Semella que foi onte e xa van aló dez anos. O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), no que tiven a honra de participar, foi aprobado por unanimidade no Parlamento galego en setembro de 2004. É, con certeza, un dos feitos máis positivos dos sucesivos mandatos de Manuel Fraga á fronte da Xunta de Galicia. Houbo quen prognosticou, xa na década dos setenta do pasado século, que o galego morrería antes de que pasasen trinta anos. Trabucouse, por fortuna, e o galego, malferido e atacado nos últimos tempos, resiste en moitas capas da sociedade. Segue a ser unha lingua viva e aínda maioritaria, que usamos a diario miles de persoas. Pero hai un serio problema: o seu uso é cada vez menor nas novas xeracións urbanas. Debemos traballar todos para evitar o lingüicidio, e nesa tarefa os sanitarios temos un papel importante para mellorar a saúde do noso idioma.
O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), no que tiven a honra de participar, foi aprobado por unanimidade no Parlamento galego en setembro de 2004
Houbo un desenvolvemento lexislativo, despois da morte do ditador, que favoreceu a recuperación do galego. A Constitución de 1978, o Estatuto de Autonomía (1981), a Lei de Normalización Lingüística (Lei 3/1983) e o citado PXNLG (2004) foron avances moi importantes. A maiores do avance normativo houbo outros elementos moi positivos para revitalizar o idioma: a existencia de medios de comunicación en galego (TVG, radio e prensa escrita), o Xabarín e o Luar (elementos galeguizadores onde os haxa) e a perseverancia incombustible dos colectivos que traballan a prol da lingua e de boa parte da comunidade educativa, que non cesan no seu labor a pesar dos atrancos impostos desde o poder.
No ámbito sanitario o galego está practicamente ausente. Sobrevive nos centros de saúde do medio rural, mais nos centros urbanos e nos hospitais a presenza da nosa fala é residual
No ámbito sanitario o galego está practicamente ausente. Sobrevive nos centros de saúde do medio rural, mais nos centros urbanos e nos hospitais a presenza da nosa fala é residual. No PXNLG recórdase que “calquera manual deontolóxico dirá que o primeiro que precisa un enfermo é sentirse acollido de maneira personalizada. Neste caso, acollido na súa propia lingua, ese código lingüístico que leva directamente á afectividade da persoa que se quere auxiliar”.
Mais en Galicia dáse o fenómeno da ocultación da propia lingua: o paciente galegofalante inicia o contacto co médico en castelán, pois supón que ese é o seu idioma e pretende instalarse nese territorio lingüístico para facilitar a súa axuda profesional. É preciso, tal como reflicte o PXNLG, que os profesionais fagamos unha oferta positiva. Debe ser o profesional sanitario, de calquera nivel asistencial, “quen realice o camiño de aproximación lingüística ao paciente e non ao revés”. Tamén se recorda no PXNLG que a utilización da lingua galega na área médica contribúe a desbloquear o galego e a impulsar o seu uso mesmo noutras áreas pola elevada consideración social que teñen os servizos sanitarios favorece que as medidas de normalización do galego que neles se poñan en práctica resulten exemplares e teñan un impacto positivo na poboación, así como polo gran número de contactos que os cidadáns teñen co sistema sanitario, que multiplica o rendemento das actividades de promoción do idioma que se efectúen no dito sector.
Os profesionais debemos implicarnos nesta tarefa pois debemos garantir que ninguén se sinta discriminado polo uso do idioma e porque o uso compartido da lingua favorece a empatía e o entendemento entre o doente e o sanitario
A sanidade é clave para o mantemento e a recuperación do idioma galego e os profesionais debemos implicarnos nesta tarefa pois debemos garantir que ninguén se sinta discriminado polo uso do idioma e porque o uso compartido da lingua favorece a empatía e o entendemento entre o doente e o sanitario. A implicación dos profesionais é clave, e tamén a Administración sanitaria debe apoiar o uso do galego nos servizos de saúde. Mais cómpre recoñecer que a porcentaxe de profesionais comprometidos co galego é baixa e que a Administración amosa, cada vez con máis descaro, o seu absoluto desprezo polo idioma. A chegada ao poder de Núñez Feijoo en 2009 (que alimentou o inexistente conflito lingüístico para conseguir rédito electoral) provocou un grave retroceso na galeguización do sector e freou as tímidas medidas impulsadas polo goberno de Pérez Touriño.
Os altos cargos de Sanidade e dos hospitais empregan acotío o castelán, agás honrosas excepcións. A documentación interna dos centros sanitarios e as aplicacións informáticas non usan o galego como idioma principal. E todo isto sucede mentres segue vixente a Instrución 11/2005 sobre o emprego do galego nos documentos da Consellería de Sanidade e do Sergas, na que se establece con claridade que “deberá empregarse o idioma galego nas comunicacións escritas, orixinais ou normalizadas, que se produzan nos ámbitos de actuación da Consellería de Sanidade e do Sergas”.
Os altos cargos de Sanidade e dos hospitais empregan acotío o castelán, agás honrosas excepcións. A documentación interna dos centros sanitarios e as aplicacións informáticas non usan o galego como idioma principal
O PXNLG fai unha análise da situación do idioma na sanidade, delimita os puntos fortes e débiles do galego no sector e propón unha serie de obxectivos e medidas a implementar para procurar a recuperación e potenciación do galego neste ámbito. Non se restrinxe só á relación médico-paciente nin á actividade asistencial pública e privada, senón que tamén explicita medidas aplicables non ámbitos da Farmacia, a Veterinaria, os Colexios profesionais e os centros de formación. Todas as medidas propostas son factibles e viables, con baixo custo e grande rendibilidade para a potenciación do idioma. Mais falta o principal: a decisión política. O actual goberno non impulsa medidas de mellora do idioma senón todo o contrario. Esa dinámica provoca que o galego estea cada vez menos presente nas actuacións públicas da Administración sanitaria e na vida cotiá dos centros sanitarios. Tamén ten unha presenza residual nos Colexios profesionais e nas Facultades de Medicina, Veterinaria e Farmacia.
Un grupo de sanitarios crearon en 2011 a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA) que ten o propósito de recoller as propostas do PXNLG
Ante esta situación de parálise un grupo de sanitarios crearon en 2011 a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA) que ten o propósito de recoller as propostas do PXNLG e impulsar unha rede crecente de profesionais comprometidos coa lingua para promover actuacións dirixidas a recuperar a presenza do galego no mundo sanitario. En liña co PXNLG reclamaron á Administración sanitaria, por medio dun manifesto, que se cumpra a Instrución 11/2005, de forma que o idioma galego figure en toda a sinalización interna e externa dos Centros Sanitarios, e que a documentación escrita elaborada nos Centros Sanitarios para usos internos e externos (circulares, notas interiores, folletos, follas de instrucións, formularios, etc.), sexa redactada integramente en galego. Tamén solicitan da Administración que nos servizos de recepción e de atención ao usuario de todos os centros sanitarios de Galicia, o saúdo e o primeiro contacto cos usuarios (telefónico ou de presenza física) se faga sempre en galego, que sexa a lingua inicial e preferente nos soportes informáticos e nos programas utilizados nos centros sanitarios e administrativos do Sergas, e que os directivos do Sergas utilicen acotío o noso idioma no desempeño do seu labor e nas comparecencias públicas. Fíxose entrega pública deste documento ao representante da Administración sanitaria no transcurso da III Asemblea anual de ISAGA, celebrada en novembro de 2013 na sede da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia. Aínda non houbo resposta.
(Texto escrito a petición de Prolingua, para conmemorar os dez anos do PXNLG).