A empezos deste outubro, como cada ano, celebrouse o Día Mundial da Saúde Mental. O recentemente nado Movemento Galego da Saúde Mental tentou, con diversos actos ao longo do país, evidenciar a difícil situación cotiá que viven na Galiza as persoas que sufren un trastorno mental grave (TMG). O obxectivo era tornar o formalismo festeiro e autocompracente da data –deseño corrente da administración- en visibilización dos enfermos, en clarificación da súa situación, e en compromiso cas solucións, sendo canle para os propios doentes protagonizar ese día. Fronte á continua mesta brétema de desinformación oficial, compría evidenciar obxectivamente con números, documentos e experiencias, o desleixo da Consellería de Sanidade na atención a estas persoas.
Fronte á continua mesta brétema de desinformación oficial, compría evidenciar obxectivamente con números, documentos e experiencias, o desleixo da Consellería de Sanidade na atención a estas persoas
De entre as accións programadas polo Movemento, destacou a presentación no Parlamento de Galiza dunha Declaración, ca análise da situación e propostas concretas para o cambio, encamiñadas a combater o estigma e acadar a recuperación e integración social e laboral destes doentes, facéndose unha chamanda ao compromiso de toda a sociedade e dos poderes públicos con elas. Ademais pedíase a elaboración periódica dun Plan de Saúde Mental, o cumprimento da Lei de Dependencia, e medidas de discriminación positiva no eido social e laboral. Todos os grupos políticos (BNG, AGE e PSdG) agás o PP, comprometéronse a apoiala, e así fixeron, tal como se escenificou nunha rolda de prensa conxunta, e no posterior debate na Comisión de Sanidade do Parlamento, onde se discutiu como Proposición non de Lei (PNL).
Ademais, pedíase a elaboración periódica dun Plan de Saúde Mental, o cumprimento da Lei de Dependencia, e medidas de discriminación positiva no eido social e laboral
Foi precisamente no debate na Comisión onde se deu unha nova representación da "vella política", por rancia, da que o PP fai bandeira principal dende que, como mínimo, Núñez Feixóo asumiu o seu liderado na Galiza. Esta “vella política” ven definida polo desprezo aos cidadáns e aos seus representantes, á utilización perversa e interesada do poder, e pola violentación das institucións democráticas. No caso do PPdG, concrétase no sistemático uso da mentira e da propaganda, consolidando a "impostura política" como táctica a seguir, sexa nas institucións, nos medios de comunicación ou na rúa.
A quen lle correspondeu esta vez representar ese papel foi ao deputado popular Aurelio Núñez Centeno. Defendía unha enmenda do seu grupo á PNL da deputada do BNG, Montserrat Prado –precisamente a que recollía o apoio á Declaración do Movemento-. Mentiras, medias verdades, imprecisións, inexactitudes á mantenta ou por ignorancia, ocultacións, distracción do asunto principal, circunstancialidade nas formas e un descoñecemento manifesto. Todo formateado nunha verborrea de guarnición, e nun “pasafollas” tedioso. En suma: unha trapallada. Así, e novamente en sede parlamentar, este deputado ofreceu un exemplo xenuino de política resesa, de falsificación, de agochamento da realidade e de propaganda de “supermarché”, evitando ir ao fondo e núcleo do problema.
Minimizou a importancia dun Plan Estratéxico de Saúde Mental -co que contan case todas as comunidades autónomas-; apuntouse ao valor dos servizos sociais, mais obviando que os de Galiza sitúanse no posto 14 das 17 comunidades do Estado; evitou dicir que as alternativas sociosanitarias da Consellería non se axustan ás recomendacións internacionais na atención ao TMG; mentíu sistematicamente ao apuntarse a creación de dispositivos que levan décadas en funcionamento; deturpou a realidade ao nomear unidades e programas que están infradotados ou non funcionan; evitou falar da ausencia de plans contra o sucidio -Galiza ocupa o primeiro posto no Estado-; esqueceuse da morea de dispositivos básicos para a rede de saúde mental dos que Galiza carece; e de que Galiza ten as ratios de persoal especializado das máis baixas do Estado.
Minimizou a importancia dun Plan Estratéxico de Saúde Mental e apuntouse ao valor dos servizos sociais, mais obviando que os de Galiza sitúanse no posto 14 das 17 comunidades do Estado
Nun arriscado caneo en curto, mais na súa propia área, descubreu que existía outra Declaración, a de Feafes Galiza -federación das asociacións de familiares e persoas con enfermidade mental-, que tentou contrapor á do Movemento como se foran contraditorias –codia para ti, rafa para min-, comentando con entusiasmo os catro eixos da mesma, mais evitando entrar a fondo nela, mesmo surfeando con impericia xa que, de entrar no miolo, aparecerían as súas pantasmas: igualdade de dereitos para os doentes, plena integración social e laboral, referencias á modificación do Código Penal do PP que criminaliza ao enfermo e prívalle de dereitos, ausencia de cumprimento das guías clínicas, entre outros. Vaia, que preferiu non ir ao detalle. Dende o Movemento convidaríaselle ás Consellerías de Sanidade e Traballo a que cumpriran as solicitudes e posicionamentos da Declaración de Feafes. En definitiva, unha intervención propia do “mandado” de turno, do “encargado” do día. E non é a primeira vez: non hai moito, tamén no Parlamento, defendeu a explotación pola empresa Edgewater da mina de Corcoesto, cuestionando a veracidade e valor técnico dos informes da Universidade de Santiago a respecto da contaminación que causaría. Camaleónico e versátil. A licuación da representación política, pasando dun MacArthur-Forrest a un Kraepelin, sen cambiar a camisa.
A intervención triunfalista e propagandista do PP na Comisión supón unha falla de respecto para a Institución, para os propios afectados e para toda a sociedade
A intervención triunfalista e propagandista do PP na Comisión supón unha falla de respecto para a Institución, para os propios afectados e para toda a sociedade. Sorprende que estas prácticas parlamentares sexan algo habitual e que non causen estupor e pasmo. Calquera asalariado deste país sabe que a utilización da mentira, das inexactitudes, das medias verdades, e da impostura na actividade profesional, sería causa de despido ou de expediente disciplinar. Unha conducta impensábel e inaceptábel en calquera empresa, organización, grupo de traballo, ou mesmo asociación de veciños ou ateneo cultural. Por qué é tolerado con certos representantes do pobo?. Como é que un deputado pode en sede parlamentar espetar, sen o máis mínimo rigor, o que se lle ocurra? É aceptábel tal falla de seriedade, veracidade e coñecemento? Cómpre rematar xa con esta “vella política”. O protagonismo destes recadeiros debería ter os días contados. Cantos máis “aurelionuñezcentenos” deberá aturar aínda este país noso?.