Autenticamente mulleres

Soadas foron as palabras do ministro español de Xustiza hai unhas semanas, cando Alberto Ruiz-Gallardón se autoproclamou voceiro de todas as mulleres para sentenciar que a maternidade libre é o que nos fai autenticamente mulleres (se ben nesta categoría ‘mulleres’ que emprega o ministro non está nada claro que teñan cabida as lesbianas).

Xeito sibilino, malia que torpe, de converter a palabra libre en sinónimo demagóxico de imposta e de avogar así por unha imposición da maternidade en liña coas bases ideolóxicas do seu partido, perigosamente próxima a proclamas arrepiantes que pensábamos de outrora como que “a verdadeira vocación dunha muller é ser nai e esposa”.

Se cadra, xeito de insinuar unha invitación a que as mulleres regresemos ao fogar e saiamos do mercado laboral para axudar a solventar o problema do paro

Se cadra, xeito de insinuar unha invitación a que as mulleres regresemos ao fogar e saiamos do mercado laboral para axudar a solventar o problema do paro (xa se sabe, polo ben da familia). E para quen pense que esta conxectura é infundada e alarmista de máis, repárese en que o retroceso nos valores de igualdade é tan brutal que esta aberración pode xa escoitarse nalgún faladoiro televisivo, trasladada rapidamente ás conversas de rúa nunha linguaxe máis coloquial.

E así, de paso, coas mulleres na casa afórraselle ao goberno unha fortuna ao non ter que cumprir coa súa obriga de ofrecer servizos sociais e garderías para as crianzas, o cal si daría liberdade e seguridade a moitas para lanzarse á aventura de ser nai; afórraselle outra fortuna en políticas de conciliación, medidas de corresponsabilidade e permiso de paternidade máis longo, o cal abofé faría máis atractiva e libre a maternidade; afórraselle investimento en melloras da atención sanitaria a embarazadas para darlles máis alternativas de elección libre sobre como cada unha quere parir; e afórraselle outra fortuna máis en acabar coa temporalidade e precarización específica do emprego feminino, o cal vaia se permitiría a moitas mulleres saír da situación de (máis) pobreza na que viven. Todos estes, por certo, aforros sanguinarios que organismos impersoais como o Banco Mundial ou o Fondo Monetario Internacional impoñen desde arriba, sen se molestaren sequera en calcular as desgrazas humanas que levan parellas.

E xeito flagrante, o do ministro, de posicionarse en contra do dereito das mulleres grávidas a interromper libremente un embarazo indesexado de xeito gratuíto na sanidade pública e en condicións seguras

E xeito flagrante, o do ministro, de posicionarse en contra do dereito das mulleres grávidas a interromper libremente un embarazo indesexado de xeito gratuíto na sanidade pública e en condicións seguras, posicionamento este que fai moito máis vulnerábeis ás mulleres con menos recursos. Ai!, a interrupción voluntaria do embarazo, ese dereito que tanto custou volver recuperar no estado español, 75 anos despois daquel proxecto de lei sacado adiante nos últimos meses da II República pola ministra Federica Montseny, e abolido durante as décadas da ideoloxía conservadora no poder durante a ditadura franquista. Calquera parecido coa realidade... non é ficción.

Mentres na nosa sociedade o goberno estatal proclama que a maternidade libre é o que nos fai auténticas mulleres, noutros recantos do planeta os gobernos estatais someten a millóns de mulleres a esterilizacións forzosas

Mais analicemos as palabras gallardonianas desde unha visión máis global. Porque mentres na nosa sociedade o goberno estatal proclama que a maternidade libre é o que nos fai auténticas mulleres, noutros recantos do planeta os gobernos estatais someten a millóns de mulleres a esterilizacións forzosas. A práctica, de novo, fai máis vulnerábeis ás mulleres con menos recursos, e a inmensa maioría das esterilizadas son campesiñas e indíxenas. Un dos casos máis coñecidos poida que sexa o do Perú de Alberto Fujimori, trala reapertura hai uns meses do caso xudicial conseguido pola Asociación de Mujeres Afectadas por la Esterilización logo de anos de impunidade.

A maternidade obrigatoria para unhas e a negación da maternidade para outras son dúas caras da mesma moeda; a moeda do patriarcado

Na maior parte dos casos, as prácticas fanse sen o consentimento informado das mulleres e en condicións precarias que teñen levado á morte a milleiros de mulleres. Nalgúns outros, preséntaselles como único método contraceptivo dispoñíbel. E nalgúns máis, as mulleres sofren as chantaxes do goberno, até o punto de ofrecérenlles os medicamentos e alimentos que precisan para vivir coa condición innegociábel de se someteren a estas operacións que lles privan do dereito á maternidade. Detrás atópanse, mais unha vez, organismos internacionais como o Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial e mesmo gobernos primeiromundistas, que impoñen programas de redución da natalidade drásticos a certos países como cláusula imprescindíbel para negociar, por exemplo, a débeda externa.

A maternidade obrigatoria para unhas e a negación da maternidade para outras son dúas caras da mesma moeda; a moeda do patriarcado, ese modo estrutural de organización omnipresente que sitúa a mulleres e homes (en tanto que grupos sociais) en distintas posicións de poder nas relaciones sociais, económicas, políticas, culturais e interpersoais, que se materializa de forma diferente en sociedades diversas, e que tan ancorado está en Galiza e no mundo enteiro.

O que nos fai ás mulleres autenticamente mulleres e autenticamente persoas é a liberdade de decidirmos sobre as nosas vidas. Sobre os nosos dereitos reprodutivos. En Galiza e no mundo enteiro

Porque a estas alturas da película, que non nos enganen. Os individuos que gobernan o mundo van bos de saber que o que nos fai ás mulleres autenticamente mulleres e autenticamente persoas é a liberdade de decidirmos sobre as nosas vidas. Sobre os nosos dereitos reprodutivos. En Galiza e no mundo enteiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.