde mental por unha banda, e da Administración sanitaria por outra, en canto ás escasas iniciativas para acadar estándares axeitados. Non se están a levar adiante en todo o país os procedementos acaídos para reducir a sucidabilidade. Mantendo este tó autocrítico, cómpre dicir que é excepcional que nos dispositivos do SERGAS se proceda á análise das actuacións asistenciais cando se produce un suicidio. Mesmo con frecuencia, a información do falecemento chega por vías indirectas, tarde, e sen que se disparen automaticamente os protocolos de revisión da actuación asistencial. Ademais, os responsabeis da Consellería de Sanidade, e os Servizos de Psiquiatría, non utilizan esa información para instruír revisións dos procedementos. Iso leva a que, de térense producido erros nas actuacións, ou sendo estas correctas mais insuficientes os recursos, non se podan tirar conclusións que eviten suicidios no futuro. A decepcionante realidade é que a alta taxa de suicidios non ten condicionado propostas nin accións significativas por parte da Consellería, para revertila. Nin tan sequera as recomendacións mínimas da OMS son tidas sempre en conta.

A carencia de protocolos específicos para detectar preventivamente aos individuos máis vulnerabeis debería ser paliada. Aquí hai unha clara responsabilidade dos poderes públicos, nomeadamente das Consellerías de Traballo e de Sanidade

Outro grupo de persoas que se suicidan, non tiveron contacto previo cos dispositivos especializados en saúde mental. Trataríase dunha poboación que a priori "non sería de risco". Mais en moitos casos son individuos que, xa no primeiro episodio da enfermidade (non diagnosticada, nin sospeitada), consuman a autolise. Noutros casos son persoas con múltiples factores de risco –identificados ou non polos servizos sociais e sanitarios-, como a idade avanzada, enfermidades crónicas discapacitantes, déficits sensoriais, consumo de alcol e outras drogas, soedade e problemas económicos, entre outros, cuio sumatorio pode conlevar unha grave alteración emocional, sufrimento, desesperanza e desesperación, ca conseguinte conducta suicida. A actual crise económica veu visibilizar situacións destas máis que no pasado, ao colocar a moitos cidadáns en situacións límite. A carencia de protocolos específicos para detectar preventivamente aos individuos máis vulnerabeis debería ser paliada. Aquí hai unha clara responsabilidade dos poderes públicos, nomeadamente das Consellerías de Traballo e de Sanidade. O inxente traballo realizado polos equipos de atención primaria -lamentabelmente infradotados, trala paralización por este Goberno do PP do "Plan de Primaria" iniciado polo Goberno Bipartito-, e do voluntarismo dos profesionais de traballo social, non abonda para unha intervención á altura que compriría. Debería existir unha protocolización rigurosa e uniforme para a detección e intervención preventiva. Aquí, as decisións transversais de mellora das condicións de vida e de soporte social, xunto ca detección temperá dos suxeitos en risco de enfermidade, son chave para anticipárense ao dano.

Na Galiza tense unha asignatura pendente co suicidio. A responsabilidade está repartida e ninguén pode inhibirse. É posíbel diminuir as autolises. Outros países acadárono. Así como nas mortes por violencia de xénero non abonda actuar nun único fronte, cos suicidios tamén cómpre actuar sobre múltiples factores, sabendo que non todos teñen o mesmo peso, e que non hai porqué actuar sobre todos á vez, de non seren posíbel. O que si toca é firmeza e rigor para encarar o problema, e poñer os medios acaídos. A iniciativa dos facultativos e do persoal de enfermería vai ser fundamental, e non debería agardar por unha Administración tocada polo mal de alturas. Moitas das medidas non conlevan un gasto suplementario, e teñen a ver ca mellor utilización dos rescursos xa existentes; outras, evidentemente, cunha maior e máis solidaria utilización dos investimentos, na mellora dos recursos sanitarios e de protección social.

Acerca de Alberte Araúxo

Alberte Araúxo é psiquiatra no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela e profesor asociado de Ciencias da Saúde da USC. Membro da Coordenadora Nacional do Movemento Galego da Saúde Mental.