Por que a necesidade de crear a ANC-Galiza?

Na Assemblea Nacional Catalana-Galiza (ANC-Galiza) pensamos que é moi importante contestar dunha forma sinxela a esta pregunta, unha pregunta complexa e longa de reponder, unha pregunta na que se mesturan sentimentos e opcións políticas sobre unha cuestión que, máis veces das que nos gustaría, se trata dunha maneira desenfocada. Trátase, logo, de enfocar a cuestión e contestar facendo un esforzo de síntese.

A ANC-Galiza nace para transmitir e difundir valores de democracia participativa, para demandar que se escoite a voz da xente

Con esta intención, manifestamos que a ANC-Galiza nace para transmitir e difundir valores de democracia participativa, para demandar que se escoite a voz da xente, para explicar que, na forma e no fondo, a pretensión de moitos cidadáns cataláns é levar a cabo unha revolución democrática e pacífica, ou, parafraseando o título da biografía que o xornalista Andreu Barnils dedica a Carme Forcadell, presidenta da ANC, levar a cabo “unha revolución tranquila”.

Queremos difundir o coñecemento do proceso de independencia catalán nun país, a nosa Galiza, que nun sentido nacional ten moitos paralelismos con Cataluña

Así, do mesmo xeito que fan outras asembleas exteriores en 32 países, algúns deles ben afastados como China, Estados Unidos, Nova Celandia ou Arxentina, desde a ANC-Galiza queremos difundir o coñecemento do proceso de independencia catalán nun país, a nosa Galiza, que nun sentido nacional ten moitos paralelismos con Cataluña, por tradicións, por lingua, e por cultura de seu.

Agardamos que a nosa proposta sexa ben recibida polas galegas e os galegos, e que contribúa dun xeito positivo e enriquecedor nun debate necesario para este país.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.