Unha marca é unha identificación comercial ou profesional que agrupa signos distintivos dun produto ou servizo no mercado. É recoñecemento e garantía de autenticidade dun produto ou servizo prestado. No caso dos profesionais asóciase a unha profesión. Os colexios de adscrición obrigatoria, entre os que está o Colexio Oficial de Químicos de Galicia, teñen perfectamente asociada esa imaxe de marca profesional.
A Lei de Colexios e Servizos Profesionais obterá pronto a luz verde. E modificará substancialmente o concepto de Colexio Profesional se se aproba tal cal a redactou o Goberno central. Que lle sucederá a aqueles colexios, os químicos entre eles, que perdan a obrigatoriedade de colegiación e esta pase a ser voluntaria?
A Lei, en principio, permite exercer aos profesionais sen outras esixencias colexiais, agás para as profesións de colexiación obrigatoria: "...aquelas actividades profesionais ou profesións para as que estean capacitados, de acordo coa súa formación e experiencia..." (art. 18.4). Calquera que se considere capacitado, sexa cal for a súa formación académica, pode exercer a actividade que considere oportuna, sempre que esta sexa de colegiación voluntaria Quen supervisará a súa idónea formación e boa praxe? A resposta é sinxela. Quen non estea de acordo co servizo recibido xa non poderá recorrer en primeira instancia ao Colexio Profesional correspondente; deberá pola contra, acudirse no xulgado con procurador e avogado, presentar reclamación por insatisfacción de servizo, asumir os custos e esperar a resolución.
Desaparece de feito o concepto intrusismo profesional como elemento de control colexial, agás para profesións de colexiación obrigatoria.
Se isto chega a suceder deixará en evidencia a todos os profesionais desa actividade e a esa profesión. A súa imaxe de marca no mercado resultará danada. E no peor dos casos afectará o medio de subsistencia de moitos profesionais, comprometidos coa súa profesión ao longo dos anos. O obxectivo de liberalización de servizos pretendido pola Lei non é tal. O seu efecto máis ben incide en desregular a profesión e implicará a deterioración de servizos prestados a consumidores e usuarios.
Os Colexios Profesionais de adscrición voluntaria non representarán a profesión. Os actuais colexios obrigatorios aglutinaban os intereses comúns dos seus profesionais, favorecendo e achegando unha mellor prestación de servizos, evitando danos aos seus destinatarios; ordenando a actividade profesional; garantindo o correcto exercicio profesional a través do seu Código Deontolóxico. Creo que a sociedade non percibe os Colexios Profesionais como corporativistas e moito menos que apoie a nosa desaparición como institución reguladora da profesión. Non caiamos na tentación de eliminar de golpe todo aquilo que até agora funcionaba, non supón custos e ofrece á sociedade garantías do bo facer dos profesionais colexiados.