Para Bea de Xabier, ela xa sabe.
Unha última enquisa sitúa a Podemos coma primeira intención de voto no Estado español. Santo Deus, como demos chegamos a isto!
Unha última enquisa sitúa a Podemos coma primeira intención de voto no Estado español. Santo Deus, como demos chegamos a isto! Como un partido -ou que sexa que é- creado hai dous anos é quen de pasarlle por riba ao partido no goberno central e na meirande parte das Comunidades Autónomas (PP), e tamén por riba a un partido con mais de 100 anos de historia (PSOE)? A Dereita ve cambalear as súas opción de conservar o poder, e a Esquerda tradicional non atopa explicación ao feito de non seren eles a alternativa que demanda a sociedade; os de Beiras din que foron eles os que comezaron a revolución, e os do Bloque abren asembleas pola Galiza adiante para loitar contra o andazo dos mortíferos círculos morados. “E por riba o seu líder chámase igual ca o noso fundador, que xa é para mexar e non cichar pingueira ...”, díxome na taberna un amigo socialista enrabiado. Boteille un brazo por riba do ombreiro para animalo, e díxenlle: “Tranquilo, meu ... Mais se perdeu en Amio”. Pola cara que puxo, ou non lle chistou ou non sabía onde carallo quedaba Amio.
Ata onde sei e me dá a cabeza, na raíz do éxito espectacular de Podemos vexo catro ingredientes esenciais: A oferta dun futuro mellor, unha gran desfeita económica, un predicador aquelado e un potente altofalante
Ata onde sei e me dá a cabeza, na raíz do éxito espectacular de Podemos vexo catro ingredientes esenciais, que por si sós ou emparellados doutro xeito non terían meirande repercusión, pero os catro xuntos metidos na mesma cazola fan un manxar explosivo de texturas e sabores. Os tales son: A oferta dun futuro mellor, unha gran desfeita económica, un predicador aquelado e un potente altofalante.
Un futuro mellor. Podemos dinos que un mundo mellor e mais xusto é posible. Os partidos tradicionais tamén nos venden o ceo en cada proceso electoral, así que a de Podemos non deixaría de ser outra promesa mais. Por que, logo, cremos nesta e xa non naquelas? Porque os outros xa sabemos que non cumpren as promesas, direivos; e vos dirédesme, pero se todos os políticos son iguais, moito prometer antes de meter, e logo de metido, nada do prometido. Vale, non vos digo que non, que a política é un chisco de xestión e un moito de ilusión; e nunha situación normal, de paz e benestar, pois seguramente a promesa de Podemos sería unha mais e posiblemente tería un apoio minoritario, xa que, para que darlle a volta á tortilla se todos imos petiscando algo? Aquí entra o segundo ingrediente necesario.
A gran crise económica. E non unha crise calquera, de dous o tres anos, e con tres ou catro sectores afectados. Non señor, unha desfeita astronómica, ancha e fonda coma un burato negro, que fixo abrollar pobres coma cogomelos no outono e ciscou fóra toda a podremia acumulada nas entrañas do sistema nos últimos corenta anos. E PP e PSOE, xuntos ou en compañía doutros, negan a posibilidade doutro mundo fóra deste que eles construíron e que fai auga por tódolos lados, din que lle poñamos parches e o remendemos ata que amaine o temporal, que non hai outra. Os millóns de náufragos bracean cansos na mar brava, recollendo as manchas de chapapote da corrupción que aboian na auga e mirando resignados como uns poucos seguen a bordo enxoitos, os mesmos que furaron o barco. Nesas ven chegar camiñando sobre as ondas o terceiro ingrediente.
E Pablo Iglesias? Pois todo, mal que lle pese a moitos. Ademais de excelente predicador, é bo mozo, está na idade vizosa (Felipe tiña tamén tiña 36 no ano 78) e ten pelo abondo
Un predicador aquelado. Non un predicador de segunda, que ten que levar sempre os folios do discurso dobrados no peto da chaqueta e cando lle preguntan por onde queda Betanzos, vai e responde que chove moito; sen ter que ser un adonis ou unha afrodita, si debe ser bo de mirar, a poder ser con pelo abondo e sen bigote. Pensade no Felipe González do 1982, que tiña todo iso do que falo. Alguén dirá, e por que non Miguel Angel Revilla? Certo, bo predicador, pero gasta bigote, ten 70 anos e tivo poder, polo que colaborou na construción do sistema actual, na parte que lle tocara. E Xosé Manuel Beiras?, dirá o amigo Millán de Castroverde. Certo, tamén bo predicador, ghuapo cabaleiro con arrecendo mesiánico, pero na súa contra xoga tamén a idade e certa incontinencia verbal que lle aporta fanáticos e detractores a partes iguais. E Pablo Iglesias? Pois todo, mal que lle pese a moitos. Ademais de excelente predicador, é bo mozo, está na idade vizosa (Felipe tiña tamén tiña 36 no ano 78) e ten pelo abondo. Pero con telo todo, Pablo non pasaría de ser un badueiro de taberna se non contara co cuarto ingrediente necesario e suficiente.
Un potente altofalante. De pouco ou nada serve que teñas a palabra divina se careces dos medios para espallala. E Pablo Iglesias leva dous anos, día si e día tamén, predicando na Sexta, en Cuatro e Telecinco, en horarios principais e programas de gran audiencia. Daquela, que queredes que vos diga, a min non me sorprende o se éxito. Mais vos diría, confeso que mais dunha noite soñei que, aproveitando que o Miño pasa por Lugo e o voto é secreto, ía eu e dáballe o meu voto. Iso si, sen facelo público, que un é quen é e ten as súas crenzas e servidumes.